Pasadomañá anunciaranse os filmes que conforman a selección oficial do
Festival de Cannes 2015 (competición, Un certain regard, fóra de
competición, proxeccións especiais e curtametraxes). Obviamente, a maior
atención lévaa a listaxe da competición, dende a certeza de que ese é o
principal escaparate festivaleiro que un filme pode ter. Unha das
queixas comúns en relación a ese magnífico escaparate é a repetición de
certos nomes. O ano pasado fixen un reconto dos filmes que estiveron a
concurso no que vai de século (dende 2001 até 2014, incluídos) para
comprobar se esa repetición era ou non unha sensación xustificada. E
abofé que o é.
No período considerado o campión é Ken Loach con seis participacións a concurso. Despois, con
cinco edicións, veñen os irmáns Dardenne, Paolo Sorrentino e
Nuri Bilge Ceylan. Con catro están Alexander Sokurov, David Cronenberg,
os irmáns Joel e Ethan Coen, Lars von Trier, Michael Haneke e Naomi
Kawase. É máis ampla a listaxe dos que estiveron tres veces: Abbas
Kiarostami, Aki Kaurismäki, Atom Egoyan, Bertrand Bonello, Carlos
Reygadas, Gus van Sant, Hong Sangsoo, James Gray, Jia Zhangke, Hirokazu
Koreeda, Ye Lou, Mike Leigh, Nanni Moretti, Olivier Assayas, Walter
Salles e Pedro Almodóvar. Son case 50 os cineastas que estiveron en dúas
ocasións a competición.
Se consideramos tamén as edicións anteriores ao 2001, o
campión en activo segue a ser Ken Loach con 12 participacións
dende 1981 con Looks and smiles. Comparten o segundo posto Lars von
Trier e Wim Wenders con nove. A medalla de bronce é para os irmáns Coen
con oito. Con sete filmes a competición está Jean-Luc Godard e con seis os Dardenne, Michael Haneke, Atom Egoyan, Nanni
Moretti, Hou Hsiao Hsien, Marco Bellocchio, André Techiné e Jim Jarmusch, ademais do
defunto Alain Resnais. A maioría destes autores manteñen o seu prestixio
case intacto; para outros a primeira liña da Croisette tende a ser máis
ben cousa do pasado, caso de Wenders e Techiné.
A reiteración pesa moito no cómputo
final. En 2012 houbo 22 filmes a competición e 16 correspondían a
cineastas que como mínimo repetían (73%). Dos 20 filmes a competición de
2013 14 eran de autores “repetidores” (70%) e algo parecido aconteceu o
ano pasado, con 13 dos 18 filmes a concurso obra de directores que xa
estiveran nesa circunstancia con anterioridade (72%). E ollo, porque dez
deses trece competían en Cannes como mínimo por terceira vez, un 56% do
total. O récord de repetidores deuse en 2009: 19 dos 20 cineastas a competición volvían a Cannes. A única debutante aquel ano foi Isabel Coixet. No que vai de século a porcentaxe media de cineastas que repiten a concurso é do 61%.
É evidente
que de incluírmos no reconto as participacións “oficiais” noutros
apartados que non son o competitivo a análise das filias cannoises sería
moito máis precisa e completa. Sabemos que hai autores que van e veñen
da competición a Un Certain Regard e viceversa, e outros que van
escalando chanzos coidadosamente até se converteren en definitivamente
inevitábeis; é o caso dun Xavier Dolan, por exemplo, que hoxe por hoxe é
máis “de Cannes” que outros con notábel experiencia pasada
coma Ye Lou ou Walter Salles (tres veces a concurso, como xa foi dito).
Asumo esas deficiencias porque, realmente, o que pretendía constatar
era esa “abundancia de repetidores” que coloca algúns nomes de maneira
sistemática na rumoroloxía previa ao anuncio do lineup. De
quen falamos este ano? Quen ten película lista entre os máis queridos
polo festival?
Pois... Paolo Sorrentino, por suposto (La
giovinezza). Alexander Sokurov, Le Louvre sous l'Occupation. Nanni
Moretti, Mia Madre. Naomi Kawase, An. Gus van Sant, The Sea of Trees.
Hirokazu Koreeda, Our little sister. Arnaud Desplechin, Trois souvenirs
de ma jeunesse. Jacques Audiard, Dheepan. Johnnie To, Design for living. Dous nomes que soan todos os anos, Hou Hsiao-hsien con The Assassin e Terrence Malick con Weightless (parece bastante máis factíbel o primeiro có segundo). Apichatpong Weerasethakul, Love in Khon Kaen. Pablo Trapero, El Clan. Nun ano no que supostamente apostan por visibilizar as mulleres directoras teñen a Maïwenn con Mon Roi. E Xavier Giannoli con Marguerite ou un vello coñecido coma Jean-Paul Rappeneau con Belles families, que xa estivo a concurso en 1971 e 1990? Un ascenso prototípico sería o de Yorgos Lanthimos con The Lobster, uns anos despois de estar en UCR con Canino e pasar, polo medio, pola oficial de Venecia con Alps. E estará lista That's What I'm Talking About de Richard Linklater, que competiu no seu día con Fast Food Nation? O xoves, as solucións.
Martin Pawley
Ningún comentario:
Publicar un comentario