O cineasta Sérgio Oksman levaba máis
de vinte anos sen ter contacto co seu pai, Simão, cando, nunha viaxe a
São Paulo en 2013, decidiu ir na súa procura. Atopouno e do reencontro
xurdiu unha promesa: a de viviren xuntos o ano seguinte a Copa do Mundo
de fútbol que se celebraría no Brasil. O acordo é o punto de partida dun filme que engana pola súa aparente transparencia. Sérgio documenta as
semanas compartidas cos jogos como escusa para a convivencia de pai e
fillo, jogos vistos nas pantallas de televisión dos bares ou apenas
intuídos, na distancia, polos berros dos asistentes aos estadios. Mais o futebol que verdadeiramente liga aos dous é o do pasado, o dos anos 70,
o que viviron aínda en familia. O presente é a amargura e a derrota, a
persoal e a colectiva. O proxecto cinematográfico fora concibido
inicialmente con regras e estruturas formais fixas para retratar a
rutina -e mesmo o tedio- no día a día de traballo e crucigramas do pai
recobrado, coa paisaxe de fondo dun país devorado pola loucura escapista
do Mundial e as Olimpíadas. Mais a rigorosa planificación fica alterada
pola realidade da vida, que desvela paralelismos inesperados, e aínda
máis pola realidade da morte. Foron precisos moitos meses de montaxe
para que Oksman e Carlos Muguiro re-pensaran e deran nova forma ao
material fermoso e delicado, emotivo porque non quere ser melodramático,
deste documental que algunha vez quixo ser ficción.
A story for the Modlins, outro relato dun fracaso, anuncia no título a súa
intención, que non é a de explicar o misterioso retiro en España dunha
familia americana senón inventar para eles unha historia. Unha desas
historias ocultas que, porén, transcorren diante dos nosos ollos, tan
diante de nós que esta até comeza na pantalla do cinema, co patriarca,
Elmer, como extra dun filme mítico, Rosemary's Baby. Ao final o que
resta dunha vida, por estraña que for, pode non ser máis que unha
colección de fotografías, vídeos e recordos tirados a un contentor de
lixo na rúa.
Martin Pawley. Texto escrito para a folla de sala da proxección de "A Story for the Modlins" (2012) e "O Futebol" (2015) no "Há Filmes na Baixa" do Porto/Post/Doc. Texto en portugués, aquí.