sábado, 24 de xuño de 2023

Harry Belafonte, arte e acción

Un dos máis apaixonantes filmes para reflexionarmos sobre os límites no tratamento do colonialismo e a segregación racial no Hollywood clásico é Island in the Sun (Robert Rossen, 1957), ambientado nunha illa ficticia do Caribe historicamente dominada por unha elite anglosaxoa mais cunha poboación na súa maioría filla da escravitude. No lugar vai haber unhas eleccións nas que se enfrontarán un terratenente branco atormentado polos seus receos e complexos, Maxwell Fleury (James Mason), e un líder negro emerxente, David Boyeur (Harry Belafonte). Nunha festa na que coinciden os dous establécese un diálogo que confronta con claridade as súas diferentes visións do mundo. Boyeur fala da falta de oportunidades para a cidadanía nunha illa marcada “pola tradición”; cando Fleury insinúa que non poden esquecela, Boyeur retruca que os propietarios das terras cren que as únicas tradicións que contan son as súas mais “nós temos as nosas”, para logo recordar con retranca que entre os costumes avalados pola metrópole están os barcos de escravos e o traballo extenuante nas plantacións do pasado así como as inxustizas do presente. A súa vontade de cambio exprésase cunha afirmación rotunda: “Non viviremos como os nosos pais”. Contra a -no mellor dos casos- actitude paternalista e caritativa do poder branco, o que se exixe agora é igualdade. Ante a pregunta dun xornalista sobre cal é o problema máis importante da illa, Boyeur responde sen dubidalo “a cor”. A cor tamén era daquela un problema na industria do cinema, e de feito mesmo o pudoroso uso que a película fai das relacións de amor interracial -un simple beixo explícito era aínda impensábel- provocou protestas e prohibicións na América segregacionista, malia ao cal a resposta do público foi masiva.

Joan Fontaine, Harry Belafonte, Hartley Power, Patricia Owens, James Mason e Michael Rennie en "Island in the Sun"

A identificación entre personaxe e actor non é estraña. Belafonte, nesa altura xa unha estrela da canción, procurou sempre proxectos cinematográficos que non silenciasen a cuestión do racismo. Nacido en Harlem, Nova York, en 1927, foi arredor dos vinte anos cando descubriu o interese pola interpretación; compartiu escola de teatro con Marlon Brando e debutou na escena no American Negro Theater de Manhattan, onde coñeceu a Sidney Poitier, amigo para toda a vida e compañeiro na loita contra os fabricantes de odio. A música revelouse axiña un camiño rápido para o éxito; o rexistro melódico e jazzístico inicial deu paso a outras formas guiado por un espírito curioso e inconformista. Grande estudoso da música popular de aquí e acolá, nos seus primeiros discos investigou a tradición folk estadounidense e gañou unha celebridade que se volveu mundial co terceiro álbum, o lendario Calypso. Polo medio gañou un premio Tony como actor secundario no musical John Murray Anderson's Almanac e fixo as primeiras películas, Bright Road, sobre unha escola para crianzas negras, e Carmen Jones, adaptación da ópera de Bizet, nas que compartiu elenco con Dorothy Dandridge, igualmente presente en Island in the Sun. Descontento coas propostas que recibía, creou a produtora HarBel para desenvolver unha xoia do film noir, Odds Against Tomorrow (Robert Wise, 1959), na que encarnaba un cantante de club nocturno que se enredaba no roubo a un banco xunto a un ex-presidiario racista. O mesmo ano protagonizou unha interesantísima ficción post-apocalíptica propia desa era do medo atómico, The World, the Flesh and the Devil (Ranald MacDougall, 1959), mais logo diso as súas aparicións fílmicas volvéronse esporádicas: os roles que lle ofrecían non tiñan o valor, até ideolóxico, que el demandaba. Entre as súas actuacións posteriores destaca un excelente western dirixido por Sidney Poitier en 1972, Buck and the Preacher, cun trío impagábel, Poitier, Belafonte e a sempre sublime Ruby Dee, e o memorábel papel que lle deu Robert Altman en Kansas City (1996).

Belafonte empregou a súa fama e o seu indiscutíbel carisma en favor da conquista e a defensa dos dereitos civís. Admirador de Paul Robeson e amigo de Martin Luther King, foi un artista de inmenso talento e inmenso compromiso que entendeu que o activismo pasaba tanto pola acción política enérxica, por meter os pés nas pozas cando era necesario, como por difundir o valor da igualdade e a diversidade na televisión xeralista, fose en programas especiais de intelixente fineza como Tonight With Belafonte ou nos aquí chamados Teleñecos. Memoria crítica do século XX, Harry Belafonte, finado o 25 de abril de 2023, ficará na historia como un referente ético e artístico. Tamén para nós. 

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 5 de maio de 2023, sexta feira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario