por Miguel Castelo
Pertencente
ao distrito de Viana do Castelo e situada na comarca do Alto Minho,
Região Norte, Melgaço limita ao norte e ao leste con Galicia, ao
suroeste co municipio de Arcos de Valdevez e ao oeste con Monção. É a
poboación portuguesa máis septentrional e está integrada por 18
freguesías. Melgaço, malia á súa pequena escala xeográfica (239,04 qm²) e o
reducido número de habitantes (arredor de 9.500 no seu termo municipal,
dos que 1.300 moran na propia urbe), mantén unha curiosa relación co
mundo do cine, debido ao vínculo coa vila do documentalista, crítico e historiador Jean Loup Passek, trabado en
París nos primeiros 70 por mor do seu trato con inmigrantes portugueses. Tal é así o seu afecto por Portugal e nomeadamente por esta vila
minhota (onde mesmo hai anos comprou casa) que decidiu ceder ao municipio o seu amplo patrimonio, produto
da súa intensa actividade profesional (innúmeras fotografías, cartaces,
libros, documentos diversos, aparellos precinematográficos, etc.) para o
que el propio escolleu o espazo do depósito, concretándose no museo que
leva o seu nome, inaugurado en xuño de 2005. Ademais dun conservado
centro historico, onde se ubica este museo, a vila conta cunha ben
dotada Casa da Cultura e outro espazo museístico, Memória e Fronteira
(Histórias da História), monográficamente dedicado ao poliédrico fenómeno social do contrabando, práctica directamente vinculada coa
zona nos anos 40 e décadas posteriores do século pasado, e á emigración
local. Por estas razóns todas, esta capital foi escollida pola vianense
Ao Norte, Asociação de Produção e Animação Audiovisual, como marco do Filmes do Homem, Festival Internacional de Documentário, que programa e
organiza coa principal colaboración da Cámara Municipal.
Así
que Melgaço celebrou este ano a segunda ou primeira, segundo se mire,
edición de Filmes do Homem. A primeira, baixo o argumento dos propios
organizadores de considerar a do ano pasado como un achegamento ao
modelo de festival matinado, a xeito de experimento ou proba. Sexa como for, a deste ano celebrouse entre o 4 e o 9 deste mes e contou coa
presenza de 25 filmes, dos que 19 (9 curtas e 10 longas) entraron na
competición. Dezaseis foron os países participantes -Australia,
Portugal, Canadá, Suiza, Francia, Angola, EUA, Turquía, Chipre, Brasil,
Italia, España, Perú, Reino Unido, Grecia e Dinamarca-, algúns deles en
réxime de coprodución. Se ben o auditorio da Casa da Cultura, centro
neurálxico do certame, foi o principal espazo de proxección dos filmes
concursantes, outros lugares da contorna contaron coa presenza de filmes
fóra desta sección. Así, as freguesías de Lamas de Mouro e Castro
Laboreiro, no seu auditorio e centro cívico, respectivamente, e as de
Cristóval (São Gregório) e Parada do Monte e o concello de Arbo, en
Galicia, en sesións ao ar libre nas súas prazas principais, puderon
tamén participar do festival. Así mesmo, na explanada da Torre do
Menagem de Melgaço tivo lugar a sesión de “encerramento”.
Os
movementos migratorios constituiron o tema arredor do que virou esta
edición. De emigración e inmigración, acoso, maltrato e explotación
laboral, da teimosía do retorno, de racismo e xenofobia, de
aculturización, desarraigo, alienación e perda de referentes… e moitas
outras infaustas derivas que atinxen ao fenómeno da diáspora versa o
conxunto dos filmes que integraron o apartado estritamente
cinematográfico do festival melgacense. O xuri internacional,
constituido por Jorge Campos, Catarina Alves Costa, Jean Loïc-Portron,
José Manuel Sande e Tiago Hespanha, decidiu conceder os recén
instituidos premios Jean Loup Passek do seguinte modo: Prémio ao Melhor
Documentário (económicamente dotado con 3.000 €) a He Bu Tune Bu / Era
unha vez, de Kazim Oz (Turquía), “pela forma como ficciona o real dando
corpo, com apurado sentido cinematográfico, a uma narrativa que logra
transformar os protagonistas curdos em personagems num contexto em que
as relações pessoais e familiares interagem com o pano de fundo
revelador, na Turquia de hoje, da existencia de relações sociais que
perpetuam a servidão”; o Prémio á Melhor Curtametragem (dotado con 1.500
€) a Xenos, de Mahdi Fleifel (Palestina), “pela extraordinária energia
humana e cinematográfica que irradia das imagens criadas em torno da
figura de Abu Eyad e de outros refugiados palestinianos em busca de uma
vida nova em Atenas, mas apanhados na armadilha de um país em colapso”;
e o Prémio ao Melhor Documentário Português (dotado con 1.000 €) a Aquí tem gente, de Leonor
Areal, “pelo retrato que faz da luta pelo direito à habitação dos
moradores do Bairro da Torre, em Loures, muitos dos quais ciganos e
africanos, bem como pelo destaque dado ao papel das mulheres e pelas
questões que suscita”.
O Filmes do Homem, Festival
Internacional de Documentário de Melgaço, 2015, estivo, a maiores das
proxeccións, así mesmo conformado por unha serie de actos e actividades
de especial interese:
Plano Frontal, Residencia Cinematográfica,
actividade xa experimentada na edición anterior, axuntou a un grupo de
alumnos de Escolas de Ensino Superior de Cinema e Audiovisual, coa súa
formación recentemente concluida, que, conformados en catro equipos de
tres (realizador, operador de cámara e operador de son), baixo a titoría
de Pedro Sena Nunes e o apoio loxístico de produción e realización de
Carlos E. Viana, Rui Ramos, Mário Gomes e Miguel Arieira, acometeronn a
realización de pequenas pezas de carácter documental sobre historias
locais, que, coa presenza dos seus autores, han ser proxectadas na
vindeira edición, como nesta se proxectaron as realizadas o ano pasado.
Fora de Campo, espazo de reflexión e debate multidisciplinar, na área
das Ciencias Sociais, Artes e Ciencias da Comunicación, arredor do tema
Cinema e Migrações, coordinado por Jose da Silva Ribeiro e levado a cabo
en colaboración con Universidades e Grupos de Investigação/Pesquisa de
Portugal, Galicia, Brasil e México, configurou un numeroso encontro de
intervinientes a contrastar teorías, opinións e criterios nunha
permanente e estimulante contenda da lusofonía. Os brasileiros Jose
Carlos Sebe Bom Meihy e Zilda Marcia Grícoli Iokoi, os galegos Manuel
González e María Yánez, e os portugueses Maria Beatriz Trinidade-Rocha e
Manuela Penafria foron, entre outros, algúns dos participantes.
Nós
por cá e por lá, exposición fotográfica coordinada por Daniel Maciel,
ofreceu unha escolma de duascentas fotografías que presentan persoas e
situacións na orixe e o destino do percurso migratorio, no seu momento
realizadas co obxectivo de intercambio informativo e sentimental
entrambas partes: o concello de Melgaço e Francia, neste caso. Once
freguesías responderon positivamente á proposta, aportando máis de
setecentos retratos, procedentes de setenta casas. Un discurso
iconográfico, que, alén da súa condición preservadora da memoria local,
supón un documento de valor histórico e cultural incalculable. A mostra
dispuxo, no seu acto inaugural, dun tempo emotivo no que algunhas das
fotos foron explicadas polos seus protagonistas. Así mesmo, estes
protagonizaran con anterioridade pezas videográficas dedicadas a glosar
as circunstancias do instante fotográfico,
a se proxectar incesantemente nunha pantalla da propia exposición.
E, finalmente, o
Laboratório de Video, Cinema de Animação, obradoiro impartido por Graça
Gomes, destinado a mozos de 14 a 18 anos.
Con todo, toda esta
oferta cultural tería resultado distinta sen o clima de convívio que a
acompañou. A tal contribuiron a excursión a Castro Laboreiro e aos seus
puntos de información, e as visitas guiadas aos museos Jean Loup Passek
-actualmente con Manoel de Oliveira como protagonista-, Memória e
Fronteira, así como ao Solar do Alvarinho. Tamén axudaron, ademais da
concorrencia dalgúns dos realizadores dos filmes presentados, as
presenzas activas, en presentacións e mesas redondas, dos “cantores”
Luis Cília e Sérgio Godinho (tan venerados polos galegos que en tempos
pretéritos xa ollabamos cara Portugal), igualmente padecedores da
emigración e o exilio e colaboradores en causas cinematográficas, de
Carlos da Fonseca, activista, nos 70, coa súa muller Laurette Fonseca no
barrio de Massy (Essonne) nos arredores de París, e Henrique Espírito
Santo, un dos máis importantes produtores do cinema portugués das tres
últimas décadas do século pasado.
No seu adecuado tamaño,
Filmes do Homem, Festival Internacional de Documentário de Melgaço,
2015, evidenciou unha notable capacidade organizativa e sentido da
estrutura. O salto, histórico filme sobre a emigración portuguesa a
Francia (Christian de Chalonge / Francia, 1973) punteou, nas sesións
especiais inaugural (Cristóval-S. Gregorio) e de clausura (Torre do
Menagem), a edición. Outros dous filmes, Lorette et les autres /
Laurette e os outros (Dominque Dante / Francia, 1973), e Souvenirs d´un
futur radieux / Lembranzas dun futuro radiante (José Vieira / Francia,
2014) contribuiron a poñer de manifesto o poder testemuñal do cinema, o
sentido cíclico da Historia e a recorrencia dramática dos movementos
migratorios. Resulta angustiosamente revelador constatar como nas
grandes barriadas do sureste de París permanecen talmente as chabolas,
os chamados "bairros de lata", que nos anos 60 ocupaban os portugueses e
agora habitan os rumanos; como o filme de Vieira (cineasta da
emigración) incide hoxe, con milimétrica simetría, en espazos e
situacións mostrados por Chalonge e Dante hai tres décadas. Nada semella
ter mudado, agás a posibilidade de filmar a cor. A cor ou en branco e
negro, os filmes que a primeiros de agosto chegan a Melgaço versan todos
sobre a condición humana. Este é o desexo e o obxectivo dos
organizadores deste encontro cinematográfico, Filmes do Homem.
Ningún comentario:
Publicar un comentario