O pobo saharauí arrastra desde hai décadas unha realidade marcada polo desarraigamento, o exilio e a negación de dereitos fundamentais. A falta de recoñecemento pleno da súa nacionalidade coloca miles de persoas nun limbo xurídico que limita o seu acceso a dereitos básicos, entre eles a regularización administrativa. Esta exclusión non é un feito illado nin técnico: é unha forma de invisibilización institucional que perpetúa a desigualdade. Consideramos inaceptábel que os criterios de regularización non contemplen de maneira específica a situación das persoas apátridas, que maioritariamente son saharauís, cuxa condición responde a causas históricas e políticas amplamente documentadas. Ignorar esta realidade supón reforzar barreiras estruturais que impiden a integración social, laboral e xurídica.
A Comunidade Saharauí de Galicia exixe:
-O recoñecemento explícito das persoas saharauís apátridas dentro dos procesos de regularización.
-A adopción de medidas específicas que atendan a súa situación xurídica excepcional.
-O cumprimento dos compromisos internacionais en materia de dereitos humanos e protección de persoas apátridas.
-A garantía de igualdade de tratamento e acceso a dereitos fundamentais, sen discriminación por orixe ou status xurídico.
Así mesmo, convocamos a cidadanía a unha manifestación o próximo 23 de abril ás 20:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno na Coruña, para erguermos a voz contra esta exclusión e exixirmos solucións xustas.
Facemos un chamamento urxente a todas as asociacións, colectivos sociais e entidades solidarias para que se sumen e apoien esta mobilización. A unión é clave para lograrmos cambios reais e para garantirmos que ningunha persoa quede atrás.
Por unha regularización sen exclusións. Por dignidade, xustiza e dereitos.
Comunidade Saharauí en Galiza

Ningún comentario:
Publicar un comentario