![]() |
Isabel Rebollido durante a entrevista na redacción do Nós Diario. Imaxe: Arxina. |
Desde nena quería ser astrofísica, mais cando viu claro que o seu campo de traballo sería a formación de sistemas planetarios?
Eu son da primeira xeración que conviviu cos exoplanetas, o que supuxo un cambio de paradigma moi grande; sempre pensei que se me facía astrofísica investigaría os sistemas planetarios. No mestrado fixen un traballo sobre exoplanetas, logo tiven unha bolsa sobre formación de planetas en Madrid e xa enganchei con iso. No inicio do doutoramento estabamos en plena crise e o financiamento en ciencia era mínimo; moitos compañeiros meus tiveron que marchar. Eu tiven a absoluta sorte de que saíu unha praza para facer a tese con Benjamín Montesinos e Eva Villaver; presentáronse moitos candidatos, mais colléronme a min.
O estudo da formación dos sistemas planetarios permite sabermos máis sobre como se orixinou hai miles de millóns de anos o noso sistema solar, mais tamén sobre os sistemas que se están formando “agora”. É un suxestivo xogo entre o pasado e o presente.
E o futuro! No sistema solar nós só puidemos observar, sendo optimistas, os últimos 500 anos, punto, así que para sabermos como chegamos até aquí e que vai pasar despois hai que mirar noutros lados, e aí é onde empeza a busca de discos protoplanetarios. Cando empezamos a descubrir sistemas planetarios noutras estrelas o primeiro que se atopou foron planetas máis grandes ca Xúpiter orbitando a súa estrela máis perto do que Mercurio está do Sol, os “Xúpiteres quentes”, e iso non é o que hai aquí. Agora que xa podemos detectar máis planetas comprobamos que os máis habituais son un pouco maiores ca a Terra, nun rango entre a Terra e a Neptuno, mais houbo un momento de dúbida nos anos 90 e principios dos 2000 e a maneira de entender aquilo foi buscar outros sistemas en formación e ver que pasa nesas fases.
A min gústame moito o tema da evolución da vida na Terra. Unha hipótese que nunca se probou mais que todo o mundo ten medio aceptada é a do transporte de materiais: a auga que hai na Terra chegou aquí traída por asteroides e cometas. Se iso pasou aquí, pasa tamén noutros sitios? Aí entran en xogo os exocometas, obxecto da miña tese, que son os corpos que poden apuntar se hai un transporte de materiais dunha zona a outra, que cantidade de material, que tipo de órbitas, que influencia poden ter nos exoplanetas... e logo iso pódelo extrapolar aquí (...)
Martin Pawley. Entrevista publicada no Nós Diario o sábado 6 de setembro. Podes ler a entrevista completa no sitio web do xornal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario