xoves, 5 de novembro de 2015

Premio Cineuropa 2015: Miguel Gomes

 
A Miguel Gomes (Lisboa, 1972) encántalle que lle conten historias. Encántalle a narración na súa forma máis básica, alguén que vén e enfía un relato. Unha voz que explica algo que sucedeu, real ou imaxinario, é sempre un bo principio, ás veces é máis que suficiente. Mais para ser bo contando historias primeiro hai que ser bo escoitándoas. Miguel é con certeza un gran escoitador e iso fixo del un dos máis grandes fabuladores do noso tempo.

Fabulador si, mais nunca escapista. Non emprega a ficción para fuxir da realidade, para inventar mundos de fantasía nos que ao final os malvados perden e a ledicia se estende de maneira imparábel. A ficción non é un refuxio para esquecer as tristezas e insatisfaccións do cotián, non é un sucedáneo da felicidade, senón unha ferramenta máis para o coñecemento do mundo. A capacidade creativa humana sabe xogar á vez co real e o imaxinario, podemos valernos dos dous para afrontar mellor cada “que”, “como” e “por que” que se presenta diante de nós. Disolver as fronteiras entre os relatos sucedidos e os inventados, entre o documental e a ficción, non é unha vía para o pesimismo nihilista do “todo é mentira e entón todo dá igual”, senón un saudábel camiño de integración, o do “todo vale porque de todo se aprende”. E igual que precisamos afastarnos das árbores para ver enteiro o bosque, convén coller distancia da realidade para obter dela unha visión máis complexa e completa.

Deste exercicio totalizador ofrece probas abondosas e excelentes a filmografía de Miguel Gomes. Tamén dun espírito lúdico, que non insensato, que definía xa a súa primeira longametraxe, A cara que mereces (2004), ou unha curta libérrima e fermosísima, Cântico das criaturas (2006). Aquele querido mês de agosto, recibida co entusiasmo xeral da crítica no Festival de Cannes de 2008, facía evidente a mestría dun autor que levaba un retrato naturalista dos calorosos veráns no interior portugués -tan facilmente recoñecíbeis polos galegos na súa rutina de verbenas e incendios forestais- cara ao terreo dramático dos desencontros amorosos sen consolo. Tabú, premio Alfred Bauer e FIPRESCI na Berlinale de 2012, erguíase sobre os ombros do cinema clásico para darlle unha forma nova a un relato novelesco de paixóns adúlteras e desenlace tráxico. Logo, en 2013, Redemption, o xesto xeneroso de intentar meterse na cabeza de catro aterradores monstros contemporáneos. Un filme político de trinta minutos que dá paso a outro de seis horas: o Portugal de hoxe condensado nunha obra mestra en tres volumes, As Mil e Uma Noites (2015). Un filme que é moitas cousas, que é todas as cousas, mais acaba por ser esencialmente unha: a emocionante reivindicación da nosa necesidade de buscar beleza e de crear beleza. De atender ao canto dos paxaros. De inventar contos, para dicir quen somos.

Martin Pawley. 

* * * * *

Miguel Gomes recibirá o Premio Cineuropa o venres 13 de novembro ás 20:00 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Máis información e programación completa no sitio web de Cineuropa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario