sábado, 20 de setembro de 2025

Entrevista a Ricardo Cao: "Na Galiza temos menos prazas de Medicina das que corresponderían"

Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965) comeza o seu segundo curso completo como reitor da Universidade da Coruña (UDC) co obxectivo de afondar na internacionalización e reafirmando a vontade de implantar unha titulación de Medicina co foco posto nas novas tecnoloxías, ao tempo que asume o desafío de que a universidade se abra ao conxunto da sociedade e participe nos grandes debates do presente “para pór a racionalidade enriba da mesa”. 

Ricardo Cao. Foto: Martin Pawley.
Como afronta a Universidade da Coruña o novo curso?
Nos graos 95% das prazas ofertadas están cubertas, o cal significa que en 45 dos 55 que temos xa se cubriron hai unhas semanas, e sumamos 3400 novos estudantes. En total temos uns 13.300 nos graos, e chegamos a 17.000 contando doutoramentos e mestrados, se ben nestes dous últimos casos non se pode facer un balance definitivo porque os prazos de matriculación aínda están abertos. Esa cifra exclúe os títulos propios, que son moi cuantiosos, como por exemplo a Universidade Sénior, á que asisten outras 1.000 persoas.
Para alén dos números, o curso trae retos importantes. Fomos a primeira universidade galega que aprobou estatutos, no mes de maio, e en canto se publiquen no Diario Oficial da Galiza (DOG) teremos que traballar para pór en marcha o que está previsto neles, facer algunha normativa ou anovar por completo os órganos de goberno.
Unha área na que levamos traballando desde que tomei posesión é a internacionalización, e 2025 marcou un antes e un despois, porque supuxo o comezo da Alianza 'Emerge', na que participamos nove universidades da periferia europea. No ADN desta alianza está reforzar o multiculturalismo e o plurilingüismo, fomentar títulos conxuntos e a mobilidade do alumnado, do profesorado e do persoal técnico, de xestión, administración e servizos. Esa internacionalización non queda só en Europa e olla tamén para outras rexións do mundo, en particular Latinoamérica; asinamos varios convenios de colaboración con universidades, sobre todo en Arxentina e Chile, e temos outras na nosa mira de cara a facer títulos dobres e que estudantes de alí veñan aquí, e viceversa. Iso vai ser ademais moi importante para encarar outro asunto vital, non só para a universidade, senón para Galiza, que é o problema demográfico, mais eu penso que as universidades podemos ser unha ferramenta para revertelo. A escaseza de poboación en determinadas faixas de idade xa está aí, mais as universidades podemos atraer poboación nelas para que veñan facer graos ou mestrados. Temos que facer que resulte atractivo á poboación doutros países culturalmente próximos, como os hispanofalantes ou os da lusofonía, vir ás nosas universidades, e iso vai permitir fixar poboación.

Unha cuestión relacionada é a remuda xeracional. Nos próximos anos vaise xubilar unha gran cantidade de docentes e se non se produce esa remuda poden perderse áreas enteiras de coñecemento...
Esa é unha cuestión que me preocupa moito como reitor. Xa o comentamos na campaña electoral, porque o persoal imos –inclúome– tendo unha idade. A creación de grupos de investigación é moi lenta e laboriosa, mais a desaparición pode producirse de forma rápida, e de aí a importancia da remuda. Hai que louvar programas como o María Goyri, o acordo entre o Ministerio e as comunidades autónomas que facilitou a contratación de profesorado axudante doutor, no noso caso 30 prazas financiadas polo Estado e mais outras 19 que van cun pouco máis de demora financiadas pola Xunta. Estamos estudando outras formas de captación de talento para favorecer a renovación, sobre todo dunha forma colaborativo con outras institucións (...)

Martin Pawley. Entrevista publicada no Nós Diario o sábado 20 de setembro. Podes ler a entrevista completa no sitio web do xornal.

sábado, 6 de setembro de 2025

Entrevista a Isabel Rebollido: "Dá vertixe pensar que poida haber centos de miles de Terras fóra da nosa galaxia"

Doutora en Astrofísica e na actualidade investigadora no Centro Europeo de Astronomía Espacial (ESAC, polas súas siglas en inglés), o centro da Axencia Espacial Europea en Madrid, Isabel Rebollido (Boiro, 1989) suma á súa valiosa traxectoria profesional no estudo da formación dos sistemas planetarios un compromiso firme en favor da divulgación do coñecemento científico en todas as capas da sociedade, tanto entre a rapazada e a mocidade como entre a poboación adulta. 

Isabel Rebollido durante a entrevista na redacción do Nós Diario. Imaxe: Arxina.

Desde nena quería ser astrofísica, mais cando viu claro que o seu campo de traballo sería a formación de sistemas planetarios?
Eu son da primeira xeración que conviviu cos exoplanetas, o que supuxo un cambio de paradigma moi grande; sempre pensei que se me facía astrofísica investigaría os sistemas planetarios. No mestrado fixen un traballo sobre exoplanetas, logo tiven unha bolsa sobre formación de planetas en Madrid e xa enganchei con iso. No inicio do doutoramento estabamos en plena crise e o financiamento en ciencia era mínimo; moitos compañeiros meus tiveron que marchar. Eu tiven a absoluta sorte de que saíu unha praza para facer a tese con Benjamín Montesinos e Eva Villaver; presentáronse moitos candidatos, mais colléronme a min.

O estudo da formación dos sistemas planetarios permite sabermos máis sobre como se orixinou hai miles de millóns de anos o noso sistema solar, mais tamén sobre os sistemas que se están formando “agora”. É un suxestivo xogo entre o pasado e o presente.
E o futuro! No sistema solar nós só puidemos observar, sendo optimistas, os últimos 500 anos, punto, así que para sabermos como chegamos até aquí e que vai pasar despois hai que mirar noutros lados, e aí é onde empeza a busca de discos protoplanetarios. Cando empezamos a descubrir sistemas planetarios noutras estrelas o primeiro que se atopou foron planetas máis grandes ca Xúpiter orbitando a súa estrela máis perto do que Mercurio está do Sol, os “Xúpiteres quentes”, e iso non é o que hai aquí. Agora que xa podemos detectar máis planetas comprobamos que os máis habituais son un pouco maiores ca a Terra, nun rango entre a Terra e a Neptuno, mais houbo un momento de dúbida nos anos 90 e principios dos 2000 e a maneira de entender aquilo foi buscar outros sistemas en formación e ver que pasa nesas fases. A min gústame moito o tema da evolución da vida na Terra. Unha hipótese que nunca se probou mais que todo o mundo ten medio aceptada é a do transporte de materiais: a auga que hai na Terra chegou aquí traída por asteroides e cometas. Se iso pasou aquí, pasa tamén noutros sitios? Aí entran en xogo os exocometas, obxecto da miña tese, que son os corpos que poden apuntar se hai un transporte de materiais dunha zona a outra, que cantidade de material, que tipo de órbitas, que influencia poden ter nos exoplanetas... e logo iso pódelo extrapolar aquí (...) 

Martin Pawley. Entrevista publicada no Nós Diario o sábado 6 de setembro. Podes ler a entrevista completa no sitio web do xornal.

venres, 5 de setembro de 2025

O sublime amor da amizade

Anoche conquisté Tebas (Gabriel Azorín, 2025)

Inspiradas pola frutuosa traxectoria da Quincena de Cineastas de Cannes, en 2004 dúas asociacións de profesionais do cinema de Italia puxéronse de acordo para fundar, ao abrigo da Mostra de Venecia, un evento independente, as Giornate degli Autori, máis aberto á creación independente e innovadora. Á marxe das tentacións cara aos títulos de impacto e as celebridades que inevitabelmente invaden os grandes festivais, a programación desta clase de seccións paralelas pode (ou debe) guiarse tan só polo valor cinematográfico das propostas que acolle, sen medo a incumprir expectativas: ninguén agarda que da Quinzaine ou das Giornate saian, para entendérmonos, algúns dos filmes máis populares do ano a nivel mundial ou que sirvan como antesala dos Oscar, como si acontece coas competicións de Cannes e de Venecia. Felizmente, hai moita vida (e as máis das veces, mellor) fóra dese primeiro plano da atención mediática tutelada polas axencias de vendas e as campañas publicitarias.

O 2 de setembro tivo a súa estrea oficial nas Giornate, como preludio dunha encomiábel carreira internacional, o filme Anoche conquisté Tebas, dirixido por Gabriel Azorín e con espléndido guión del e do consigliere Celso Giménez, unha coprodución entre DVEIN Films, Filmika Galaika e Bando à Parte que é xa un dos títulos fundamentais de 2025 (e da década). No inicio, un grupo de mozos que falan portugués cruzan unha poza pantanosa e chegan até unha construción abandonada mentres charlan sobre un xogo virtual de guerra no que tomaron parte. Un espectacular plano aéreo amósanolos de camiño a un antigo campamento romano, o ourensán Aquis Querquennis, onde proseguirán a charla mentres se moven entre os restos históricos (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 5 de setembro de 2025, sexta feira. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.

luns, 1 de setembro de 2025

La protección del espacio

Una nueva organización nos invita a pensar en el espacio exterior como un medio que debemos preservar.

* * *

Earthrise, fotografía tomada por Willam Anders dende o Apollo 8

A mediados de marzo se dio a conocer al público el Center for Space Environmentalism, una organización que aspira a servir como nodo de actividades relacionadas con cualquier aspecto del entorno espacial, o del espacio entendido como «medio ambiente» que debe ser cuidado. Fundaron el centro un grupo de nueve personas preocupadas «por el rápido desarrollo del espacio exterior en ausencia de medidas de protección significativas», entre las que están el admirado Salvador Bará, profesor jubilado de Física en la Universidad de Santiago de Compostela y uno de los mayores expertos mundiales en contaminación lumínica; John Barentine, doctor en astronomía por la Universidad de Texas, autor de dos apasionantes libros sobre constelaciones que aparecían en los atlas del pasado, The Lost Constellations y Uncharted Constellations, e incansable investigador y activista en la preservación de la noche que, por cierto, recibiremos en A Coruña a comienzos de noviembre invitado por la Agrupación Astronómica Coruñesa Ío (adivinen de qué nos va a hablar: de la protección del espacio, en efecto); Paul Bogard, profesor de escritura creativa y literatura en la Universidad Hamline de Minnesota a quien le debemos un libro esencial para entender qué es la contaminación lumínica y su impacto en el patrimonio cultural y social, The End of Night: Searching for Natural Darkness in an Age of Artificial Light; o Aparna Venkatesan, cosmóloga de la Universidad de San Francisco que además ha desarrollado un valioso trabajo en favor del legado astronómico de los pueblos originarios de todo el mundo (...)

Martin Pawley. O artigo completo pode lerse na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, número 315, setembro de 2025. As persoas subscritoras poden acceder á revista no seu sitio web.