A palabra “decepción” non ten a forza suficiente para describir o meu estado de ánimo despois da visita á exposición que a Fundación Luis Seoane dedica ao personaxe de Drácula, en conmemoración do centenario da morte de Bram Stoker. “Vergoña” é un substantivo máis axustado ao que sentín: vergoña de que un centro público de arte da miña cidade se presente ao mundo durante case cinco meses cunha exposición calamitosa, que non tería entidade nin para encher ocos nun centro comercial de terceira división.
Chamádeme raro, mais teño para min que un museo non pode concibirse da mesma maneira dende que existe Internet. Isto é especialmente claro nos centros de divugación científica -na Coruña temos catro que non están nada mal-, onde está moi asumido dende hai anos que o obxectivo non debe ser ocupar metros cadrados con informacións por escrito, senón enredar o visitante para achegalo á ciencia por outras vías: facendo “que xogue” e que experimente, ou que se deixe seducir pola beleza dos obxectos en estudo. Levado ao extremo, e a maneira de resumo: unha exposición non debe vir vertebrada por contidos que poderían ser volcados nun PDF. Fronte a esa visión está a tentación wikipedista de encher paredes cunha cronoloxía detallada. Así ocorre na sala maior da mostra vampírica que nos ocupa. A parede contigua serve de pantalla para que catro proxectores lancen unha imaxe única, estática, inmóbil (non sería máis sinxelo, para o caso, pegar uns pósters?). Polo medio, diversas vitrinas amosan libros da “biblioteca de Bram Stoker”, empregados polo escritor na preparación da súa obra máis famosa. Algúns son, si, volumes de finais do XIX, mais outros son vulgares fotocopias de exemplares vellos, igual que son copias -alí din, indebidamente, “facsímiles”- as cartas manuscritas que se exhiben a carón.
O resto do espazo nútrese de imaxes e pósters das diversas versións fílmicas do mito, simples reproducións pegadas sobre cartón pluma das que nalgún caso se explica que é un “cartel original”. O repaso dista moito de ser exhaustivo e inclúe asombrosas omisións, mais tamén algunha que outra presenza innecesaria, coma o filme de Robert Wise The body snatcher, adaptación de Stevenson que nada ten que ver cos vampiros. A causa, supoño, é que o protagonista é Bela Lugosi, mais por esa regra de tres tamén podían ter colgado o cartel de Ninotchka de Lubitsch.
Máis adiante, unhas poucas edicións en español do clásico de Bram Stoker, entre elas, nun exemplo máximo de cutrez, a da colección Millenium que editou El Mundo hai máis de dez anos para a venta conxunta co xornal (libro que, por certo, contaba cun prólogo de Luis Alberto de Cuenca, un nome que se repite con sorprendente frecuencia). Un conxunto de frac e capa empregado no Teatro Real nos anos 40 completa a zona dedicada aos libros, cunha nota que nos explica que ese casposo disfraz é semellante ao que empregaba Christopher Lee: ao venerábel señor Lee o baixo deses pantalóns chegaríalle, calculo eu, á altura dos xeonllos. Na zona reservada para as proxeccións, imaxes dun filme que non puiden identificar dobrado ao español; tamén pasan dobrados capítulos da Familia Munster ao final dun corredor dedicado á pegada de Drácula no cómic, demostración de total falta de respecto pola integridade das obras orixinais. E de fondo, música “de terror”, onte a un volume sumamente inapropiado que perturbaba o paseo polas outras mostras do centro, por exemplo a de Vari Caramés.
Os contidos, patéticos. O discurso expositivo, paupérrimo, desperdicia mil camiños posíbeis cos que encarar o tema: omite referencias cinematográficas históricas esenciais e tampouco procura conexións coa actualidade, especialmente valiosas nun momento en que os vampiros protagonizan películas, series televisivas e libros de enorme éxito entre o público máis novo; non se presta atención ás adaptacións doutras obras de Bram Stoker; non se explotan os vínculos coa tradición popular galega... E todo, absolutamente todo, unicamente en español, o que non deixa de ser un insulto á memoria do artista que lle dá nome ao recinto.
É así como van ser as cousas no sucesivo? Debemos esquecer xa o tempo no que a Luis Seoane, malia o seu reducido orzamento, organizou exposicións modélicas?
Martin Pawley
Grazas por darlle voz as persoas que sentimos o mesmo na exposición.
ResponderEliminar