
A primeira adaptación cinematográfica da novela de Mary Shelley Frankenstein estreouna en 1910 a produtora de Thomas Alva Edison. Durante moitos anos a película creuse perdida, até que un coleccionista deu a coñecer nos 80 que tiña unha copia, agora en propiedade da Biblioteca do Congreso. O director foi James Searle Dawley, responsábel tamén, entre outras, dunha versión da Canción de Nadal de Dickens e dunha Branca Neve de 1916 que deixou pegada nun tal Walt Disney, a suficiente como para que dúas décadas despois fixese do relato recollido polos irmáns Grimm a súa primeira longametraxe.
O Frankenstein de Dawley non é tanto un relato de horror como unha fantasía romántica sobre a idea do dobre. Case na liña do Jekyll e Hyde de Stevenson, o monstro é o resultado dunha curiosidade "malvada e antinatural", segundo dicía a sinopse da época. Bastará que o seu creador afaste da mente eses pensamentos insanos, guiado polo amor verdadeiro, para que a criatura se esvaeza nun brillante xogo de espellos final.
Martin Pawley. Versión galega do artigo escrito para o festival en liña SACO en casa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario