domingo, 27 de febreiro de 2011

Gaña o cinema

Hai uns meses tiñámolo todos bastante claro: A rede social estaba chamada a triunfar en todas as galas que lle botasen enriba, empuxada polo seu gran prestixio, que a levou a dominar as listaxes de favoritas da crítica estadounidense, mais tamén polo seu notábel éxito de público, cunha recadación próxima aos cen millóns de dólares. A admiración dos especialistas e o entusiasmo dos espectadores parecía a combinación perfecta un ano despois de que Kathryn Bigelow apañara multitude de galardóns cunha obra excelente, The hurt locker, pero con resultados comerciais máis ben raquíticos. De cara aos Oscars A rede social ofrecíalle ademais á Academia a oportunidade de cubrirse dun verniz de mocidade, de achegarse á xente nova familiarizada cun espazo, o de Internet, que é territorio descoñecido para boa parte da industria e da prensa cinematográfica.
Pero A rede social pasouse de freada. Ou, para ser máis precisos, despois dela estreáronse filmes que manexaron con máis habilidade os tempos para ofrecerse coma solución de consenso. Da man dos irmáns Weinstein, vellos coñecidos do negocio, O discurso do Rei foi asomando o fuciño aos poucos e acabou por ser o favorito das asociacións de produtores e directores, co que se converte na máis sólida aposta para os Oscars. Convencional pero feita con sentidiño, a fita conta ao seu favor coa tradicional fascinación que o cinema americano demostrou pola monarquía británica e o feito de que o peso da función recaia nun conxunto de interpretacións sen tacha, algo decisivo nunha academia na que os actores son o grupo máis numeroso.

O discurso do Rei ten ademais unha excelente, e aínda viva, carreira comercial, mais iso este ano é lugar común para as principais candidatas. O interesante desta volta é que na maior parte dos casos falamos de filmes baratos para o estándar de Hollywood. O biopic do rei tartamudo custou 15 millóns de dólares e leva recadado máis de 200 en todo o mundo. True grit, o western de Joel e Ethan Coen, ten un orzamento de 38 millóns, mais os ingresos pola venda de entradas só no mercado USA multiplican por catro esa cifra. Máis rechamante é o caso de Black Swan, un éxito sorprendente nunha filmografía, a de Darren Aronofsky, que até agora se movía no modesto rexistro das películas de culto. Cando Natalie Portman recolla o Oscar pola súa extraordinaria interpretación estará vendo recompensada non só a súa capacidade para saír ilesa dun papel arriscado que en mans doutra actriz sería garantía de ridículo, senón o seu tirón popular para conseguir que o filme se eleve por riba dos cen millóns de dólares, apoiada nun boca-orella que se alimenta, para que negalo, da presenza da película en sitios web de descarga.

Nunha escala ben diferente están títulos coma Toy Story 3 ou Inception, películas extremadamente caras pero cunha recadación mundial que quintuplica os custos (e que, dito sexa ao paso, atópanse entre as máis valiosas da tempada); mais a lección a extraer neste momento de cambio de paradigma é que hai espazo para outro cinema adulto de dimensións axustadas, moi lonxe dos investimentos faraónicos das producións baseadas nos efectos especiais ou o reclamo de grandes estrelas con salarios desorbitados. Despois de saldar a súa débeda con Scorsese, de darse un baño de multiculturalidade cutre con Slumdog millionaire e de recoñecer o inmenso talento dunha muller directora, este ano, suceda o que suceda, a Academia vai premiar a rendibilidade. Alí gaña o cinema. En todos os sentidos.

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia o domingo 27 de febreiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario