Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Boyero. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Carlos Boyero. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de novembro de 2025

Crítica cinematográfica e gustos persoais

por Miguel Castelo

No recorrente reclamo publicitario do que fai uso un determinado programa radiofónico da tarde para se referir ao seu comentarista cinematográfico, que os lectores identificarán decontado, pódese escoitar: "Hay películas que no es que no me gusten; es que me ponen de los nervios". Sen dúbida, unha maneira simpática e atractiva de chamar a atención. Mais tamén un claro e determinante modo de entender a crítica cinematográfica: como ademais de non me gustar, me poñen dos nervios, eses filmes non son bos. Algo así como afirmar que as cousas, para el as aprobar, teñen que estar feitas á súa medida. Curiosa forma de entender os valores artísticos dun filme. E ben pensado, isto todo concorda, malia outras voces presentes en dita emisión radiofónica vespertina, co certo grao de testosterona que nela se respira. Consecuente coa súa particular maneira de entender o comentario cinematográfico, este "analista" (nunca disposto a analizar) aborda agora a súa ollada sobre Los domingos, afirmando que é un filme co que non dá comunicado porque non entende como unha adolescente pode sentir unha vocación relixiosa; que, como el non ten relixión ningunha, cústalle entendelo. Máis do mesmo.

Los Domingos (Alauda Ruiz de Azúa, 2025). Imaxe: BTeam Pictures.

Se cadra, este "crítico" debería considerar que se achegar ás imaxes e os sons que conforman unha obra cinematográfica pasa por os mensurar con todas as consecuencias, alén de que os comportamentos dos personaxes concorden ou non coa ideoloxía na que el profesa. Os personaxes dun filme responden á súa propia lóxica persoal, están condicionados polo seu sentir, pola súa biografía, polo seu momento vital. É en cousas e causas como estas onde cómpre poñer o foco e indagar. E tanto, se o filme é do gusto do observador como se non, á hora de falar del, de palabra ou por escrito, é preciso lle dedicar o tempo que merece, que en boa lóxica non debe ser arbitrario e moi dispar da conclusión final: se me gusta, desfágome en gabanzas; se non, despáchoo, nunca mellor acaído, en dúas "patadas".

Alauda Ruiz de Azua. Imaxe: BTeam Pictures.
Nada máis lonxe de con isto afirmar que o aludido comentarista sexa un parvallán, un ignorante ou ande malamente informado. Nin moito menos. Carlos Boyero é un "personaxe" self made man, con moitos anos diante das pantallas na escuridade das salas e unha particular unha miga antiga cinefilia. Un comentarista cunha cada vez mellor expresión escrita, virtude que progresa ao tempo do que a súa parcialidade. Se cadra, a vehemencia, xunto cunha in-asumida condición de "divino impaciente", constitúen o bosque que non lle deixa ver ás arbores. Do contrario, no caso do filme de Alauda Ruíz de Azúa tería percibido a riqueza e complexidade da estrutura familiar, grupo numeroso e heteroxéneo de procedencia migratoria no que habita a protagonista, o condicionamento da ausencia materna de orixe inexplicada, a intencionadamente ambigua actitude da priora do convento, o carácter sensible e a acusada personalidade da xove, a especial atención e afecto que recibe da parte conventual, o pano de fondo do axitado, violento, escandaloso... contexto social do momento. Todo no marco dunha narrativa a xeito, delicada, eficaz, dunha intelixente dirección actoral que se traduce nun traballo coral de espléndidas interpretacións Con tais vimbios non debería resultar moi difícil facer o cesto. Ou sexa, concluírmos que estamos ante un agudo e tan sutil como rotundo e contundente retrato social da España dos nosos días.

xoves, 17 de febreiro de 2011

Un trato xusto


"Al ojear la programación de una Mostra que lleva demasiado tiempo en irreparable declive, paraíso del cine de autor más indigerible, descubres con progresivo escalofrío que no hay ni rastro de los directores que están frenando con su genio la agonía del cine y cuya obra siempre despierta justificadas expectativas, independientemente de que a veces pierdan el estado de gracia o se equivoquen". Escribía isto Carlos Boyero en El País en setembro de 2010 a conta da Biennale, mais o artigo podía ser de calquera dos anos anteriores: leva unha eternidade sufrindo en Venecia por culpa dos criterios de programación de Marco Müller, que mete en sección oficial a individuos sospeitosos coma Apichatpong, Tsai Ming-Liang, Werner Herzog, David Lynch, Haile Gerima ou Vincent Gallo. Boyero está agora en Berlín, pero segue sufrindo: hai uns días tocoulle ver O cabalo de Turín, a agardada e disque derradeira película de Bela Tarr, "pretencioso marciano obsesionado por crear atmósfera, aunque esta no tenga ninguna historia que arropar".

Como lector fiel dos textos de Boyero e seguidor entusiasta do seu chat semanal, penso que é inxusta tanta tortura por parte dos seus xefes: é mellor que Boyero non volva a ningún festival que non sexa o de Donostia, que é onde parece pasalo mellor. Que quede na casa vendo series en DVD e que manden outra persoa aos festivais. Eu ofrézome con sumo gusto. E de balde. Estou disposto a ir á Berlinale ao mesmo hotel e coas mesmas condicións que lle ofrecen a el e ver cantas películas de Bela Tarr for preciso no seu nome. El cobra igual e a cambio fai o artigo: a fin de contas non lle é moi necesario ver o filme. E todos contentos.

Martin Pawley

sábado, 30 de maio de 2009

Almodóvar vs Boyero


A polémica cultureta da semana ofrece unha xusta combinación (axitada, non removida) de lercheo e cinefilia: á volta do Festival de Cannes Pedro Almodóvar escribiu no seu blog unha longa anotación cuestionando a actitude do colaborador de El País Carlos Boyero cara o cinema en xeral e os seus filmes en particular. Egos e personalismos á parte, o escrito do gran autor manchego apunta na mesma dirección que a carta promovida en setembro por Víctor Erice, José Luis Guerín, Miguel Marías e Álvaro Arroba e á cal se sumaron logo unha morea de directores, programadores e críticos até completar case trescentos nomes, incluído o meu. O detonante daquilo foi o tratamento que Boyero dera nese xornal da Mostra de Venecia, e o que se criticaba non era o seu innegábel dereito a marchar dunha sala na que proxectan a última obra mestra de Abbas Kiarostami para contalo logo como se fose unha fazaña, senón o desprezo explícito que ese medio manifesta acotío polas obras máis innovadoras e arriscadas que procuran camiños alternativos aos de sempre. A intención era facerlles notar que ao ignorar esoutro cinema que raras veces chega ás salas comerciais estaban desinformando aos seus lectores, que merecen un tratamento dos contidos cinematográficos non menos rico e variado en opinións que o que se lles proporciona no ámbito do libro, a música, a política ou o deporte. E da mesma maneira que ninguén mandaría a cubrir a final da Champions League a alguén que odie o fútbol, non parece sensato enviar unha e outra vez aos grandes certames internacionais a unha persoa que se limita a ver unha porción mínima da programación e aínda por riba faino con evidente desagrado.

Desta volta o Comité de Redacción de El País saiu en defensa do seu compañeiro cunha nota na que califican o ataque de Almodovar de “descarnado”, coma se os textos de Boyero fosen polo usual xentís e xenerosos, e na que acaban contándolle ao director o que ten que facer: o seu deber é seguir creando boas películas, explican, e o deles dar as opinións que lles pareza, un xeito pouco sutil de dicirlle “cala a boca que aquí os que falamos somos nós”. Pois menos mal que traballan nun xornal supostamente “progresista”; se chega a ser reaccionario, non quero nin imaxinar o que farían.

Martin Pawley. Publicado o sábado 30 de maio no sitio web de Xornal de Galicia