sábado, 20 de setembro de 2025

Entrevista a Ricardo Cao: "Na Galiza temos menos prazas de Medicina das que corresponderían"

Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965) comeza o seu segundo curso completo como reitor da Universidade da Coruña (UDC) co obxectivo de afondar na internacionalización e reafirmando a vontade de implantar unha titulación de Medicina co foco posto nas novas tecnoloxías, ao tempo que asume o desafío de que a universidade se abra ao conxunto da sociedade e participe nos grandes debates do presente “para pór a racionalidade enriba da mesa”. 

Ricardo Cao. Foto: Martin Pawley.
Como afronta a Universidade da Coruña o novo curso?
Nos graos 95% das prazas ofertadas están cubertas, o cal significa que en 45 dos 55 que temos xa se cubriron hai unhas semanas, e sumamos 3400 novos estudantes. En total temos uns 13.300 nos graos, e chegamos a 17.000 contando doutoramentos e mestrados, se ben nestes dous últimos casos non se pode facer un balance definitivo porque os prazos de matriculación aínda están abertos. Esa cifra exclúe os títulos propios, que son moi cuantiosos, como por exemplo a Universidade Sénior, á que asisten outras 1.000 persoas.
Para alén dos números, o curso trae retos importantes. Fomos a primeira universidade galega que aprobou estatutos, no mes de maio, e en canto se publiquen no Diario Oficial da Galiza (DOG) teremos que traballar para pór en marcha o que está previsto neles, facer algunha normativa ou anovar por completo os órganos de goberno.
Unha área na que levamos traballando desde que tomei posesión é a internacionalización, e 2025 marcou un antes e un despois, porque supuxo o comezo da Alianza 'Emerge', na que participamos nove universidades da periferia europea. No ADN desta alianza está reforzar o multiculturalismo e o plurilingüismo, fomentar títulos conxuntos e a mobilidade do alumnado, do profesorado e do persoal técnico, de xestión, administración e servizos. Esa internacionalización non queda só en Europa e olla tamén para outras rexións do mundo, en particular Latinoamérica; asinamos varios convenios de colaboración con universidades, sobre todo en Arxentina e Chile, e temos outras na nosa mira de cara a facer títulos dobres e que estudantes de alí veñan aquí, e viceversa. Iso vai ser ademais moi importante para encarar outro asunto vital, non só para a universidade, senón para Galiza, que é o problema demográfico, mais eu penso que as universidades podemos ser unha ferramenta para revertelo. A escaseza de poboación en determinadas faixas de idade xa está aí, mais as universidades podemos atraer poboación nelas para que veñan facer graos ou mestrados. Temos que facer que resulte atractivo á poboación doutros países culturalmente próximos, como os hispanofalantes ou os da lusofonía, vir ás nosas universidades, e iso vai permitir fixar poboación.

Unha cuestión relacionada é a remuda xeracional. Nos próximos anos vaise xubilar unha gran cantidade de docentes e se non se produce esa remuda poden perderse áreas enteiras de coñecemento...
Esa é unha cuestión que me preocupa moito como reitor. Xa o comentamos na campaña electoral, porque o persoal imos –inclúome– tendo unha idade. A creación de grupos de investigación é moi lenta e laboriosa, mais a desaparición pode producirse de forma rápida, e de aí a importancia da remuda. Hai que louvar programas como o María Goyri, o acordo entre o Ministerio e as comunidades autónomas que facilitou a contratación de profesorado axudante doutor, no noso caso 30 prazas financiadas polo Estado e mais outras 19 que van cun pouco máis de demora financiadas pola Xunta. Estamos estudando outras formas de captación de talento para favorecer a renovación, sobre todo dunha forma colaborativo con outras institucións (...)

Martin Pawley. Entrevista publicada no Nós Diario o sábado 20 de setembro. Podes ler a entrevista completa no sitio web do xornal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario