1. O científico
Nacido en Rusia en 1904, o físico Georgiy Antonovich Gamow é un exemplo de gran científico que foi, ademais, un gran
divulgador. Estudou en Odessa e Leningrado e traballou logo en
Gottingen, Copenhague (con Niels Bohr) e Cambridge para regresar a Rusia
en 1931, onde casou ese mesmo ano con Lyubov Vokhmintseva, á que sempre
chamaría “Rho”.
O réxime comunista impuxo a censura tamén na
ciencia e a física moderna foi unha das vítimas: a teoría da
relatividade e a mecánica cuántica non resultaban aceptábeis segundo a
súa peculiar interpretación do credo marxista.
Algúns amigos cercanos de Gamow pagaron con sufrimento a súa
heterodoxia: Dmitri Ivanenko foi arrestado en 1935 e tivo que exiliarse en
Tomsk, Siberia; Lev Landau entrou en prisión en abril de 1938 e pasou
encerrado un ano (PDF, 375 KB), e peor destino correu
Matvei Bronstein, executado dun balazo na caluga en febreiro de 1938. A
presión comezara ben tempo antes e Gamow e a súa muller non tardaron en
experimentar a necesidade urxente de marchar do país. No seu empeño en
saír de Rusia intentaron aventuras tan arriscadas como a de cruzar o Mar
Negro en dirección a Turquía nun kayak, que fracasou polas adversas
condicións meteorolóxicas. A Gamow negaranlle permisos para ir a
diversos encontros científicos mais en 1933, inesperadamente, admitiron a
súa participación na VII Conferencia Solvay de Bruxelas. Conseguiu
autorización de viaxe tamén para a súa muller e por suposto xa non
volveron a casa. Finalmente, en 1934 establéceronse nos Estados Unidos.
Gamow
orientou no sucesivo o seu estudo cara á cosmoloxía e astrofísica. A idea dun
universo en expansión formulada polo astrofísico e sacerdote
belga Georges Édouard Lemaître coma resultado da teoría da relatividade
levaba aparellada unha consecuencia incómoda (incluso para o propio
Einstein): se o universo "aumenta" e cada vez é máis grande é porque "antes" era máis pequeno. E prolongando máis e máis ese “antes”
chegaremos a un momento orixinal no que o universo todo estaría reducido
a un punto. George Gamow reforzou o sostén teórico desta hipótese, que
pasou a ser coñecida polo nome que lle puxo con ánimo retranqueiro un
dos opositores á mesma, Fred Hoyle: aquilo que propuñan era un “Big Bang”, un “gran estoupido”. En 1948 Gamow escribiu co seu colega Ralph
Alpher un mítico artigo, The Origin of Chemical Elements, que formula a creación a partir do Big Bang do hidróxeno, o helio e os elementos
químicos pesados nas proporcións que hai no universo. Gamow
decidiu incluír a Hans Bethe coma coautor do artigo para completar o
xogo de palabras: os apelidos Alpher, Bethe e Gamow evocaban
directamente as tres primeiras letras do alfabeto grego.
Humor, está
visto, non lle faltaba. Espírito didáctico, tampouco. Ademais de
escribir libros de texto para a universidade, George Gamow dedicou moito
esforzo á redacción de textos de divulgación, coma The Birth and Death
of the Sun, One, Two, Three... Infinity ou Biography of Physics. Mención
especial merecen os volumes protagonizados polo personaxe de Mr Tompkins, un empregado de banca apaixonado pola ciencia.
2. O cineasta
A
que acabaría sendo a figura máis importante do cinema experimental
estadounidense naceu nun orfanato de Kansas City, Missouri, o 14 de
xaneiro de 1933. Foi adoptado ao cabo dunhas semanas e recibiu coma nome
James Stanley Brakhage. Os pais, Ludwig e Clara, non formaban
precisamente unha parella feliz; separáronse sendo el un neno e quedou
ao coidado da nai. Dende moi novo fixo notar o seu gusto pola escritura,
o teatro e o canto -formou parte dun coro-; na adolescencia mesmo gañou
varios concursos literarios. Obtivo unha bolsa para estudar artes na
universidade, mais o seu paso foi breve. Deixou o college, buscou
traballo e empezou a interesarse polo cinema. Convenceuse de que quería
ser cineasta e ingresou na California School of Fine Arts, mais a
experiencia académica tampouco foi satisfactoria. En San Francisco
fíxose amigo, iso si, dos poetas Kenneth Rexroth e Robert Duncan, grazas
aos cales entrou en contacto con outros escritores, artistas e
cineastas, entre eles Bruce Conner e Kenneth Anger.
Foi este último quen
o animou a presentar o seu traballo nos círculos experimentais de Nova
York. Stan trasladouse a esta cidade e foi ben recibido pola comunidade
local de creadores e cinéfilos, inzada de figuras hoxe veneradas coma
Maya Deren, Marie Menken, Joseph Cornell, Hillary Harris ou os irmáns
Mekas. Mais o entusiasmo intelectual non dá de comer e tivo que deixar a
cidade. Durante uns anos sucedéronse as dificultades e as frustracións
(tamén amorosas) e mesmo valorou a posibilidade do suicidio.
Coñece a
Mary Jane Collom e casa con ela en decembro de 1957. Iníciase un
período de estabilidade, van nacendo os fillos e o seu prestixio vai en
aumento. A vida familiar nunca deixa de ser (moi) humilde, mais
permítelle crear filmes con absoluta independencia no seu fogar nas
montañas de Colorado. É o tempo de Anticipation of the Night, Cat's
Cradle, Sirius Remembered, Wedlock House: an Intercourse, do abraiante
nacemento da súa filla Myrrena en Window Water Baby Moving (e logo o de
Neowyn na moito máis abstracta Thigh Line Lyre Triangular). A lenda
Brakhage está en marcha.
3. O amigo
Rustem Igor Gamow naceu
en Georgetown (Washington, EEUU) o 4 de novembro de 1935, ano e pouco
despois da saída (máis ben exilio) dos seus pais George e “Rho” de
Rusia. Na adolescencia interesouse pola danza e durante cinco anos
intentou desenvolver unha carreira coma bailarín até que finalmente en
1958 entrou na Universidade de Colorado, na que nesa altura daba aulas
George, para estudar bioloxía primeiro e doutorarse en biofísica
despois. Traballou durante moitos anos no campo da microbioloxía e foi
profesor, mais se hoxe ten ficha propia na wikipedia é sobre todo polos
seus inventos e patentes, en particular a “bolsa Gamow”, unha cámara
hiperbárica portátil que minimiza o mal de altura ao xerar unha presión
interna superior á atmosférica exterior.
Durante a súa época de
estudos en Colorado Igor Gamow coñeceu a Stan Brakhage. Compartían
afección pola banda deseñada e os heroes de acción, fixéronse amigos
-fórono até a morte do director, en 2003- e desa amizade xurdiu ben cedo un
proxecto compartido. Un proxecto que os ligaba, ademais, ao labor
divulgativo do pai de Igor. Un filme, en efecto, científico.
4. Mr Tompkins Inside Himself
"I
have always considered C. G. H. Tompkins to be my kid brother", escribiu
Igor Gamow no prólogo dunha das reedicións do libro Mr Tompkins Learns
the Facts of Life. Non lle faltaba razón: Igor nacera en 1935 e o seu
“irmán” tres anos despois nun conto escrito polo seu pai. O esquema
xeral do que foi despois a serie quedou aí definido. O señor Tompkins aproveitaba unha tarde de
descanso para asistir a unha conferencia sobre a relatividade, mais o
nivel de dificultade da mesma supérao totalmente e induce o
sopor. Adormece (“a cabeza caeu lentamente sobre o seu ombro”) e no seu
soño imaxina un universo no que a velocidade da luz é millóns de veces
inferior á real, apenas dez millas por hora. Nese universo imaxinario,
os efectos relativistas que na nosa vida cotiá non se aprecian fanse
completamente visíbeis. George enviou o texto a Harper's Magazine e
outras revistas que xentilmente rexeitaron a publicación. Uns meses
despois nun congreso de físicos Gamow conversou con Sir Charles Darwin
(neto do autor d'A orixe das especies) sobre divulgación da ciencia e
explicoulle a súa nula fortuna coa aventura do señor Tompkins. Charles
Darwin díxolle que debía escribirlle a C. P. Snow (autor máis adiante
dunha conferencia xustamente célebre, As dúas culturas), que editaba en
Cambridge unha revista científica, Discovery. Así o fixo e a resposta de
Snow por telegrama non se fixo esperar: “O seu artigo será publicado no
próximo número. Mande máis”.
A revista acolleu máis e máis historias
do señor Tompkins. En 1940 Cambridge University Press publicou unha
compilación en forma de libro, Mr Tompkins in Wonderland, á que lle
seguiu en 1944, Mr Tompkins Explores the Atom. Foron reeditados unha
morea de veces e traducidos a multitude de linguas (tamén o español).
Nos
anos 50 o obxecto de interese de George Gamow foi a bioloxía, rama da
ciencia sacudida polo impacto do descubrimento da estrutura do ADN por
parte de Francis Crick, James Watson, Maurice Wilkins e Rosalind Franklin (os tres primeiros compartiron Premio Nobel de Medicina e
Fisioloxía en 1962; infelizmente, Rosalind morrera catro anos antes).
Non é estraño pois que a seguinte aventura do señor Tompkins o levase a
aprender “os feitos da vida” (Mr Tompkins Learns the Facts of Life,
1953). E como a bioloxía era tamén á area de estudos do seu fillo Igor,
resulta lóxico que fose ese libro o que quixo levar ao cinema co seu
amigo Stan Brakhage. O filme final, unha mediometraxe de 42 minutos,
leva por título -ben descritivo, por certo- Mr Tompkins Inside Himself (1960).
Stan
é o guionista, editor e director. No elenco, Don Weygandt (Señor
Tompkins), Aldine Weygandt (a esposa, Maud Tompkins) e Robert Benson
(Doutor Streets); Elfriede Gamow, parella de Igor, fai unha brevísima
aparición coma enfermeira (a peripecia vital de Elfriede é, de seu, merecedora de atención). Ao comezo do filme
hai un pequeno prólogo no que George Gamow pon en contexto o personaxe.
Durante os créditos iniciais (título, “A Western Cine Production” e
indicación da obra que o inspira) vemos imaxes aceleradas, con intención
cómica, da parella Tompkins na cociña da súa casa, á hora do pequeno
almorzo. El le o xornal e repara nunha noticia sobre unha conferencia do
doutor Streets sobre o cancro: “The usually regular and
well-coordinated processes of cell division in living tissue can
sometimes get out of hand, producing ugly malignant growths, and leading
ultimately to the complete destruction of the organism”. Empeza a
darlle voltas a esa frase; a muller chámao repetidamente polo nome
(Cyril George Henry Tompkins, cuxas iniciais C. G. H. coinciden con tres
constantes fundamentais da física) e suxírelle ir ver un doutor, que
resulta ser o mesmo do que fala o xornal. Tompkins exprésalle a súa
preocupación polo crecemento celular e o risco de metástases e o doutor
Streets proponlle dar unha volta polo interior do seu corpo para que
vexa cos seus propios ollos o estado das cousas. O sistema
(decididamente onírico) consiste en inxectar ao señor Tompkins no seu
propio torrente sanguíneo. Así se inicia un percorrido imaxinativo polo
corpo que os levará até ao corazón antes de que Tompkins esperte do
sono, tan confundido coma confiado no seu bo estado de saúde. A maior
parte da metraxe transcorre, pois, cos dous personaxes masculinos
navegando polos vasos sanguíneos sobre microfotografías reais de células
e capilares feitas nalgúns casos por equipos médicos da Universidade de
Colorado mais tamén polo mesmo Stan Brakhage en
colaboración con Igor Gamow, acreditado coma consultor técnico.
5. Epílogo (cun pouco de matemáticas)
A
amizade entre Igor e Stan favoreceu certa relación entre os Gamow e os
Brakhage. George separárase da súa esposa “Rho” en 1956 e casara en 1958
con Barbara Perkins, que traballaba en Cambridge University Press. Nesa época e
xa até o final das súas vidas (Gamow morreu en 1968 dun fallo hepático,
Barbara uns anos despois, en 1975) residiron en Boulder, Colorado, o
cal posibilitou o contacto co cineasta. Os papeis da parella foron
legados á Biblioteca do Congreso e entre eles se atopan as súas cartas.
Grazas a iso podemos constatar que Barbara Perkins mantivo
correspondencia con Stan e Jane Brakhage (na actualidade, Jane Wodening) durante
doce anos, entre 1960 e 1972.
Nestes primeiros anos sesenta Stan
Brakhage inicia a preparación dunha das súas obras maiores, Dog Star
Man (1961-1964), que é literalmente un filme sobre o ser humano no universo. Menos
na parte I, en xeral composta por unha imaxe única, as outras catro
partes están feitas superpoñendo imaxes: hai dúas capas no Preludio e na
parte II, tres capas na parte III e catro na cuarta. Entre a multitude
de materiais manexados por Brakhage nesta odisea dun home cun machado
nas montañas hai imaxes astronómicas (a Lúa e o Sol en abundancia, o ceo
nocturno) e numerosísimas imaxes microscópicas, e aí é onde a
experiencia recente do Mr Tompkins Inside Himself (e incluso a
reciclaxe) se fai notar.
Os setenta minutos de Dog Star Man deron pé a
outro filme diferente aínda que contén exactamente as mesmas imaxes.
The Art of Vision (1965) estende ou expande a experiencia Dog Star Man cara ás
catro horas e cuarto polo procedemento de amosar as distintas capas de
cada parte do filme orixinal por separado e en todas as combinacións
posíbeis (de dous, tres ou catro elementos, segundo os casos). Falamos de combinacións e non de permutacións ou variacións posto que na
superposición de imaxes o que conta é a suma final e non “a orde” (é
dicir, a mestura dunha imaxe A e outra B é unha imaxe AB, indistinguíbel
dunha BA).
Fred Camper debullou a estrutura de The Art of Vision neste sensacional artigo, que emprego coma referencia. As dúas
filmacións superpostas no Preludio de Dog Star Man preséntanse en The
Art of Vision primeiro por separado e logo xuntas, de maneira que os
vinte e cinco minutos dan lugar agora a setenta e cinco. A Parte I
preséntase tal cal, mais na II volve suceder o mesmo, só que en orde
inversa, primeiro a versión orixinal superposta e logo os dous rolos por
separado. Cando chegamos á parte III o exercicio se complica: temos
tres capas superpostas, as que chamaremos A, B e C, e iso permite
presentalas de unha en unha, logo de dúas en dúas (AB, AC e BC) e logo a
superposición das tres (que é a parte III orixinal). Coa cuarta parte,
as combinacións medran: os catro rolos (A, B, C e D) vense primeiro “á
vez”, logo en grupos de tres, que é tanto coma determinar as
combinacións posíbeis de tres elementos tomados dun grupo de catro,
despois en grupos de dous, ou sexa, combinacións posíbeis de dous elementos tomados dun grupo de catro:
e
finalmente por separado. Os cinco minutos da parte IV en Dog Star Man
medran até hora e cuarto en The Art of Vision, repartidos en quince
segmentos (1+4+6+4).
Martin Pawley. O CGAI, Filmoteca de Galicia, programa The Art of Vision de Stan Brakhage hoxe, 31 de maio de 2016, ás 19:30, asociada á programación do S8, Mostra de cinema periférico. A entrada é de balde.
Excelente entrada.
ResponderEliminarUnha puntualización. Na terminoloxía matemática recoméndase usar o termo "arranxo" no canto de "variación" para referirse ao reconto de ordenacións distintas de m elementos nun conxunto de n elementos.