venres, 15 de agosto de 2025

Manuel Lourenzo, compañeiro dos meus días

por Miguel Castelo

Entre as persoas para min fundamentais está Manuel Lourenzo. Coñecino na primeira metade dos anos 60, ao pouco de ter chegado el de Alemaña, da súa experiencia laboral diversa de emigrante, onde, alén duns notábeis coñecementos da lingua xermana, traía a descuberta de Bertold Brecht e o amor polo teatro, se cadra xa intuído nas cerimonias relixiosas da infancia e a adolescencia no seu Valadouro natal. Non sei se xa el levara consigo os estudos de maxisterio feitos ou foi á volta cando os fixo. Dunha ou doutra maneira, foron precisamente os seus compañeiros da Normal -unha das tres institucións docentes de grao medio existentes daquela na Coruña; Náutica e Comercio eran as outras, mentres a única Universidade galega era a de Compostela-, Xan Cejudo e Alfredo Ferreiro, con quen eu tiña trato, os que me levaron a el. O teatro, a literatura e outros asuntos da cultura eran as preocupacións de todos eles, e acabaron por seren as miñas. Eran estes os primeiros tempos do teatro coruñés, daquela aínda en castelán. As seccionadas carpas esféricas xémeas instaladas diante do Concello, por mor do enxeño popular coñecidas como “as tetas de María Pita”, acolleron no interior das súas ubres, no marco dun festival, algunhas das tentativas escénicas de Manolo e outras que chegaban de fóra. Logo, viría a organización colexiada do Festival Internacional de Teatro, no auditorio de Caixa Galicia da Ronda de Nelle, e os ensaios nun baixo da Falperra, cedido polo pai doutro Manolo, Manuel Varela. Neste local apañaron corpo, baixo a divisa Teatro Circo, As tres irmás parvas, Romaría ás Covas do Demo e Crónica do Sol de Inverno, as primeiras pezas, entre o Prometeo e as posteriores montaxes de Oración, nas que eu facía vulto. E máis adiante, xa nos 80, a creación da Compañía Luis Seoane e súa sala estable. Toda unha cumprida andaina de quen, uns anos máis tarde, recibiría o Premio Nacional de Literatura Dramática e o Premio Nacional de Artes Escénicas. Non me esquezo tampouco dos requerimentos da televisión e o cinema: Mareas Vivas, Entre bateas e Fariña.

Manuel Lourenzo. Fotografía: Santos-Díez (Ollo de vidro-ACAB). Fonte: Nós Diario.

Todo permanece claro na miña memoria, como se onte acontecese, malia que se cadra non foi exactamente así. As acampadas en Cecebre e no Portiño, con algúns dos teus alumnos do pequeno centro escolar creado co teu amigo Rogelio López Cardalda, no bairro da Sagrada Familia; as conversas na librería do teu pai na encosta da Unión; aquel magnetófono de fita 3/4 que compraramos a medias; as estadías estivais na túa ben rehabilitada casa de Vilaúde; os animados xantares do teu domicilio coruñés con Monserrat Modia, a nai dos teus fillos, Cilha e Brandán, e eficaz produtora e distribuidora das túas creacións; as representacións e debates de Casa Hamlet, espazo creado co teu socio Santiago Fernández... E as máis recentes tertulias na túa mesa do café no canto das rúas Federico Tapia e Menéndez Pelayo. Todo está presente na miña cabeza. Que enorme importancia teñen as primeiras amizades e compañías da vida. Moitas grazas, Manolo, por teres comparecido na miña a tempo. Obrigado, amigo, por todo o turbillón de instantes inesquecíbeis de felicidade e estímulo que me deixas para acompañamento dos meus días.

sábado, 2 de agosto de 2025

Un pobo, unha cultura, un ceo

Vai para cincuenta anos que o pobo saharauí foi desposuído da súa terra pola ocupación de Marrocos. Hai xa máis de unha xeración que se criou e se fixo adulta nos campos de refuxiados de Tinduf, en Alxeria, nun deserto árido a centos de quilómetros do océano Atlántico. Un pobo que resiste contra o esquecemento da súa loita e dos seus dereitos e pola preservación da súa cultura, na que foi sempre fundamental o coñecemento astronómico. Amanar, un proxecto internacional e multidisciplinar, coopera na protección dese patrimonio.


En 1884 o chanceler alemán Otto von Bismarck convocou unha reunión en Berlín para que as grandes potencias do mundo acordasen entre si a repartición de África. Participaron, para alén de Alemaña, o Reino de España, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, o Reino Unido, Italia, Holanda, Portugal, Rusia, a unión Suecia-Noruega, o Imperio Austrohúngaro e o Imperio Otomán, ademais da Asociación Internacional do Congo que defendía os intereses literalmente particulares do infausto Leopoldo II, rei de Bélxica. É un dos fitos máis noxentos da historia universal da infamia, o inicio do saqueo dos recursos africanos e dun holocausto negro que ten no Congo o símbolo maior, máis non o único, da súa crueldade, co exterminio de millóns de persoas e a normalización do traballo escravo na obtención de caucho para beneficio do monarca, propietario persoal de todo o territorio. A conquista violenta devastou países que acadaran un notábel desenvolvemento (Benín, Dahomey) e alentou unha visión colonialista de África como terra de bárbaros que había que civilizar e domesticar, unha terra sen dereito a posuír linguas, artes e culturas de seu. A barbarie, porén, era a que viña do norte, a que regou o chan con sangue para encher os bancos e os museos das metrópoles (...)

Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 2 de agosto de 2025. As persoas subscritoras poden lelo completo en liña no sitio web do xornal.