Pablo Pérez Rubio, escritor cinematográfico cheo de rigor e fina percepción, é autor de dúas obras representativas –editadas por Paidós en 2004–, El cine melodramático e Voces en la niebla. El cine durante la transición española (1973-1982), esta última escrita xunto a Javier Hernández Ruíz, co que comparte outras aproximacións a heterodoxos do cine español como Antonio Artero, Adolfo Aznar ou Antonio Maenza.
Pérez Rubio vén de publicar na irregular colección Signo e Imagen (Cátedra), un completo estudo sobre Jerry Lewis (1926), o lendario cómico estadounidense que se incrustou na modernidade nos anos cincuenta e sesenta do século XX. O labor do autor pasa por restablecer unha figura hoxe excesivamente esquecida, deostada (Keaton) e amada (Godard) a partes iguais.
Proponse un recorrido pola traxectoria do Jerry Lewis actor e director, edificado sobre dúas renuncias: unha, a eliminación dos tres tópicos da análise fílmica –dato empírico, contexto e biografismo–; dúas, os seus (abondosos) cometidos extracinematográficos, centrándose na investigación dos estilemas e tendencias que vai desenvolvendo a súa obra.
A particular xestualidade e a natureza hiperbólica do Lewis personaxe son diseccionadas mentres se lle interrelaciona con intelixencia con outros pais da comedia producindo obras propias ou do gran Frank Tashlin. O excelente atestado achega singulares raíces no cine silente (slapstick, burlesque), resonancias e carga de profundidade (crise de personalidade, elementos edípicos, subversión dos modelos do capitalismo), un antecedente da comedia gamberra que elude porén a confrontación coa comicidade contemporánea e os seus posibles herdeiros.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 30 de outubro de 2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario