![]() |
| Fotograma de Samsara (Lois Patiño, 2023) |
O 4 de maio de 1938 unha asociación de propietarios de salas de cinema independentes publicou a toda páxina na revista The Hollywood Reporter un texto de título elocuente, "Espertade, produtores de Hollywood". Reprobaban nel que todos os grandes estudios estivesen sobrecargados de estrelas "cuxo atractivo público é insignificante", que recibían salarios enormes e encabezaban os carteis de películas que non captaban o interese da audiencia. Entre os nomes de intérpretes "cuxa capacidade dramática é incuestionábel, mais cuxa pegada na recadación é nula" aparecían os de Mae West, Greta Garbo, Joan Crawford, Katharine Hepburn ou Marlene Dietrich, de quen se dicía expresamente que era "poison at the box office", veleno para a billeteira. O sintagma "box office poison" fixo fortuna e durante anos diversas publicacións elaboraron as súas propias listaxes de artistas que parecían ser garantía de fracaso (e que en moitos casos protagonizaron obras mestras hoxe incuestionábeis). Mesmo Bette Davis, que un tempo atrás era considerada pola industria unha actriz que merecía cada dólar que gañaba, acabou aparecendo nesas listaxes. Cómpre recordar xa que o cliente, por suposto, non sempre ten a razón.
O filme Samsara de Lois Patiño comeza cun longo e lento travelling sobre un grupo de nenos e mozos que fan meditación nunha escola budista. A primeira parte do filme transcorre en Laos arredor duns monxes adolescentes; a segunda parte, en Zanzíbar, cunhas mulleres que traballan na praia recollendo algas e unha nena alegre que empeza a aprender que ao final da vida vén a morte. No medio hai un bloque de quince minutos no que se lle pide expresamente ao público que peche os ollos para que experimente, a través das pálpebras, as manchas de luz e cor que invadirán a pantalla. É a representación do tránsito dun corpo a outro, un traxecto sublime estrañamente emocionante, seguramente un dos fitos do cinema contemporáneo. Todo o descrito parecería falar, a priori, dun filme restrinxido a unha audiencia cinéfila, un produto de prestixio (premiado na sección Encounters da Berlinale) sen apenas resposta nas salas. A clase de película que nunca mercarían as moi rancias televisións públicas, nin a nosa de aquí nin aqueloutra de acolá. Veleno para a billeteira, talvez.
Ou talvez non. Na súa estrea no Estado español en decembro de 2023 Samsara obtivo un resultado máis ca xeitoso
considerando a natural modestia do seu lanzamento, arredor de doce mil entradas vendidas. Un ano típico chega a haber un par de centos de películas de produción española que venden menos billetes, incluídas algunhas que son candidatas aos Goya. A sorpresa maior, porén, vén cando se revisan as cifras que acadou en toda Europa: de acordo cos datos recollidos polo portal Lumiere do Observatorio Audiovisual Europeo, Samsara exhibiuse nunha ducia de mercados, con resultados rechamantes nos Países Baixos (21.000 billetes) e Bélxica e o Reino Unido (arredor de 9.000) para un total que supera as 62.000 entradas vendidas. Á vista destes datos, non é acaso un éxito moi meritorio o desa película tan misteriosa (e tan barata) do Lois?
Sirat, de Oliver Laxe, xoga noutra liga en termos de produción co seu orzamento de seis millóns de euros, por outra parte común entre as películas europeas máis ambiciosas, esas que soñan con ir a Cannes, o festival que xa é unha segunda casa para o director galego. Saíu con 183 copias, un lanzamento grande mais non masivo (cada tanque que chega de Hollywood dobra de maneira habitual esa cifra), e as altas expectativas nos días previos
á estrea facían presupoñer unha boa resposta en salas, mais non deixa de ser un filme con elementos moi arriscados no relato, radical na forma e no fondo, un que adoitaría ser colocado antes na etiqueta "de autor" máis ca na etiqueta "comercial", en particular por aqueles que só cren comerciais as películas protagonizadas por rostros populares da televisión (e que non poucas veces acaban facendo números máis ben discretos). O caso é que na primeira fin de semana Sirat pasou das 50.000 entradas e e o día en que se publica este artigo terá superado de sobra a marca das 105 mil que sumou O que arde: o horizonte de 300.000 (a aposta, un chisquiño optimista, que eu fixen co director) empeza a non ser ningunha quimera. E iso só nesta primeira fase, sen contar futuras reposicións a causa das candidaturas a premios, cos Oscar como soño non inverosímil ante o entusiasmo da crítica ianqui e o feito de ter distribución (potente, a Neon) nos EUA.
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 14 de xuño de 2025, sábado. Tamén pode lerse en liña no sitio web do xornal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario