domingo, 27 de abril de 2014

Proxecto NIMBOS: Coma unha escada (Carlos Álvarez-Ossorio, 2014)



Curtametraxe de Carlos Álvarez-Ossorio para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Con José María López Baño "Tanas".

Coma unha escada

Lémbrome ben do vento que cantara
no fío da túa morte, meu amigo,
dos doces días que arrastróu o vento,
da derradeira pomba da esperanza.

Sobor da escuma dos recordos fría
navega un nome cara a min, sen nada,
o eco dunhas zocas afogándose
no veludo sin fin da eternidade,
a sombra longa dunhas maus, xa cougas
na lus da tarde, feita monumento.

Tódalas cousas morren esta tarde
con longuísimas sombras, baixo a muda
roda sin dó. Pro ti, ¿pra qué estás morto?
Antra esfera onde estás i a miña sombra
unha oración que no esperabas tira
unha canle de lus coma unha escada.

Desfaise o tempo, faise a lus, e case,
case baixar te vexo pola escada
de lus pra acabar xuntos esta hestória
que, por un erro, interrompéu a morte.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

mércores, 23 de abril de 2014

Proxecto NIMBOS: Alfa i Omega (Alexandre Cancelo, 2014)



Curtametraxe de Alexandre Cancelo para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Coa colaboración de Olalla Lojo, Mónica Vacas, Rafael Romero, Marco Maril, Telmo Castillo e Daniel Castillo.

Alfa i Omega

Foi o comezo do tempo un berro de sede dende a lus.
A vocación do mundo é subir antre cadabres por un camiño de sede e lusquefús.
A espranza do mundo é o amor consumido de sede na consumación da crus.
A fin suprema do tempo é un estalido de groria na lus.

Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.

martes, 1 de abril de 2014

De jueves a domingo e El árbol magnético: Exquisitas, delicadas,diferentes e afíns

por Miguel Castelo

Con escaso tempo de diferenza, a chilena de Santiago, Dominga Sotomayor (1985), e a galega de Ferrol, Isabel de Ayguavives (1974), deron rematado a súa primeira longametraxe: De jueves a domingo (Chile, 2012) e El árbol magnético (España-Chile, 2013), respectivamente. Dúas historias delicadamente diferentes que gardan certas semellanzas nas súas formas expresivas e nas que se producen curiosas coincidencias, que se sinalan e intentan analizar nas liñas a seguir.


Cos créditos: tímidos chíos de paxariños deixan sentir sucesivamente pasos en exterior e auga a saír dunha mangueira. De madrugada. Unha ampla mampara acristalada, xanela estruturada en cuadrículas de madeira, separa dous espazos: en primeiro termo, na penumbra, nunha cama coa cabeceira á esquerda alguén dorme; tras a vidreira, no que semella ser un patio interior, percíbese a presenza dun coche á esquerda, a cuxa dereita, baixo a tenue luz dunha lámpada na fachada da vivenda e a procedente do interior da xanela contigua, unha muller rega o chan cunha mangueira; remata e métese no interior por unha porta, á dereita e fronte ao lateral dereito do coche, e volve saír cun brazado de roupa que mete no vehículo. Séntese abrir a porta da habitación e unha voz masculina que murmura tranquilizadora -Eso-, e, ao pouco, procedente da dereita, un home chega ao lateral do leito cun vulto, que semella humano, no brazo dereito; colle o corpo miúdo que alí repousa -Chissst! Ven. Súbete arriba mío-, que visto en lene contraluz semella dunha nena, e volve saír por onde entrou. Ao lixeiramente crecente rechouchío dos paxariños que preside a escena, sumase agora o ladrar dun can. A muller trafega no interior do vehículo pola súa parte posterior coa porta alzada, conclúe e vai cara o fondo. Pola porta da dereita sae o home con dous corpos infantís adurmiñados en brazos que leva ao interior do vehículo, primeiro pola dereita e logo pola esquerda. Déixase sentir o motor do coche e ao tempo acéndense as luces de situación traseiras. Á dereita, ábrese a xanela da casa e a muller pasa un vulto que o home recolle desde o patio e introduce no coche, pechando deseguido a porta traseira. A muller sae ao patio, entrega un novo obxecto ao home, ao tempo que lle pregunta -¿Estás seguro de que quieres que vaya? -Lo hemos conversado ya-, responde o home, quen entra na casa, apáganse as luces do interior e a da fachada, volve sair ao patio, cerra a porta, entra no coche, que logo de arrancar se detén ao pouco, séntese pechar unha cancela de ferro, ladra un can, e o automóbil pónse definitivamente en marcha.


Cos créditos: música tintinante. Amañece. Imaxes de paisaxe de alta montaña, ás que se suma o rumor da natureza, dan paso a un sinal que reza “Sr. Turista: Vd. se encuentra en una zona magnética”, sucédense agora espazos de vexetación próxima, nos últimos dos que se intúe a parte frontal dunha casa, progresión que culmina coa presenza dun coi que, amarrado nunhas columnas, mostra na súa lona unhas follas secas, indicadoras de que leva tempo fóra de uso. Nun sombrizo interior da vivenda, unha enmarcada fotografía dunha moza que olla por unha xanela ocupa parte dunha parede. Cesa aquí a música tintinante que, logo da sucesión dos créditos, veu subliñando o conxunto visual. Nunha habitación en penumbra, na metade da parte superior dunha cama, deitada de costas de esquerda a dereita, repousa unha muller nova de cabelo curto e lixeiramente rizo, provista dunha prenda branca. Amodo, vírase cara arriba e, desde distintos puntos de vista, vai acordando até se erguer, deixando ver ao fondo, distante, a foto da parede; as súas mans aproxímanse aos pes nus e collendo o leito pola súa parte inferior volve situar un dos seus extremos enriba dunha marca pintada no chan. Saíndo da alcoba, a moza entra noutra estancia, amodo, situándose no novo día; no seu vagaroso camiñar roza levemente coa man esquerda o cano dunha das dúas escopetas horizontalmente penduradas na parede da dereita. Noutra peza, un esférico reloxo de parede marca en números romanos as dez menos uns minutos; a parálise do segundeiro e o ruído do mecanismo indican que o aparello está fóra de xogo. Na cociña, onde a través dunha xanela en ángulo se percibe a vexetación do exterior, a moza saca do frigorífico un pequeno recipiente de plástico, do que cun dedo proba algo cremoso de cor marela, se cadra un doce de froita. No exterior, no que semella un xardín rústico, de costas, aínda en roupa de cama, manexa unha mangueira coa que rega. Achégase agora á ramaxe dunha árbore da que ripa varias froitas, mentres os paxariños saúdan cos seus chíos o novo día. Enriba da mesa da cociña, unha cestiña de froitas marelas descansa a carón dun recipiente circular de plástico (se cadra, o de antes), no que se pode ler “Puré de lúcuma”. Vista desde o exterior, a moza utiliza a vidreira da xanela da cociña a modo de espello, entre tanto semella agardar algo; máis alá da estancia, ao fondo, unha muller aparece e olla cara o exterior, entorna a contra, achégase e saúdaa -Te despertaste temprano!-, cun bico -¿Cómo dormiste?, -Umm, -¿Tú comiste esto? -Umm -Esto es para el invitado. …te voy a contar-; a moza na mesma posición sérvese auga quente para a súa infusión, entre tanto a muller procura algo ao fondo, ás súas costas; a moza, sen se virar, abandona o laconismo das respostas anteriores -¿Qué buscas ahí? ¿Qué buscas ahí, mama? -¿Trajimos azucar? [a moza indícalle verbalmente o lugar do azucre: non se percibe con claridade o que di], a muller vai ao sitio indicado -La manía de tu papá…, e considera en alta voz as súas preocupacións domésticas -Tenemos que ir a comprar… Tengo que bañarme -¿A qué hora llega el Bruno?, pregunta a moza, -A las doce. Tu papá sabe. ¿Qué hora es? -No sé, responde a moza, saíndo da cociña. Ante o espello do cuarto de baño, onde chegan as voces da conversa dos pais no exterior -Papá, ¿tú apagaste el despertador? -Yo no. Deben ser las pilas. -Bueno, ahora me entero. No, Diego. Nada de eso ahora. -Relájate [e engade algo agarimoso, que non se entende] -¡Con todo lo que hay que hacer!, a moza, con curiosidade demorada, alisa os rizos do cabelo e muda a blusa escura que leva por unha máis clara e floreada; petan na porta, entra a nai e, ao tempo que sae a moza, óllase de pasada no espello tocando fugazmente o cabelo, volve saír e pecha a porta.

Así é como as historias de De jueves a domingo (Dominga Sotomayor / 2012) e El árbol magnético (Isabel Ayguavives / 2013), dun modo moi semellante, se poñen a camiñar. Non as une o estilo visual: un plano secuencia fronte a unha exposición fragmentada, un único espazo e espazos diversos, un punto de vista único e dezaoito puntos de vista diferentes, o que se traduce nun diferente tempo narrativo, máis alá de que entre as dúas secuencias só medie unha diferenza de dezaseis segundos: 03:52 a primeira e 04:08 a segunda. Porén, habendo maior información na segunda, existe en ambas un laconismo expositivo e unha sutileza que as aproxima. Unha sucinta información que non deixa de revelar que estamos ante o limiar dunha viaxe dunha parella, na que media algún punto de desacordo, e uns nenos, non sabemos cara onde nin con que consecuencias; e fronte ao comezo de xornada dunha moza que, por algunha razón descoñecida, ese día espertou máis cedo do habitual. Malia contar a segunda cunha maior presenza da palabra, ambas referidas situacións descansan máis na información visual; a información que crea a atmosfera, ao que tamén contribúe o tratamento do resto do espazo sonoro fóra da palabra. Estamos en presenza de dous segmentos narrativos que poñen a camiñar senllos relatos cinematográficos que, con mecanismos desiguais, traballan os mesmos conceptos e obteñen resultados equivalentes. Unha desigualdade que non tarda en desaparecer, podéndose observar en ambos filmes semellanzas en moitos dos seus procedementos expresivos. Unha combinación de planos de conxunto e campos diversos: amplos e de longa duración e máis curtos de un/dous personaxes, sempre con referencias de posición e contigüidade na escena, e puntuais planos xerais coa acción ao fondo, na meirande parte todos fixos, constitúe, cos seus correspondentes espazos sonoros -onde a palabra non ten como obxectivo principal informar ao modo tradicional do desenvolvemento da acción, senón do estado de ánimo dos personaxes-, o sistema narrativo maiormente utilizado nos dous filmes. Unha composición interpretativa en clave naturalista, desprovista da máis cativa afectación, ao servizo de situacións do común, lonxe do espectacular, completan o conxunto dos elementos principais das respectivas postas en escena.

Este paralelismo formal estabelece entre estas dúas diferentes historias un vínculo familiar, un clima de proximidade. De modo que, tanto a viaxe de vacacións cara o norte do país dun matrimonio novo chileno cos seus dous fillos cativos, na que se manifesta a súa larvada crise sentimental, en De jueves a domingo, como o refreado desencadeamento de sentimentos e emocións, de diferente modo alimentados no curso do tempo, motivado polo puntual regreso dun mozo afincado en España ao seu país, Chile, o que lle permite participar na cita plurifamiliar organizada para se despedir da casa de campo, en tantas ocasións lugar de gratos encontros e celebracións, de El árbol magnético, propoñen un modo de lectura análogo: o dunha escrita elegante, estilizada, de trazo fino, transparente, suxestiva e respectuosa co espectador, apelando á súa condición de ente adulto e intelixente.

Si, é certo que nos catro días de viaxe do matrimonio cos seus cativos non teñen lugar grandes acontecementos, mais acontecen unha chea de pequenas cousas que teñen que ver coa condición humana, coa vida. Outro tanto sucede nas arredor das vintecatro horas da xuntanza multifamilar nunha casa de campo para se despedir dela dada a necesidade de a poñer á venda. A medida que avanza, a excursión familiar en De jueves a domingo vaise convertendo nunha dura proba para o delicado transo afectivo que atravesan Ana e Fernando, matrimonio na metade da trintena; Lucía, a filla, observa e, malia a contención dos pais, os seus dez anos permítenlle intuír e intentar comprender e desenvolver unha progresiva curiosidade polo mundo dos adultos e os máis ou menos disimulados desencontros paternos, mentres Manuel, o irmán, tres anos menor, permanece, en concordancia coa súa idade, na inopia. Na inopia están tamén os numerosos congregados na derradeira vivencia na casa de campo en El árbol magnético no tocante aos sentimentos de Marianela -certamente, non hai razón ningunha que lles permita coñecelos; tan só a nai, malia súa exquisita prudencia, semella intuír-, orixinándose así un poderoso contraste entre o incesante balbordo da maioría familiar, na súa alegría de estar xuntos, de celebración da vida, aínda que o motivo que os convocou sexa unha despedida, e o mundo interior da moza, no que precisamente pesa de modo especial este sentimento de perda.

Estamos, certamente, ante dous filmes diferentes, mais cheos de afinidades. Dúas historias que camiñan entre a nostalxia do pasado, a inseguridade do presente e a incerteza do futuro, contadas a través de comedidas actitudes, de olladas e medias palabras, por medio de sutilezas, de información frugal, de ascetismo narrativo, de supremo respecto á intelixencia do espectador. É así como, en ambas propostas, se lle convida a construír o relato.

As dúas historias decorren en Chile, nas dúas o principal punto de vista é feminino: unha nena e unha moza. A primeira é unha viaxe iniciática, a viaxe do desacougo de Lucía; a segunda é a viaxe de Nela, no ecuador da vintena aproximadamente, ao espazo dos seus sentimentos, ao universo das súas lembranzas, ao que non é allea a presenza do seu medio curmán, Bruno, poucos anos maior do que ela. As dúas son historias de perda: da inocencia e a seguridade afectiva de Lucía e do escenario sentimental/paraíso da infancia de Nela. As dúas son, tamén, historias de amor contrariado: polo efecto abafante da convivencia e polas convencións sociais, respectivamente. Un amor que morre baixo a monotonía do trato diario, e outro que perdura no tempo, mercede ao atranco da distancia. E, así mesmo, a historia dunha preadolescente que está aprendendo a vivir e descobre atribulada que a vida agocha sorpresas que orixinan inquietude e desazo, e a historia dunha moza saudosa e acougada, de intensa vida interior, sabedora de que a realidade non se pode contrariar. Se cadra, non resulte desatinado, nin extravagante pensar que Nela puido ter sido Lucía, que Lucía ben pode chegar a ser Nela.

Escasa no primeiro e con maior presenza no segundo, a música, significativa en ambos casos, e o uso que dela se fai constitúe un dos elementos que claramente diferencian os dous filmes. Así e todo, tamén aquí prodúcense coincidencias certamente abraiantes: o canto en grupo dunha coñecida canción con acompañamento de guitarra no decurso dunha velada nocturna: “Quiero dormir cansado” (1993) en De jueves a domingo e “La casa nueva”(1971) en El árbol magnético. Música única -o tema do filme-, no primeiro caso, presenta a particularidade de que volve soar no plano final, desta vez extradiexeticamente, na voz do seu autor, devolvendo ao espectador á emoción que vén de vivir: Quiero dormir cansado para no pensar en ti, quiero dormir profundamente y no despertar llorando con la pena de no verte, quiero dormir cansado y no despertar jamás, quiero dormir eternamente porque estoy enamorado y ese amor no me comprende… De modo semellante, mais con algunha diferenza, faise uso deste recurso narrativo no segundo filme: logo da tentativa de entoar algunas cancións, os congregados rematan cunha desafinada interpretación de “La casa nueva”: Déjame bailar contigo la alegría linda del último vals, amor, amor; vamos a vivir unidos en este minuto nuestra eternidad, amor, amor, amor…, peza que mantén directa relación cun dos temas centrais do filme e anticipa accións dos seus personaxes. Melodías ambas (do mexicano Enmanuel e do chileno Tito Fernández) que, difundidas pola industria discográfica do momento, acadaron éxito popular e supuxeron un referente xeracional que, ás veces, mesmo atinxiu a posteriores xeracións. Con todo, o tema musical de El árbol magnético é a lograda peza -cuxo recorrente tintinar remite ao telúrico e aos movementos de carácter sísmico, aludidos no título do filme- da autoría do pianista e compositor vigués Nico Casal. O tema pon en funcionamento a narración e traballa como leitmotiv en todo o seu percorrido, deixándose sentir oportunamente en catro novas circunstancias e sempre do mesmo modo: como preludio e estimulante mecanismo activador da acción dramática.

Principalmente concentrado nos personaxes protagonistas, no primeiro, o desenvolvemento dramático presenta no segundo un carácter xeralmente coral, por momentos especialmente marcado. Así mesmo, ás excelencias todas de ambos filmes súmase, en feliz conxunción, a adecuada resposta de cantos todos o encarnan. Nada sería igual sen o concienciudo e meticuloso labor das directoras cos seus intérpretes, sen a esplendidez do traballo efectuado por actrices e actores. Principais, protagonistas e secundarios, cativos, xoves e maiores realizan en ambas pezas unha tarefa interpretativa fóra do común: Santi Ahumada e Emiliano Freifeld (os fillos) e Paola Giannini e Francisco Pérez-Bannen (os pais), Axel Dupré, Jorge Becker, Francisca Castillo, Belén Celedón e Ana López, en cometidos episódicos, en De jueves a domingo, e Manuela Martelli (Nela), Andrés Gertrúdix (Bruno), Catalina Saavedra e Gonzalo Robles (os pais de Nela) e Blanca Lewin, Agustín Silva, Ximena Rivas, Daniel Acaíno, Edgardo Bruna, Otilio Castro, Juan Pablo Larenas, entre outros, en El árbol magnético. Con todo, cómpre observar o resultado un tanto chocante do traballo vogal de Gertrúdix. O réxime de coprodución do filme non pode escusar a inverosimilitude do modo de falar de Bruno: o seu paso por Alemaña e unha longa estadía en España non son argumento abondo para xustificar esquecemento tan rotundo dos particulares modos expresivos do castelán de Chile.

Si. En ambos filmes, resulta certamente portentosa a capacidade das autoras para observar a vida e os comportamentos humanos, de reproducilos diante dunha cámara creando o efecto de que é a vida mesma o que está a acontecer ante os ollos do espectador; de fabricar medios diálogos e cumpridas conversas corais nas que, como na realidade da vida, se mesturan e superpoñen diferentes asuntos; de facer que todo flúa con naturalidade, sen esforzo; de ocultar o artificio da ficción cinematográfica. Ante tal prodixio, só nos queda como espectadores a doada tarefa de acompañar aos personaxes na súa andaina, de gozar co seu contento, de se entristecer co seu desconsolo.