Amosando publicacións coa etiqueta J. Searle Sawley. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta J. Searle Sawley. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de abril de 2020

SACO en casa: "Frankenstein" (J. Searle Dawley, 1910)


Das películas producidas antes da chegada do cinema sonoro, polo menos un 70%, seguramente máis, perdéronse para sempre, entre elas obras de xenios como Frank Capra, Yasujiro Ozu ou Alfred Hitchcock. Ás veces, moi raras veces, a fortuna alíase coa cinefilia. No que vai de século atopáronse en diferentes arquivos filmes de John Ford que se consideraban desaparecidos (Bucking Broadway, Upstream) e sumáronse bastantes minutos á mítica Metropolis de Fritz Lang. En calquera almacén, quen sabe, pode haber unha copia sen catalogar da soñada 4 Devils de F. W. Murnau esperando que alguén a descubra.

A primeira adaptación cinematográfica da novela de Mary Shelley Frankenstein estreouna en 1910 a produtora de Thomas Alva Edison. Durante moitos anos a película creuse perdida, até que un coleccionista deu a coñecer nos 80 que tiña unha copia, agora en propiedade da Biblioteca do Congreso. O director foi James Searle Dawley, responsábel tamén, entre outras, dunha versión da Canción de Nadal de Dickens e dunha Branca Neve de 1916 que deixou pegada nun tal Walt Disney, a suficiente como para que dúas décadas despois fixese do relato recollido polos irmáns Grimm a súa primeira longametraxe.

O Frankenstein de Dawley non é tanto un relato de horror como unha fantasía romántica sobre a idea do dobre. Case na liña do Jekyll e Hyde de Stevenson, o monstro é o resultado dunha curiosidade "malvada e antinatural", segundo dicía a sinopse da época. Bastará que o seu creador afaste da mente eses pensamentos insanos, guiado polo amor verdadeiro, para que a criatura se esvaeza nun brillante xogo de espellos final.

Martin Pawley. Versión galega do artigo escrito para o festival en liña SACO en casa