Neste delicado contexto a mera supervivencia é xa un mérito. Play-Doc, o festival de cinema documental de Tui, chega á súa oitava edición para celebrar dous eixos temáticos esenciais da non ficción contemporánea: a paisaxe e o relato autobiográfico. E faino da man de dous grandes nomes, o armenio Artavazd Pelechian e o estadounidense Ross McElwee, que representan de maneira exemplar cada unha desas tendencias creativas. Pelechian é autor dunha obra moi breve -a duración conxunta de todos os seus traballos supera por pouco as dúas horas- espallada ao longo de trinta anos e que só nos 80 deu en ser coñecida en Occidente: o seu descubrimento tivo un xenuíno carácter de revelación. A súa aura de mestre visionario, elusivo e único aséntase na forza lírica e no singular tratamento da montaxe duns ensaios fílmicos que falan esencialmente de Humanidade e Natureza. Poeta ás veces irónico do progreso, cantor do desenvolvemento científico e da necesidade de ir máis lonxe que acabou por levarnos ao espacio na maxistral O noso século, quizais o mellor dos seus traballos, mantense inactivo dende que hai case dúas décadas presentara Vida e Fin, non precisamente as súas curtas máis sutís.
Referente indiscutíbel do diario fílmico, o profesor e cineasta Ross McElwee acadou sona internacional co triunfo en Sundance (Gran Premio do Xurado 1986) de Sherman’s March, orixinal proposta que rebentaba un punto de partida convencional -un documental sobre a Guerra de Secesión- e se transformaba nun lúdico retrato das súas relacións coas mulleres. A fértil mestura de elementos persoais e históricos acadou outro fito con Bright Leaves, candidata aos premios das asociacións de directores e guionistas norteamericanos en 2003. O seu último filme será o que abra a edición 2012 de Play-Doc: Photographic memory, viaxe de regreso á súa xuventude na Bretaña que é tamén un intento por comprender ao seu propio fillo.
Two years at sea (Ben Rivers, 2011)
Cinco títulos conforman a moi heteroxénea sección oficial competitiva, na que hai sitio para o rexistro observacional de Mirage de Srđan Keča e para o intelixente exercicio de relectura de material alleo do Vikingland do galego Xurxo Chirro; para o realismo social con ecos a Pedro Costa de Yatasto de Hermes Paralluelo, recén premiada no FICUNAM, e para a celebración dun mundo que é grande e diverso (e sobre todo esférico) en ¡Vivan las antípodas! de Victor Kossakovsky. Especialmente agradecida é a presenza da primeira longametraxe do gran Ben Rivers, Two years at sea, que ben poderíamos chamar un “non documental” en arrebatador branco e negro e formato panorámico co que volve a un personaxe xa retratado nunha curta anterior, This is my Land.
Martin Pawley
Artigo escrito para o número de marzo da revista Tempos Novos. Tamén se pode ler na edición dixital.
Ningún comentario:
Publicar un comentario