domingo, 14 de abril de 2013

Apash, os de fóra

por Miguel Castelo

“Un continente avellenta axiña unha vez que nós chegamos. Os nativos
viven en harmonía con el. Pero o estranxeiro destrúe, tala as árbores,
consome e seca a auga”.
As verdes colinas de África. Ernest Hemingway


A incesante loita pola preservación do planeta

A Amazonía peruana, cunha extensión de 782.000 quilómetros cadrados, constitúe máis do sesenta por cento do territorio nacional e é unha das áreas do planeta de maior diversidade biolóxica, habitada por tipoloxías de fauna e flora xa inencontrábeis noutras latitudes do globo terráqueo. Nela existen sesenta e dúas etnias, onde conviven arredor de 400.000 indíxenas agrupados en máis de 1500 comunidades, o que a converten no territorio de máis baixa densidade poboacional do país.

No noroeste do Perú está o Alto Marañón, vasta rexión que recibe o nome do río que a cursa. Pertencente o departamento de Amazonas, o Alto Marañón abranxe os tres distritos da provincia de Condorcanqui -Río Santiago, Nieva e El Cenepa- e o distrito de Imaza, na provincia de Bagua. Unha extensa configuración hidrográfica caracteriza esta rexión, onde ao seu río principal chegan as augas de catro afluentes, Santiago, Nieva, Cenepa e Chiriaco, á súa vez fornecidos por outros ríos menores. Nela, teñen os seus asentamentos os awajún e os wampís, tribos xíbaras das etnias awuaruna e wuambisa, con língua propia, en grande medida vehículo de expresión único. Ademais das actividades de caza e pesca e da produción artesanal de agricultura diversa, a de téxtil, olaría, ornamento, decoración e mobles, que eles propios comercializan en mercados da contorna, sustentan a súa economía de cuase subsistencia. Cubertas as súas necesidades elementais, os awajún/wampís, ao igual que o resto das tribos que constitúen a poboación indíxena amazónica do Perú, recusan a acumulación de bens materiais e procuran a felicidade no respecto, coidado e preservación do medio natural que habitan, nunha sorte de sabedoría milenaria que identifica de modo holístico a vida humana coa da natureza.

Como a práctica totalidade da selva amazónica, a rexión do Alto Marañón está gravemente ameazada por compañías transnacionais da madeira, o petróleo, a minería… Unha ameaza empoleirada na voracidade extractiva destas empresas e a interesada permisión dos sucesivos gobernos do país. Os awajún/wampís senten magoados os seus intereses, tanto no ámbito do material como do cultural, e, desposuídos das súas terras e vivendas, dos seus hábitos e tradicións, dos seus dereitos máis elementais, erguen a voz e manifestan o seu descontento ante cantas instancias lles é posíbel. Nesta alongada loita polos seus dereitos, estes pobos de tradición guerreira, mais de natural apacíbeis, levan tempo desenvolvendo mecanismos de defensa, principalmente sostidos no recurso da palabra. Algúns dos seus membros puideron estudar, aprender o castelán e mesmo asistir á Universidade, e, sen renunciar á língua materna, dispoñer dun vehículo expresivo e de coñecementos para se facer escoitar en foros de ámbito internacional. Esta ben gañada posición e a axuda das ferramentas da economía, a estatística, a socioloxía… permítelles manter outra caste de diálogo coas instancias do poder político.

Desde a metade dos anos 70 do século pasado, os pobos indíxenas veñen recuperando pacientemente os territorios que eles foran organizando desde o comezo dos tempos e dos que logo os españois se apoderaran nos “gloriosos” anos da Conquista. Principiados os 80, crean a Asociación Interétnica para el Desarrollo de la Selva Peruana, AIDESEP, desde a que emprenden a defensa dos recursos naturais “como bens nacionais, colectivos e públicos”, así como das “culturas, línguas, identidades, biodiversidade, saberes e unha nova espiritualidade libre dos graves complexos e traumas das relixións cristiás e católicas”; e, por cabo, de “formas de autogoberno e libre determinación para enriquecer a pobre noción de democracia en uso no país” [1].

As loitas dos pobos indíxenas da Amazonía peruana son incesantes e alongadas no tempo. Saben que non poden baixar a garda, que deben estar permanentemente en activo, alén de que as súas accións acaden maior ou menor repercusión. No presente século, os derradeiros meses do ano 2007 constitúen un especial punto de inflexión. Logo de ser aprobada, o 13 de setembro, a Declaración de las Naciones Unidas sobre los Derechos de los Pueblos Indígenas, o Goberno do Perú fai público o 22 de outubro un proxecto de lei a prol da privatización de espazos forestais e terras de labor e, o 28 do mesmo mes, o diario El Comercio publica un extenso artigo de Alan García, titulado El síndrome del perro del hortelano, no que o presidente da República considera que a inversión das transnacionais e o único medio para dar fin á pobreza, ao tempo que cualifica aos habitantes amazónicos de "cans do hortelano" e, desde o máis rotundo desprezo á súa concepción do sentido da vida e aos seus dereitos de propietarios comunais, esíxelles que usen as terras para produciren riqueza e que, de non poder, as vendan. Lonxe dun feito illado, este alegato ten continuación en dous novos artigos, Receta para acabar con el perro del hortelano (25 de novembro) e El perro del hortelano contra el pobre (2 de marzo do 2008), que o presidente aprista vai entreverando co anuncio de dous novos proxectos de lei, na liña do anterior, e a final promulgación duns decretos que facilitan os procedementos para a venda e individualización dos territorios das comunidades.


Non tendo sido consultados para a aprobación destes decretos -como prescrIbe o Convenio 169 da Organización Internacional del Trabajo, asinado polo presidente Alberto Fujimori en 1993-, os pobos indíxenas, coordinados por AIDESEP, organizan unha xornada nacional de mobilización o 9 de agosto de 2008 e piden a derrogación destas medidas ao Goberno que continúa a presidir Alan García. Os decretos en cuestión favorecen a presenza das transnacionais no territorio amazónico con toda caste de prebendas e usufruto de recursos, segundo o Tratado de Libre Comercio con EEUU, asinado polo anterior presidente, Alejandro Toledo en abril de 2006. Significativamente, ese mesmo ano Alan García desde a oposición promete anulalos, mais, unha vez no poder, esquece a promesa pasando a se converter no mellor aliado dos EEUU. Malia a xeralizada opinión da práctica totalidade das organizacións non gobernamentais expertas no tema sobre a inconstitucionalidade dos decretos, o Goberno non só non se ocupa do problema senón que emprende unha agresiva campaña de desdouro contra os pobos indíxenas, atentando mesmo contra os seus dereitos xa recoñecidos, o que esperta en grande parte da sociedade unha xenreira cara o primeiro e un sentimento de simpatía polas demandas dos segundos. Mais, o Executivo que preside Alan García non cede no seu empeño e apela á existencia dunha conspiración internacional na súa contra e á teoría de que as comunidades indíxenas están manipuladas. Estas e outras diatribas, sostidas no decurso de varios meses, levan aos pobos indíxenas, fartos de pedir, á acción e rebélanse contra o Estado peruano, mostrándose por vez primeira na historia na escena do conflito como actores políticos. O 9 de abril de 2009, inician unha segunda mobilización que sen maiores incidentes se alonga máis alá de dous meses. Toman unha empresa petroleira e outra hidroeléctrica e interceptan estradas en puntos diversos da selva amazónica. Logo da sorpresa, o Goberno escenifica unha pantomima de diálogo, mais os indíxenas consideran que xa non están para perder o tempo e suspenden as conversas, reclamando como interlocutor válido a presenza dunha comisión quen de decidir. A resposta gobernamental é terminante: as garantías constitucionais quedan anuladas, os indíxenas non terán o dereito de reunión nin se poderán manifestar e a policía poderá disparar impunemente mercede ás directas indicacións recibidas do propio Alan García -“Tiren y piensen después”-, pero as comunidades seguen adiante e o conflito chega ao seu punto álxido o 5 de xuño. A estrada principal que atravesa a selva amazónica, “Fernando Belaúnde”, así chamada por ter sido proxectada baixo o primeiro mandato presidencial de Belaúnde Terry, convértese en escenario de tráxicos acontecementos. Non lonxe da cidade de Bagua, no lugar coñecido como a Curva del Diablo, estoura o que xa fica para a posteridade como o “baguazo”, un duro e sanguiñento enfrontamento entre nutridos continxentes da Dirección de Operaciones Especiales da Policía Nacional (DINOES), auxiliados por efectivos do Ejército, e numerosos grupos de indíxenas, que conclúe cun alto número de mortos e feridos, feito sobre os que os datos das distintas fontes non concordan: mentres informes oficiais indican que morreron vintecatro policías e nove nativos, a AIDESEP afirma que os mortos indíxenas son corenta, e os observadores estranxeiros cifran estes últimos en cincuenta [2].

Certamente, a libre explotación dos recursos naturais no seu máis amplo sentido e a posta en marcha dunha manchea de proxectos gobernamentalmente definidos como “iniciativas para el desarrollo de interés nacional” veñen producindo estragos irreversíbeis. Pola contra, as iniciativas indíxenas para a mellora da calidade e os resultados do ensino por medio da educación intercultural bilingüe quedaron paralizadas polo Goberno. E as alternativas laborais e modos de emprego que xeran as empresas que explotan os recursos naturais raian, nunha política desaforada de obter máis por menos, no escravismo [3].

Con este estado de cousas, a realizadora Cora Peña chega ao Alto Marañón. Leva consigo o obxectivo de facer o seguimento da pesquisa de Antonio Abreu, empresario vigués xubilado, interesado desde hai tempo en probar que Alfonso Graña, membro da tribo wampís, é fillo do emigrante galego do mesmo nome. Vido ao mundo en Amiudal, pequena aldea do concello ourensán de Avión, en 1878, Ildefonso Graña Cortizo, o seu verdadeiro nome, chega, logo de pasar por terras brasileiras, a Iquitos en 1910, nos derradeiros anos da febre do caucho. E nesta mesma cidade do noroeste peruano morre en 1934, deixando tras de si unha manchea de feitos singulares, nos que non se sabe moi ben onde acaba a realidade e comeza a lenda. A isto contribúe de modo principal o xornalista Víctor de la Serna cunha serie de artigos onde conta a súa supervivencia ante a mencionada tribo de indios xíbaros. Elixido pola filla do xefe como marido, Graña conserva a vida e acaba por conseguir un grande predicamento e autoridade moral entre os indixenas até finalmente ocupar a condición de apu á morte do seu sogro, o que lle vale nas glosas do xornalista o título de “Alfonso I, Rey de la Amazonía”.

Cunha non expresada, mais evidente admiración pola figura de Graña Cortizo, Abreu móvese polas comunidades indíxenas, xa antes por el visitadas, con donaire e habilidade, nunha rara mestura de beatitude e raposería, coas melodías da súa harmónica de cambio, que manexa con destreza, e deixando, cada vez que ten oportunidade, entrever unha dubidosa capacidade de influenza en altas instancias administrativas e do mundo empresarial, tan controvertidas as unhas como as outras. Mais, o traballo de documentación previo e o poder da realidade do medio social onde os feitos se desenvolven inducen á cineasta a establecer un medido equilibrio entre o seguimento da andaina de Antonio Abreu, na procura da confirmación da súa sospeita, e o achegamento á situación pola que no momento atravesa o histórico conflito entre a poboación indíxena amazónica e o Estado peruano. Esta decisión de cambio de obxectivo, formulada no decurso do propio relato, sitúa o filme nunha das vetas do cinema moderno, que adoita incorporar á diéxese cuestións de carácter procedimental e narrativo, adversidades e atrancos de produción, etc.

Así, adoptado o novo recurso, o notariado audiovisual de Abreu vai levando ao encontro de determinadas situacións, das que os seus protagonistas, nomeadamente os padecedores da historia, van dando conta. Na súa língua, os indíxenas sen estudos manifestan, con inxenuidade desprovista de malicia e un enraizado sentimento poético e panteísta, a súa preclara e decidida queixa polo malestar da súa situación e a contrariedade de non seren escoitados, apelando ao sentido común dos gobernantes, no descoñecemento (por non concibir que poida ser doutro modo) de que non é precisamente tal sentido o que move as accións dos mandatarios políticos; en castelán, os indíxenas estudados, sen renunciar á súa concepción milenaria do entorno natural e á íntima relación, carente de toda posición de superioridade, que con el manteñen, argumentan, tal que adalides das organizacións e movementos indíxenas de defensa da Amazonía.

Ás intervencións dos representantes indixenas -Aghkuast Petsa, Alberto Pizango, Edwin Montenegro, Zebelio Kayap, Santiago Manuin…- axúntanse outras de axentes sociais -Julián Taish (mestre awajún, Iquitos), Monseñor García de la Rasilla (bispo de Jaén), Róger Rumrrill (escritor, Iquitos), Fermín Rodríguez (sacerdote sexuita, párroco de Santa María de Nieva), Mª Carmen Gómez Calleja (monxa-profesora colexio Josefinas, Chiriaco), Carlos Navas (alcalde de Imacita), Rodrigo Montoya (antropólogo, Lima)-, observadores atentos e agudos analistas do vello litixio; pola súa parte, os daquela membros do goberno, a ministra do Interior, Mercedes Cabanillas, e o Primeiro ministro, Yehude Simón,  declaran en senllas entrevistas específicas, e o seu presidente, Alan García, intervén nunha retrospectiva comparecencia ante os medios. Unha ringleira de máis de trinta persoas van formulando a súa visión do conflito -con especial énfase no denominado “baguazo”: detonante da insurxencia indixena e punto de inflexión no decurso das reivindicacións dos pobos amazónicos-, nunha ben trenzada sucesión dialéctica de causa-efecto, da que tamén fan parte poderosas imaxes do grandioso e imponente marco xeográfico, elocuentes rexistros audiovisuais da aludida insurrección recente, novas situacións (tanto inducidas como produto do azar) da vida amazónica, de non menor interese, e antigas fotografías que deixan constancia da presenza do aventureiro Graña nestas latitudes nas tres primeiras décadas do século pasado. Con todos estes materiais e algúns ánens (cánticos populares, antigos e recentes) e uns suplementares asubíos (a única achega musical externa á realidade cinematografada), a cineasta constrúe un suxestivo e estimulante relato en primeira persoa. Ao xeito dunha road movie, a narración percorre parte do curso do Marañón e dalgún dos seus afluentes, deténdose nas poboacións máis significativas para construír un mosaico de imaxes e sons, a través do que tan delicada e espiñosa cuestión se mostra desde as máis diversas perspectivas e posicionamentos.

Un medido texto, directo, coloquial e contundente, aseverador e interrogante, irónico e remachador, á marxe de todo dirixismo, interactúa cos elementos visuais e sonoros enunciados constituindo un conxunto harmonicamente heteroxéneo e integrado. Coa súa propia voz, afastada do “efecto lectura” e toda impostación, a realizadora vai deitando os seus parlamentos a modo de comentario improvisado, de diálogo co espectador, o que concede á narración un interesante acabamento de frescor e espontaneidade. Non carece, porén, o relato de punto de vista, que emana da propia lóxica organizativa que os materiais demandan. Unha dialéctica que percorre a metraxe toda de modo alentador, mais tamén producindo non pouca inquedanza e desacougo, dada a dimensión planetaria e a gravidade do problema. Mágoa que as brétemas do progreso en Occidente nos estorben a súa visión, a visión do que alá eles perciben ben claro, como ben se tira das derradeiras palabras de catro intervenientes, aos que a realizadora con razón cualifica de “sabios” e cos que clausura o filme:

Para la concepción indígena, la naturaleza es la madre, que hay que respetar y con la cual hay que coexistir; su concepto es panteísta, es decir, la naturaleza está dentro de nosotros y nosotros dentro de la naturaleza. Y esta concepción marca un punto de vista totalmente radical con relación al uso de la naturaleza. Esta concepción es para algunos primitiva e inviable, pero para los filósofos postmodernos esta es la concepción que legitima un nuevo paradigma ecológico a nivel mundial porque el hombre para poder salvar el plantea y salvarse a sí mismo tiene que reestablecer una relación diferente con la naturaleza, y eso es posible. (Jorge Rumrrill, escritor)

Lo que nos están diciendo los pueblos indígenas es: defender nuestra naturaleza es defender el planeta. Y nos están diciendo: juntémonos, unámonos. Y la tarea grande de hoy es establecer los puentes de cómo articular las bases para que indígenas y no indígenas tengamos posiciones comunes en la política. Los pueblos indígenas solos non podrán cambiar el mundo. Lo saben mejor que nadie ellos. (Rodrigo Montoya, antropólogo)

Esta reclamación no es sólo para nosotros. Por eso, la defensa de la vida, del aire, del agua, debe ser conjunta, por todos los que existimos en este mundo. (Indixena awajún) [4]

Así como nosotros respiramos aire puro, también ustedes respiran aire. Su aire está contaminado, no hay vida. Por eso llamamos al mundo entero para que se solidarice con nosotros en la defensa de la Amazonía peruana. (Indixena awajún) [5]

* * *

Notas:
[1] Montoya Rojas, Rodrigo, Solidaridad con el Movimiento Indígena Amazónico en Perú, Lima, Servicios en Comunicación Intercultural Servindi [19.08.2008].

[2] Resulta certamente gratificador e estimulante comprobar a profusión informativa, tipográfica, gráfica e audiovisual, emprazada na Rede -de Perú, mais tamén do resto dos países latinoamericanos-, dato revelador da capacidade organizativa e de resposta das comunidades indixenas e da actitude soliedaria con elas de múltiples organizacións internacionais que veñen observando con atención o xa vello conflito.

[3] Acusado de instigador á violencia, Alberto Pizango, logo de recibir asilo político na embaixada de Nicaragua, abandona o país entre fortes medidas de seguridade o 17 de xuño de 2009 camiño de Managua. Once meses despois, en maio do 2010, o lider da AIDESEP regresa a Perú. Detido en primeira instancia, non tardan en lle conceder a “comparecencia restrinxida”. Recibe actos de recoñecemento por parte de organizacións indixenas, recupera a súa actividade de defensa dos intereses dos pobos amazónicos, facendo especial énfase na reforma da Lei de Consulta Previa, e mesmo baralla a idea de presentar a súa candidatura á presidencia do país. Recentemente, o pasado 8 de marzo, convocado polo Frente de Defensa y Desarrollo del Alto Amazonas, a cidade de Yurimaguas, na rexión de Loreto, levou a cabo un paro de vintecatro horas co dobre cometido de protestar unha vez máis contra a deturpación dos bosques e soliedarizarse con Pizango e cincuenta e catro dirixentes máis, entre os que se encontra Santiago Manuin, acusados pola Fiscalía do Estado de seren culpábeis dos tráxicos resultados do confronto do 5 de xuño do 2009 e para os que se piden penas de cadea perpetua. Previamente citados a xuizo pola Sala Penal de Bagua, por cabo a vista fica aprazada e, contravindo a norma de respecto á xurisdición dos feitos, trasladada á cidade de Lima sen data sinalada. Ademais, entre os implicados, tres, Danny López Shawit, Feliciano Cahuasa Rolin e Asterio Pujupat Wachapea, malia a carencia de probas e os informes, solicitudes e protestas das diferentes organizacións sociais, continúan presos, en distintos reximes máis en situacións humillantes. Por outra parte, as compañías explotadoras seguen depredando e a contaminar e algunhas néganse a pagar as sancións. Apenas nada parece ter mudado desde que o 28 de xuño de 2011 Ollanta Humala Tasso substituiu a Alan García na presidencia da República.

[4] Este nativo exprésase na súa língua. A tradución ao castelán está tirada dos subtítulos.

[5] Id.

Ningún comentario:

Publicar un comentario