luns, 31 de outubro de 2011

Nostalxia da Mostra de Ciencia e Cinema

A pasada semana tivo lugar a IV edición da Mostra de Ciencia e Cinema da Coruña, encamiñada esplendidamente polo seu programador Martin Pawley, que superou con nota e eficacia todas as eivas que se apuntaban en anos anteriores. O proceso de engraxamento e constrición pola cacarexada crise económica non foi quen de minguar a calidade dunha programación que, por desgraza, non se vai a poder disfrutar en moito tempo en Galicia.

Mesturando os dous termos que dan nome á Mostra deuse conta dunha excelente maridaxe: procesos científicos reflectidos no cinema con riscos estéticos e narrativos. Os dous conceptos crúzanse moreas de veces e cunha amplitude de perspectivas interesantes e anovadoras, remexendo na natureza do medio e nas súas potencialidades. Deste punto de encontro deu conta a Mostra nas súas catro edicións revelando nomes como os de Barbara Hammer, Bill Morrison, Sharon Lockhart, Ben Rivers, Deborah Stratman… Probablemente con menos non se puido facer máis.

A edición deste ano contou cunha poderosa presenza do documentário portugués nun “foco especial” onde destacou o filme Encontros (Pierre-Marie Goulet, 2006), unha espléndida homenaxe á grande figura cultural do António Reis e, tamén, ao Paulo Rocha. Dentro da escolma oficial destacaron Angst (Graça Castinheira, 2010), na que se intentaba situar un sentimento nacional luso na incerteza contemporánea, e Como as Serras Crescem (María João Soares, 2010), filme etnográfico sobre as salinas no Algarve.

Un ano máis a programación intentou vascular entre o divulgativo e o artístico. Así, entre os primeiros, nos atopamos con extraordinarios documentais a nivel didáctico como poden ser The City Dark (Ian Cheney, 2011), sobre a contaminación lumínica, ou A Simple Rhythm (Tess Girard, 2010), sobre o ritmo e a sincronización. Porén os filmes máis interesantes, como sempre, son os que se atopan no outro lado. É o caso da contemplativa The Yellow Bank (J. P. Sniadeki, 2010), onde no tempo dun eclipse en Shangai sae á luz a desacougante presenza humana na gran urbe. Nénette (Nicolas Philibert, 2010) máis que dun orangután fala da sociedade dos nosos días a través da valoración do son e as conversas en off en contraposición ao espazo limitado da gaiola do simio. Mais concisa na duración é La Linea Generale (Oleg Tcherny, 2010), un tratado cinematográfico sobre a percepción e a mirada na tradición do pensamento que ao longo da historia da arte e da ciencia expuxeron figuras coma Alberti, Da Vinci ou Galileo.

Cómpre, por último, facer referencia ao filme gañador, Nostalgia de la luz (Patricio Guzman, 2011), onde se produce unha sedimentación de estratos de significados ao comparar os modos de investigación de disciplinas que manipulan o pasado: a astronomía e a arqueoloxía. Unha analoxía que induce reflexións sobre unha terceira porta de acceso ao pretérito: o cinema. Un excelente exemplo de como poden confluír a ciencia e o cinema, como a ciencia axuda a deconstruír unha realidade e o cinema axuda a amplificar, de maneira suxestiva, os axiomas dese estudio pormenorizado.

A Mostra de Ciencia e Cinema é un evento cunha metodoloxía especial que o fai moi singular no panorama de festivais non só galego senón español. Agora que a súa continuidade fica en cuestión convén comezar a ter nostalxia de algo que dificilmente volverá.

Xurxo González

3 comentarios:

  1. A perda do proxecto da Mostra de Ciencia e Cinema dedicado a espallar (con rigor,e
    moito......moito entusiasmo comunicativo) o amor a "ese outro tipo de cinema" é un moi grande fracaso. Pero ¡ollo! é o noso fracaso.
    Semella que a xente do mundo da Cultura anda a enredar na eterna teima da "contradición" Reclamar espazos para o desenvolvemento e logo deixalos morrer.
    Nada ten sentido..........A arte loitando contra arte.
    Nostalxia?, non, non é a palabra axeitada (non para min),eu falaría de esquezemento
    e abandono. Como sempre iso é o que nos espera.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
  2. si, probablemente a verba esté mal escollida... iso de ser galego en tempos brumarios sempre te leva polos avesedos e a melancolía... é moi dificil desfacerse da derrota e a incerteza do noso tempo...
    o tema de nostalxia é para cando nun futuro próximo se mire de esguello cara atrás e se diga cantas cousas se botaron a perder...
    apertas

    ResponderEliminar
  3. Somos un pobo fragmentado en milleiros de ausentes........e os que ficamos non somos quen de atopar, tempo, lugar nin medios que nos permita artellar as nosas
    inquedanzas.
    unha aperta

    ResponderEliminar