xoves, 13 de maio de 2021

Todo comezou pola fin. Dorothy Davenport a.k.a. Mrs. Wallace Reid.

Pode dicirse que para Dorothy Davenport (1895-1977) o camiño da interpretación viña trazado desde o seu nacemento en Boston. A súa nai, Alice Davenport, actuaba nos teatros desde nena e acabou sendo unha presenza regular nas comedias Keystone dos anos 10, compartindo pantalla con Mabel Normand, Roscoe “Fatty” Arbuckle e mesmo o primeiro Chaplin. O pai, Harry Davenport, tamén era actor desde a infancia e tivo unha longa carreira en Broadway; aínda que fixo filmes na época muda, non foi até a década dos 30 e 40 cando se converteu nun secundario habitual en clásicos como The Life of Emile Zola, You Can't Take It with You, Meet Me in St Louis e por suposto Gone With the Wind. Dorothy era unha mociña cando debutou no cinema en 1910, dando inicio a unha traxectoria como intérprete que comprende máis de cen filmes nesa década, case todos, salvo uns poucos, perdidos. Entre os que si se conservan hai unha curta de Griffith, The Golden Supper (1910), mais nela Dorothy non pasa de ser unha figurante; como protagonista podemos vela en A Brave Little Lady (1912). 

A Nestor Film Company á que estaba asociada foi a primeira que estableceu un estudio no barrio de Los Angeles que acabou por simbolizar o cinema americano, Hollywood. A compañía integrouse na Universal en 1912, mais durante uns anos seguiu producindo contidos con esa marca. Foi nesa altura cando Dorothy Davenport coñeceu un actor con feituras de galán chamado Wallace Reid, con quen casou en 1913. En 1917 naceu o seu fillo, Wallace Reid Jr., ocasión que Dorothy aproveitou para afastarse temporalmente do cinema. O marido estaba no seu apoxeo como matinée idol e traballaba para cineastas de éxito coma Cecil B. De Mille, Donald Crisp ou James Cruze. Durante unha rodaxe deste último, The Valley of the Giants (1919), Wallace sufriu un accidente de tren que lle produciu diversas feridas e danos; para soportar a dor sen paralizar a filmación receitáronlle morfina, o que deu inicio a unha adicción con consecuencias tráxicas.

Wallace seguiu facendo películas a un ritmo intenso. A súa dependencia das drogas, combinada co elevado consumo de alcohol, empezaba a pasarlle factura á súa saúde. Gloria Swanson traballou con el nunha adaptación de Arthur Schnitzler dirixida por Cecil B. De Mille, The Affairs of Anatol (1921), e contou moito despois nas súas memorias que a experiencia fora “unha tortura”. En parte porque acababa de parir unha filla (que ademais quería protexer do barullo da prensa contra a vontade do departamento de publicidade, que a presionaba en sentido contrario), en parte por desencontros con Jeanne MacPherson, guionista e persoa con influencia sobre De Mille, mais tamén polo comportamento da súa parella no filme: “Wallace Reid, a estrela masculina, foi unha causa de ansiedade constante para min. Escoitei infinitos rumores de que era un adicto e, aínda que nunca o vin drogarse, o seu comportamento nunca pareceu correcto durante Anatol. Estaba sempre ofrecéndome dar unhas voltas en coche e unha vez enviou o seu axudante ao meu camerino para pedirme unha fotografía. Sempre atopei formas de rexeitalo educadamente, mais transmitíame inquietude”. A partir de escenas non utilizadas na montaxe final a produtora montou outra longametraxe diferente, Don’t Tell Everything, con Sam Wood como director.

Con apenas trinta anos, Reid estaba estragado polas drogas e as recensións dos seus filmes facían notar que o actor estaba moi lonxe das “fazañas atléticas” do seu mellor momento. A situación empeorou tanto que, despois de sufrir un esvaecemento, ingresou nun sanatorio do que non chegou a saír: faleceu o 18 de xaneiro de 1923. A morte de Wallace Reid trouxo á súa agora viúva Dorothy Davenport de volta ao cinema e o seu regreso foi toda unha declaración de intencións: Human Wreckage, un relato sobre os perigos das drogas con Thomas Ince na produción e dirección de John Griffith Wray. Infelizmente, tamén está perdido

Mrs. Wallace Reid presenta The Red Kimona

A intención de Dorothy Davenport, ou, como aparecería acreditada no sucesivo, “Mrs. Wallace Reid”, non foi só a de promover filmes que lidasen con temas sociais, senón participar activamente no debate público sobre esas cuestións con todo o seu empeño. Así sucedeu con Broken Laws, drama con fillo malcriado que acaba matando unha muller, que a actriz e produtora dedicou "ás nais de América, como protesta contra a ilegalidade que devasta a nosa terra e un recordatorio de que o fundamento de toda lei e orde reside na maior das institucións americanas: o fogar". Non coñezo esta película, da que se conserva unha copia na Cinematheque Royale de Bélxica.  A seguinte, The Red Kimona, dirixida por Walter Lang, atrévese cun asunto espiñento, a prostitución. Nos créditos anúnciase que foi feita “baixo a supervisión persoal de Mrs. Wallace Reid”, que ademais aparece xa ao comezo do filme: logo de consultar nunha biblioteca vellos xornais encadernados diríxese directamente á cámara para anunciar que o relato está baseado en feitos reais e que trata dunha muller “que cometeu o pecado de amar de máis”. Esta muller é Gabrielle Darley, unha excelente Priscilla Bonner, que se entera pola súa amiga Clara de que o home do que está namorada, Howard Blaine, marchou a Los Angeles para casar. Gabrielle decide ir tras del, atópao nunha xoiería mentres merca un anel de voda e mátao dun disparo. É detida e, mentres agarda sentenza, atopa apoio nunha traballadora do cárcere. O xuízo abre un segundo flashback que repasa a súa xuventude nunha familia da que non recibe moito afecto: nun preciso intertítulo lemos que “Un fogar é calquera lugar onde unha nai sorrí aos fillos. Outros lugares son simplemente casas. Nunha desas vivía Gabrielle”. Howard faille as beiras, ela namórase e asume que os plans que el lle propón son unha oportunidade para fuxir da familia, máxime despois de que o pai lle diga que se hai un pouco de sorte casará e non será unha boca máis que alimentar. Marcha a Nova Orleáns coa promesa dun matrimonio, mais ao chegar comprende que nada é o que parece: o destino é un barrio marxinal e unha das moradoras ao vela pasar di “Outra máis? Teño pena dela”. O seguinte plano é un dos momentos visualmente máis brillantes do filme: vemos a Gabrielle reflectida nun espello vestida de noiva, mais está soñando esperta; estira a man para “tocar” a súa imaxe no espello e inmediatamente a visión da noiva transfórmase na imaxe real, co quimono tinguido a man de vermello que apunta (moi sutilmente) o seu paso á prostitución, arrastrada por un Howard ao que está perdidamente enganchada. Contra prognóstico, no xuízo é declarada non culpábel e a Gabrielle abréselle unha nova oportunidade. Conta coa axuda dunha muller da alta sociedade, Beverly Fontaine, unha prototípica “reformadora” hipócrita que ve nas súas accións caritativas unha vía para gañar o aplauso social; a película manifesta con rotundidade unha visión crítica desa actitude. Beverly tena na casa como quen ten unha mascota, para lucila ante as amigas e que lle digan o boa que é; mais un plano de Gabrielle tras as reixas dunha xanela revela como, no fondo, o que fixo foi substituír unha prisión por outra. O único consolo é o cariño e a simpatía do chófer da mansión, Terrance O’Day, que aos poucos se namora dela.

Fotogramas de The Red Kimona

Gabrielle intenta cumprir o seu soño de redimirse axudando os demais como enfermeira, mais non consegue traballo porque a recoñecen como a muller do xuízo. O seu pasado perséguea inxustamente por todas partes e visualízase en pantalla en forma de “letra escarlata”. Nun momento de desesperación escríbelle un telegrama a Clara para que lle envíe cartos para regresar ao bordel de Nova Orleáns. “It is tradition that help comes whole-heartedly from the Sisterhood of Sorrow”, lemos noutro intertítulo memorábel, e este é un bo momento para recordarmos que a autora do guión é Dorothy Arzner e polo tanto non é insólita a audacia feminista. Terrence deixa o seu posto como chófer para ir no seu rescate, mais non a atopa: Gabrielle é atropelada por un coche e convalece no hospital mentres el se alista no exército para combater na Grande Guerra. Cando Gabrielle está máis recuperada a epidemia de gripe satura as urxencias e os hospitais precisan man de obra: ela ofrécese a axudar e de inmediato danlle traballo. Mentres frega o piso do hospital, Terrence entra por casualidade; reencóntranse e anovan o seu amor, mais ela dille que antes de casar debe gañar “o dereito á felicidade”. Acordan esperar un polo outro e ela continúa fregando o piso, máis alegre ca nunca. A imaxe da ficción, “as tentacións e loitas desta moderna Magdalena”, fúndese cunha última aparición de Dorothy Davenport, que acaba evocando as palabras do “carpinteiro de Nazaret”, aquelas que convidan a quen estea libre de pecado a tirar a primeira pedra.

É imposíbel sabermos hoxe cal foi o grao de influencia de “Mrs. Wallace Reid” na forma final destes filmes, mais o que é innegábel é que puxo o seu nome e o seu prestixio ao servizo das causas polas que estes avogaban. Fíxoo asumindo todas as consecuencias, que no caso de The Red Kimona até foron xudiciais, pois como a película empregaba o nome real da muller que inspirou a historia a tal Gabrielle Darley demandou a Davenport polo sufrimento que supuxera a exposición pública da súa vida pasada. A acusación tiña en conta dúas circunstancias diferentes: dunha banda unha sorte de “propiedade intelectual” sobre os acontecementos da propia vida, doutra o dereito á privacidade. O tribunal deulle a razón á demandante neste segundo aspecto, no que é un exemplo pioneiro do que agora chamamos “dereito ao esquecemento”.

Non foi até 1929 que Dorothy Davenport se puxo oficialmente detrás da cámara como directora e o resultado, Linda, ofrece moitos elementos de interese máis alá dunha superficie que xa no seu tempo debía parecer out of date, cun personaxe principal, o do título, que podería recordar a unha das heroínas sinxelas de Mary Pickford. O discurso, porén, revélase sorprendentemente moderno. A protagonista, encarnada por Helen Foster, acepta un matrimonio concertado polo pai, un túzaro violento, para protexer a súa maltratada nai. O marido (Noah Beery Sr) está sinceramente namorado de Linda e fai o que pode para facilitarlle a vida, mais é consciente de que ela está sacrificando a súa felicidade. Cando un bo día aparece unha muller que afirma ser a esposa legal do home e nai do seu fillo, Linda decide marchar de casa. Embarazada, fica ao coidado dunha amiga vendedora ambulante. Máis adiante vai á cidade para vivir con outra amiga, profesora, que lle abre as portas dun mundo novo: quere converterse “nunha nai da que o pequeno poida sentirse orgulloso”. Dese mundo novo forma parte un médico (Warner Baxter) a quen xa coñecera antes, mentres vivía no campo, e do que está namorada. O marido, entre tanto, enferma gravemente e cando ela ten noticia diso -e que o da suposta esposa que motivara a súa marcha era unha completa mentira- regresa ao fogar para atendelo e presentarlle o fillo que tiveron: a bondade e a entrega xenerosa son tamén unha manifestación de amor. Mais o marido comprende que o amor dela está noutro sitio e dalgún xeito déixase morrer, sen espaventos, satisfeito co que a vida lle outorgou. O final é asombroso: tras o falecemento del, Linda decide que a casa, símbolo do seu amor absoluto, non pode caer en mans de ninguén que a “profane” e decide prenderlle lume. Así remata o filme, con Linda co fillo en brazos e na compaña outra vez do seu amado médico contemplando como a casa arde.

Linda (1929)

O relato é novelesco, novelesquísimo, mais visto cos ollos de 2021 chama a atención a fonda sororidade que se tece entre os personaxes femininos: no contexto hipermasculinizado dos bosques e os oficios da madeira que serve de escenario, Linda, que se sacrifica pola nai, encontra o apoio e a complicidade incondicional doutras dúas mulleres, a vendedora e a mestra, que a axudan a facerse dona do seu destino fronte as dificultades sen fin. Esa “toma do control” pasa, tamén, pola reivindicación implícita da educación e o progreso persoal. No aspecto formal, o enorme peso que teñen os exteriores naturais danlle ao filme a frescura e a forza típica do mellor cinema mudo deses anos, unha frescura ausente no primeiro cinema falado a causa das limitacións que impuña o rexistro dos sons.

Dous planos de The Road to Ruin

Os seus outros tres filmes como directora foron producións moi baratas de Willis Kent, que se moveu entre os westerns de serie B e os temas sensacionalistas e escandalosos, como o alcoholismo e a drogadicción. Codirixiu con Melville Shyer os dous primeiros, con interese desigual. Sucker Money, de 1933, única ocasión en que asina como Dorothy Reid (nome que máis adiante empregará habitualmente como guionista), é unha moi fraca intriga arredor dun vidente farsante (Mischa Auer) que estafa clientes mediante elaboradas trucaxes que teñen como obxectivo sacarlles o diñeiro. Moito máis valioso é The Road to Ruin (1934), que encaixa totalmente co espírito de adoutrinamento social dos filmes que impulsou na década anterior. A moza protagonista, Ann (outra vez Helen Foster), afástase da súa vida inxenua e virxinal a través do alcohol e as festas, que debuxan o “camiño da ruína” do título. Como bo filme Pre-Code que é o máis fascinante é a habilidade con que se contan cousas “sen contalas”, a maneira en que se apuntan feitos e accións de xeito sumamente elíptico mediante códigos expresivos ao alcance das espectadoras e espectadores contemporáneos. Por exemplo, Ann sae dar unha volta ao lago co mozo, Tommy, túmbanse no campo, el dille que está tolo por ela e bícanse; cando os vemos de novo uns minutos despois ela chora desconsoladamente e el intenta calmala: “please, don’t hate me for... for what’s happened”. Non é preciso dicir que pasou exactamente, igual que non será necesario pronunciar a palabra “aborto” media hora despois, cara ao tráxico desenlace. Ann coñece outro home moito máis canalla, Ralph, “bad news for a girl like you” segundo lle advirte Tommy; unha noite lévaa á casa e válese do alcohol para aproveitarse dela. O descontrol festivo do filme inclúe unha especie de partida de strip-poker (para ser exacto, strip-dice) que acaba coa policía detendo a Ann e a súa amiga Eve, que se manexa con máis habilidade no wild side. Unha funcionaria policial (Dorothy Davenport) ocúpase do seu caso e determina que Ann é unha “sex delinquent”, mentres lle explica á súa compunxida nai que “a xuventude de hoxe precisa máis ca confianza a armadura do coñecemento e a información sexual”. Todo vai a peor: Ann confésalle á súa amiga que “ten un terríbel problema”, eufemismo que significa claramente que está embarazada, e Eve convéncea de que debe falar con Ralph. O encontro con Ralph é outro prodixio de como evitar termos incómodos: a escena comeza con ela angustiada dicindo que “non podería” e el respondendo que é a única saída, pois non pode casar con ela xa que “non está libre”. É o propio Ralph quen a leva ao doutor que interromperá o embarazo, mais como resultado Ann cae enferma de forma fatal, sen posibilidade de recuperación a causa dunha “operación torpe e insalubre, agravada por un tremendo shock”. O aborto é o asunto central sen necesidade de pronunciar a palabra, igual que sucedía noutra alfaia Pre-Code, Men in White (Richard Boleslawski, 1934).

Aínda mellor é a última película de Dorothy como directora, de novo en solitario, a sensacional The Woman Condemned, na que pasan tantas cousas que se pestanexas perdes algún xiro de guión. Ver a película (de só 66 minutos) leva moito menos tempo que contar o seu argumento, e ademais é imposíbel poñelo por escrito sen que pareza completamente disparatado, co cal non vou perder tempo intentándoo. O grandioso é a desvergonza coa que se enreda a trama sen a máis mínima preocupación pola verosimilitude, a capacidade de Mrs. Wallace Reid para construír atmosferas de serie negra e sacar proveito dos exteriores nocturnos e urbanos, os fascinantes relatos dentro do relato, como o marabilloso bloque no tribunal nocturno coa súa fauna de comerciantes sen licencia, condutoras temerarias e prostitutas, e tamén, last but not least, a encantadora parella que forman Richard Hemingway e Claudia Dell, que a xulgar por este filme merecían unha carreira cinematográfica bastante máis vigorosa da que tiveron. O mesmo vale para Mrs. Wallace Reid, que non dirixiu outras películas aínda que se mantivo en activo como produtora e sobre todo como guionista até os anos 50. Merecía máis, moito máis. Ela e o cinema americano. Hollywood sería outro se non expulsara a tantas Dorothys dos postos de dirección.

Martin Pawley. O artigo pode lerse en español no sitio web de Roger Koza, Con los ojos abiertos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario