![]()  | 
| Begoña Vila. Imaxe: Universidade de Vigo. | 
Traballar no James Webb é unha desas oportunidades que pasan unha vez na vida; levo nel 18 ou 19 anos, e espero seguir. É unha colaboración internacional da NASA e as axencias espaciais canadense e europea; eu tiven a sorte de empezar a traballar na compañía que estaba facendo os dous instrumentos que eran a contribución de Canadá, un instrumento científico e outro que era crítico para a misión porque é o que se encarga de apuntar e manter o telescopio estábel. Aínda estou traballando neles. Foi toda unha experiencia desenvolvelos e despois integralos cos outros instrumentos; facer as probas na NASA e ter a oportunidade de dirixir unha das probas frías –nas que se simulan as condicións de baleiro e a temperatura extremadamente baixa que hai no espazo–; estar nas probas de Houston, que é un lugar icónico, despois no lanzamento na Güiana Francesa e agora na zona de operacións que é o Space Telescope Science Institute en Baltimore.
Para min é moi especial o instrumento de guía, que ás veces se esquece un pouco. Para que se poida facer ciencia temos que atopar unha estrela e “enganchala” ben. No Universo hai zonas que teñen moi poucas estrelas e outras que teñen moitísimas; o desafío que temos é en cada caso encontrar e fixar unha en particular. Xusto agora acabamos de observar o centro da galaxia, unha zona moi difícil para fixar as estrelas; estivemos os últimos dous anos e medio mellorando o catálogo. O Webb é incríbel, cada semana temos unha reunión de operacións e nela sempre se presenta algunha científica ou científico que fala do que está facendo co telescopio, que nos serve para mirar moi lonxe, buscar exoplanetas, observar o noso sistema solar... e toda a xente está moi agradecida pola calidade dos datos que están recibindo, o cal é moi inspirador para quen traballamos no proxecto. E que siga por moitos anos! (...) 
Martin Pawley. Entrevista publicada no Nós Diario o 30 de outubro, quinta feira. Podes ler a entrevista completa no sitio web do xornal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario