sábado, 19 de febreiro de 2011

A síndrome Ricardo Darín

Bendicido desde moi cedo por un talento baseado na súa versatilidade visual, Pablo Trapero é un director de cine arxentino (San Justo, 1971) encumbrado pola crítica esixente logo das súas dúas primeiras películas, Mundo grúa (1999), depurada ópera prima premiada en Venecia, Rotterdam e o primeiro Bafici de Bos Aires –obtivo unha mención en Ourense–, e El bonaerense (2002), proteico achegamento á degradación persoal por vía policial.
Membro do grupo de cineastas que xorde a partires de mediados dos 90, o chamado Novo Cine Arxentino –con Alonso, Martel, Lerman, Caetano, Carri, Llinás, Villegas, Murga, Rejtman ou Matías Piñeiro–, Trapero implicouse progresivamente nun cine máis popular, enfatizando a liña sutil que conciliara con acerto relato doméstico e mundos alleos. Logo da compracente Familia rodante (2004) e a pouco coñecida Nacido y criado (2006), obtén un enorme éxito co realismo carcelario de Leonera (2008). Entusiasmado polo tránsito comercial, con empresa propia, Matanza Cine, e a complicidade da súa parella, a actriz Martina Gusman, lánzase a traballar con Ricardo Darín.

Carancho –ave de rapina arxentina–, editada en DVD por Cameo (2010), amosa os amoríos entre un avogado trapalleiro e unha doutora novata, un estraño dúo nunha trama de intereses en torno a accidentes de tráfico. O relato vira cara ao cine negro. Violencia, corrupción e brutalidade enmarcan un solvente ritmo narrativo, con secuencias elaboradas. Porén, a presenza de Darín determina a medida da película. Actor na procura perenne do lado amable, aborta de xeito envolvente as opcións de complexidade na construción dun personaxe e unha trama ambivalente, digna de maior audacia.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 19 de febreiro de 2011.

Ningún comentario:

Publicar un comentario