Reprocheime moitas veces a min mesmo non ter escrito nada cando a estrea de Todos vós sodes capitáns (TVSC) de Oliver Laxe. A verdade é que dende aquela ándame un bulebule na cabeza por ver de cumprir esta arela. O filme de Laxe pasa por ser unha das mellores obras para facer unha crítica cinematográfica, mais creo que non procede volver a ela xa que, para ben ou para mal, xa se falou abondo. Si me gustaría facer uns apuntamentos sobre a súa sombra ata o día de hoxe.
1. TVSC é o feito cinematográfico máis importante do cinema en Galicia. Sei que pode haber outros factores ou baremos a considerar, mais conseguir o Premio FIPRESCI no Festival de Cannes 2010 é un listón dificilmente superable.
2. Grazas ao balbordo mediático deste feito histórico a xente comezou a coñecer ao seu autor, a Oliver Laxe. Mais que ninguén se leve a engano, a carreira de Laxe non xurdiu da noite para a mañá por arte de maxia: comeza case un lustro antes, con moito traballo e sacrificio, con moitas dificultades e logros.
3. A idea artística que defende TVSC ten que ver cun novo cinema libre onde o espectador xoga un papel importante para conducir e finalizar a película. A proposta de Laxe é facer un convite ao espectador activo para que se volva capitán.
4. Esta proposta non atopou eco cando Laxe bateu co muro da distribución e exhibición e só puido mover o filme dunha maneira voluntariosa aproveitando as fendas do sistema. O público preferiu seguir sendo soldado.
5. Nesta altura chegaron perturbacións críticas desconsideradas sobre TVSC: onde estaba rodada, en que lingua estaba falada… Un debate estéril arredor de conceptos de territorialidade e de identidade da obra de arte hoxe caducos.
6. O filme foi feito en cinema, tivo un custe de realización moi baixo e contou cun único apoio público de 30.000 euros. Se temos en consideración os seus logros artísticos eses cartos foron un dos mellores investimentos culturais feitos nunca en Galicia.
7. Malia non ter unha vida comercial moi rica TVSC si é o filme galego con maior número de recoñecementos grazas a unha longa andaina festivaleira. Con certeza o número de espectadores internacionais supera varias veces o acumulado en salas comerciais españolas. Iso si que é un logro do que se da en chamar “internacionalización”.
8. Porén, a pegada que deixou o filme de Oliver Laxe é bastante reducida. O filme era unha perfecta escusa para cuestionar os modelos tradicionais de creación e produción que se repiten sen poñer en tela de xuízo a súa efectividade.
9. A pesar dos logros de TVSC Oliver Laxe non está atopando moita axuda para poder materializar o seu segundo proxecto. Sería interesante que se lle concedera a Laxe a mesma confianza que reciben outros cineastas que veñen filmar a Galicia.
10. TVSC é a constatación do triunfo dos produtos derivados do cinema independente, con ideas axeitadas ás escalas que se manexan sen minguar por iso a ambición artística. Un modelo interesante que, en menor ou en maior medida, alenta a outros creadores en Galicia. Mágoa que o “espírito de ser capitán” non arraigase noutros axentes que marcan os designios da institución cinematográfica en Galicia. Quizais, agora, xa é demasiado tarde…
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario