sábado, 25 de outubro de 2025

Un ben común. A preservación do espazo.

En marzo deste ano presentouse o Center for Space Environmentalism, unha organización que reúne un grupo de persoas preocupadas polo veloz desenvolvemento da explotación do espazo exterior sen que haxa a necesaria reflexión e as suficientes medidas de control para o coidado do medio ambiente espacial. Unha iniciativa que intenta pór o foco nun problema potencialmente moi grave antes de que sexa demasiado tarde e que conta entre os seus fundadores co profesor e investigador galego Salvador Bará. 

John C. Barentine
"Decidimos crear o centro a finais de 2024, en parte porque nos decatamos de que non existía ningunha entidade semellante que promovese os puntos de vista que compartíamos", explica por videoconferencia dende Tucson, Arizona, un dos promotores do centro, o astrónomo estadounidense John C. Barentine, un dos máis reputados expertos mundiais en contaminación luminosa e protección dos ceos escuros, que impartirá o 4 denovembro na Coruña unha conferencia sobre o asunto deste artigo convidado pola Agrupación Ío. Coa proliferación de satélites como ameaza real e presente para a observación amadora e profesional do firmamento nocturno, o centro aspiraba a ir máis alá en favor dunha perspectiva máis ampla do medio espacial e o estudo e a divulgación dos moi diversos impactos que as actividades humanas fóra da Terra poden supor, nun momento no que xa é evidente que o capitalismo puxo o ollo no aproveitamento económico das órbitas arredor do noso planeta e doutros corpos do sistema solar. A manifestación actual máis clara deste feito son as constelacións de satélites de telecomunicacións impulsadas por billonarios como Elon Musk ou Jeff Bezos, que se venden como unha ferramenta para a mellora do acceso global a Internet mais cuxa principal virtude, a "baixa latencia de sinal" ou redución do tempo de resposta na comunicación, ten as súas máis eficaces aplicacións nas operacións militares (o guiado e toma de decisións en tempo real das accións de guerra) e na economía especulativa (dos investimentos nos mercados bolsistas ao negocio das apostas en liña). A comezos deste século había arredor de mil satélites arredor da Terra; hoxe a compañía Starlink por si soa multiplica por dez esa cifra e as previsións apuntan un horizonte non moi afastado con até cen mil entre os diversos operadores públicos e privados (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Sermos Galiza que acompaña  Nós Diario o sábado 25 de outubro de 2025. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo nesta ligazón. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario