No texto da convocatorias das
“axudas de talento” da AGADIC aínda permanecen as máximas estéticas que
deben orientar a presentación dos proxectos. Unha delas fala da
alteración dos códigos establecidos, outra de potenciar a subxectividade
do director e a terceira da capacidade de nutrirse da improvisación.
Concretamente, sobre esta última dicíase: “Que aposten polo proceso de
rodaxe-gravación como método de encontrar unha historia, para captar
unha experiencia reveladora que tería sido imposible prever
literariamente ou preparar dramaticamente, ou para crear un universo
propio comunicable”. Jet Lag de Eloy D. Serén é a cristalización suma de
como o azar da rodaxe pode reconducir un proxecto.
A idea
orixinaria era explorar as continxencias que envolven a un empregado
dunha estación de servizo na quenda de noite. O xerme da proposta
encaixa na tradición de certo documental contemplativo arredor do mundo
do traballo. A intención era recrearse na dilatación do tempo de accións
esporádicas e así transcorre a primeira parte do filme. Apenas acontece
nada salvo accións rutineiras da distinta fauna que se achega ao espazo
dunha gasolineira: camións, camioneiros, repartidores, coches... nunha
especie de estudada coreografía nocturna esplendidamente filmada. Un
ritmo da realidade lento con imaxes demoradas, case somnolentas. Unha
rutina alterada por unha chea de luces, neons, escintileos, sombras...
Mais ninguén pode confiar na realidade, nunca sabes onde e cando te vai a
sorprender.
O filme está dividido en varias “noites” que
funcionan como capítulos. Na metade da metraxe hai unha ruptura no
relato: o equipo enúnciase, primeiro a produtora, Beli Martínez, e
despois o director, Eloy D. Serén. Teoricamente esta manifestación vén
demostrar a imposibilidade de manter o plan orixinal. Mais isto só é o
aperitivo para un xiro totalmente inesperado no que as imaxes se empapan
da ficción latente na realidade. Con material de cámaras de vixilancia
dáse conta dun atraco e logo, coas conversas do protagonista, equipo,
clientes e policía, configúrase unha atmosfera de tensión e suspense que
xa lle gustaría facer gala a filmes de xénero máis preconcibidos. Toda a
realidade vólvese altamente suxestionada pola non-presenza do famoso
delincuente alcumado “Canceliñas”.
Jet Lag é un filme nidio e
transparente onde se pode ver as formacións do artificio. Comeza co
documental acusando a súa bastardía, aquilo que dicía Santos Zunzunegui
de que “todo documental ficcioniza a realidade existente”.
Posteriormente toda a posta en escena se desvela porque os seus
responsables saben que non son capaces de manter a mentira porque serán
arroiados por unha historia con maiores dimensións ficcionais. Jet Lag
eríxese como a ilustración do famoso corolario nietschiano: “a pouca
realidade que ten a realidade”.
O filme de Eloy D. Serén móvese a
varios niveis e dialoga coa modernidade máis absoluta. Vemos como Jet
Lag asume a súa compoñente procesual que se enxerga dos presupostos
artísticos da década dos 60 e dos 70. Sabemos que as experiencias
cinematográficas actuais agrupadas no que se dá en chamar non-ficción
son propensas en mostrar a estrutura, a estada. As limitacións de
recursos materiais provocaron un cambio de modelo cinematográfico para
amosar a imposibilidade de atinxir os grandes relatos. Todo é
escorregadizo, todo se move, os cambios e a eventualidade están moi
presentes. Os filmes rematan contorsionados e imperfectos.
Como
dixo Adorno “as obras de arte non son ser senón devir”. Unha dimensión
procesual que reivindica unha conciencia artística nacida á luz da
cinefilia que impulsa estes proxectos. Un deambular polas encrucilladas
da creación que fascina fortemente ao espectador. A arte sempre
cambia e ten historia. As prácticas cinematográficas feitas en Galicia
nos últimos anos sintonizaron atinadamente co seu fráxil contexto e,
tamén, coa elevada indefinición da disciplina. Toda esta inestabilidade
queda reflectida nas imaxes potenciando, máis se cabe, a súa marca
procesual e, polo tanto, converte a Jet Lag nun argumento sobresaínte
para alentar o debate moderno.
Xurxo González. "Jet Lag" estréase o próximo domingo no Festival de Cine de Sevilla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario