Con sumo pracer ocupei a sobremesa do domingo vendo Tropicália, exultante documental de Marcelo Machado que revisa a revolución cultural brasileira de finais dos 60, os anos de chumbo da ditadura militar que foi acoutando liberdades e reprimindo a poboación a través dos chamados "Atos Institucionais". Cun pé na vangarda máis radical e outro na cultura popular, o tropicalismo deixouse notar nas artes plásticas e escénicas, no cinema e sobre todo na música, da man dun glorioso grupo de xenios que inclúe, entre outros, os ben coñecidos Caetano Veloso, Gilberto Gil, Tom Zé e Os Mutantes e tamén o menos popular mais extremadamente influínte Rogério Duprat. Machado manexa un exhaustivo material de arquivo, tanto gravacións televisivas coma filmes (Iván Cardoso, Glauber Rocha, Walter Lima Jr, Carlos Diegues, Júlio Bressane), e con el tece un apaixonado e entusiasta repaso ao legado impagábel dun movemento que provocou unha intensa división de opinións: naquel duro contexto político mesmo entre os grupos de oposición ao réxime militar non eran poucos os que acusaban aos tropicalistas de "entreguismo á cultura ianqui" e "alienación". Unha tentación, a de permanecer confortabelmente ancorados en formas estéticas escritas en pretérito perfecto, infelizmente común no pensamento (noutros ámbitos) progresista contemporáneo. Quizais por iso un dos momentos máis poderosos de Tropicália é ese no que se escoita ao Caetano Veloso pronunciando a berros estas lúcidas palabras:
Mas é isso que é a juventude que diz que quer tomar o poder? Vocês têm coragem de aplaudir, este ano, uma música, um tipo de música que vocês não teriam coragem de aplaudir no ano passado! São a mesma juventude que vão sempre, sempre, matar amanhã o velhote inimigo que morreu ontem! Vocês não estão entendendo nada, nada, nada, absolutamente nada (...) Se vocês forem… se vocês, em política, forem como são em estética, estamos feitos!Martin Pawley