“Primeiro estranha-se. Depois entranha-se”. Este foi o slogan comercial
que en 1929 inventou o poeta Fernando Pessoa para o máis popular dos
refrescos de cola. O escritor, que traballaba como correspondente
comercial ben valorado polo seu dominio da lingua inglesa, recibiu o
encargo de idear unha mensaxe publicitaria de parte da compañía de
Moitinho de Almeida, que tiña a representación da bebida en Portugal.
Cando tivo noticia da campaña o director de saúde de Lisboa, Ricardo
Jorge, acordou a prohibición do produto tomando en consideración a
propia frase de Pessoa: se primeiro parecía estraño mais logo un se
afacía é porque tiña algún potencial estupefaciente, adictivo. Foi así
que o tal refresco tardou case cinco décadas en establecerse ao sur do
Miño.
|
Como
Fernando Pessoa salvou Portugal (Eugène Green, 2018)
|
Este episodio real inspira o novo filme dun autor maior
como é
Eugène Green. Nacido nos Estados Unidos, mais francés por
vocación, e cineasta tardío -tiña 53 anos cando estreou o seu primeiro
filme,
Toutes les nuits-, Green é un apaixonado defensor da lingua e a
cultura como portadora da memoria dos pobos. O seu cinema é unha festa
para os ouvidos, unha festa en que os textos son declamados para
desvelar neles a súa absoluta transcendencia. Tamén para os ollos, na
súa elegante e repousada aposta polos planos frontais que sitúan o
rostro humano -un rostro que fala, que escoita, que pensa- no centro do
pantalla. Esas marcas de estilo son as que emprega para relatar a
anécdota de Pessoa, que nas súas mans se converte nunha verdadeira
salvación de Portugal: as palabras do poeta axudaron a evitar a
colonización do país en forma de bebida carbonatada. Máis alá da ironía,
da
piada cultureta, a curta do xenio francés é unha nova reivindicación
da arte e o coñecemento como acto de resistencia. Para ben e para mal
“o gosto cultural forma-se”, como recorda un dos personaxes, e todos nós
partillamos esa responsabilidade.
Como Fernando Pessoa salvou Portugal,
o seu regreso ao país veciño nove anos despois d'A Religiosa
Portuguesa, é o grande Green de sempre concentrado en 27 minutos, cun
elenco sobresaliente encabezado por Carloto Cotta, Diogo Dória e o
director
Manuel Mozos: poucos nomes nunha pantalla ofrecen tanta
esperanza de ledicia para o cinéfilo coma o seu.
Foi o filme de
clausura do
Curtas de Vila do Conde na súa 26ª edición, e non deixa de
ser curioso que a excelencia da veteranía compartise sesión cun palmarés
que premiou, dentro da competición nacional, aos debutantes. É o caso
de
Onde o Verão Vai (Episódios da Juventude) de David Pinheiro Vicente,
premio Pixel Bunker e Mellor filme portugués, continuando unha
traxectoria que comezou coa súa selección en febreiro na Berlinale, todo
un éxito para un filme feito no curso da Escola Superior de Teatro e
Cinema. Catro mozos e dúas mozas van de excursión ao río nun día
caloroso de verán e esa é a escusa para un filme esencialmente sensorial
-e sensual- que se detén na presenza das figuras (suorentas) na
natureza e foxe da obsesión polo relato: nada relevante vai acontecer,
son apenas episodios, como di o título, máis ou menos triviais que
evocan o recordo dos nosos sentidos e as nosas experiencias. Un cinema
sobre o corpo e o desexo que podería ser descendente do Apichatpong
Weerasethakul de
Blissfully Yours ou, máis perto, do João Pedro
Rodrigues d'
O Ornitólogo, mais naturalmente aínda lonxe da capacidade
para sacudir o espectador que teñen eses mestres. Son máis os acertos
que os defectos, en calquera caso, e iso non é pouco para o que
inicialmente parecía unha curta de escola.
Aquaparque é a
primeira realización da actriz Ana Moreira, protagonista de
Os Mutantes
(1998),
Transe (2006) ou
Tabu (2012). Válese dun espazo abandonado, o
parque acuático do título, como escenario á vez dos soños e da amargura,
sinaladas nun extremo pola coreografía sobre patíns dunha rapariga a
ritmo de Shirley Bassey e, no outro, polo reencontro co namorado logo
dunha pésima decisión del no contexto desesperado da crise e a ausencia
dun futuro claro. Coa concisión e a sutileza coma principal virtude e
unha estupenda fotografía de
João Ribeiro, un dos grandes cinematógrafos
do noso tempo,
Aquaparque seduciu o xurado por partida dupla ao recibir
dous galardóns, o Prémio Kino Sound Studio ao mellor cineasta portugués
e o de mellor curtametraxe europea que a converte de forma automática
en nomeada nesa categoría para os “European Film Awards” da Academia
Europea de Cinema que se entregarán en decembro en Sevilla.
O
premio ao mellor documental levouno outra curta portuguesa,
Madness, de
João Viana, a recreación das accións de revolta dunha muller nun
hospital psiquiátrico de Mozambique na procura do seu fillo. Das imaxes
en branco e negro, magnéticas, encárgase Sabine Lancelin, fotógrafa
antes de Manoel de Oliveira (
O Quinto Império), Chantal Akerman (
La
Captive) ou Alain Guiraudie (
Le Roi de l'évasion).
|
Sara F. (Miguel Fonseca, 2018) |
Fóra do
palmarés quedaron tres das propostas máis interesantes da competencia.
Agouro, de David Doutel e Vasco Sá, é unha curta de animación con certo
alento tráxico. Nunha vila rural remota malviven dous primos, un deles
mentalmente desequilibrado, nun contexto vital case tan desesperanzado
coma o d'
O Cabalo de Turín de Béla Tarr. A ligazón familiar ficará
confrontada coa indispensábel subsistencia cando o protagonista se ve
obrigado a escoller entre salvar das augas xélidas ao primo que depende
del ou ao touro do que dependen os dous para se manter.
Anteu de João
Vladimiro nace dunha idea fascinante: o último morador dunha aldea fica
obsesionado coa idea de que non queda ninguén que se poida facer cargo
do seu corpo cando morra e inventa un estraño artefacto que faga posíbel
o seu enterramento automático. A curta é unha xenuína “volta á terra”
do cineasta que, como antes en
Lacrau (2013), volve a reflexionar sobre a
íntima conexión co país e coa paisaxe que nos viu nacer, un país e unha
paisaxe progresivamente abandonada en favor dun máis que cuestionábel
progreso. Na opinión de quen escribe esta crónica, a mellor curta
portuguesa foi
Sara F. de Miguel Fonseca, filme de enganosa
transparencia que corre o risco de ser (mal) entendido como unha crítica
doutrinaria dos perigos de Internet. Rute (Eva Aguilar), unha
adolescente conectada permanentemente á rede e cun pai menos atento do
que desexaría, recibe mensaxes de acoso a través de Facebook. Por máis
que o xiro final arredor dese feito sexa moi hábil, o maior acerto do
filme é a reconstrución dese universo virtual no que vivimos hoxe en
día, unha montaxe ao mesmo tempo veloz e pesada de imaxes de Youtube,
desordenadas e caóticas. Pode gustar máis ou menos, mais ese torrente
audiovisual inquietante e irresistíbel “é”, está aí, non se pode negar,
convertido nun territorio para o illamento na nosa sociedade da
comunicación. Na creación desta capa decisiva do filme cómpre destacar o
preciso traballo de edición de Sandro Aguilar.
|
Anjo (Miguel Nunes, 2018) |
Fóra de concurso,
no Panorama Nacional, foi toda unha sorpresa
Anjo – You See the Moon,
primeira curta do actor Miguel Nunes, o António Lobo Antunes de
Cartas
da Guerra (2016). Estreada en maio
no Indielisboa,
Anjo comeza co
cuestionario do actor-director para a entrada nos Estados Unidos co que
se desvela a intención da viaxe: o reencontro cun amigo do que está
namorado. A partir de aí, nunha Lisboa á vista de tellado, exploraremos
estampas dispersas desa relación nun presente propicio á fraxilidade. Un
filme saudoso, honesto, sen adobíos mais inesperadamente sólido.
Martin Pawley. Artigo publicado no número 307 do semanario Sermos Galiza, con data 2 de agosto de 2018.