-Como e cando xorde o proxecto d'O instante eterno?
O detonante d'O instante eterno atópase nunha conversa con Alfonso Blanco, o presidente da Asociación Cultural Xermolos e amigo da alma do poeta. Daquela, no 2011, ía cumprirse o cincuenta aniversario da publicación de Nimbos e pensamos que podería ser interesante realizar un documental sobre Díaz Castro con vistas á efeméride do centenario, que se celebrará o vindeiro ano 2014. Desde o comezo traballei man a man con Jessica Rey e Alba Domínguez, pero gradualmente foron incorporándose de xeito espontáneo outras persoas que querían participar no proxecto, en gran medida debido á devoción que senten polo poeta.
-Teño entendido que os comezos foron difíciles…
Durante os primeiros meses, gran parte do tempo consumiuno a investigación sobre a figura de Díaz Castro. Houbo que estudar con minuciosidade toda a documentación existente, practicamente en estado virxe, así como gran parte da súa obra que aínda permanece inédita por vontade do poeta. O autor de Nimbos pertence a esa caste de artistas cun enorme talento que logo como persoas pasan desapercibidas, é dicir, que escriben só por necesidade espiritual. Iso convérteo nun personaxe de gran complexidade e con moitos enigmas sobre as súas costas; só o feito de que fose un gran descoñecido para os seus propios veciños xa constituía en por si un desafío para acometer o proxecto.
-Cal é a estrutura do filme?
Optamos por realizar un filme de estrutura diáfana co obxectivo de chegar a un espectro maior de público. O instante eterno divídese en cinco actos, os catro primeiros coinciden coas estacións da vida do poeta e un epílogo sobre a súa pegada estética. Partindo de dous elementos básicos como a lingua e a paisaxe da infancia artellamos un relato que se enfía a través dunha serie de entrevistas con amigos e especialistas na súa obra, sen esquecernos dos lugares que marcaron a existencia do poeta: Mondoñedo, Vilagarcía de Arousa, Betanzos, Madrid, Guitiriz e como non, a aldea natal do Vilariño, hoxe abandonada.
-Cales son as expectativas de O instante eterno?
Pois como calquera traballo de carácter divulgativo, a expectativa principal do documental é que a xente o vexa, e non só chegar a unhas elites culturais determinadas, senón tamén a outro tipo de espectadores, sobre todo no ámbito educativo. Tamén nos interesa un target de idade avanzada, que quizais sexan os que mellor se reflictan no filme, xa que Nimbos en esencia condensa a historia sentimental de Galicia do pasado século
-Ti tamén tes publicado un libro de poemas, titulado Manual do misántropo. Pódese dicir que O instante eterno constitúe a visión dun poeta sobre outro poeta?
Pois non o sei, iso terá que dicilo a xente cando vexa o documental. A nivel poético teño querenza pola palabra xusta, pola brevidade e por unha mirada universal, e quizais iso sexa o que me gustaría transmitir a nivel visual n'O instante eterno. Eu o que intento é expresar do xeito máis honesto posible a peripecia vital dunha persoa con múltiples paradoxos: que conxuga un intenso sentimento relixioso cunha profunda conciencia social, que se expresa en galego sendo políglota ou que rexeita publicar porque considera que os seus versos non teñen a suficiente calidade. Neste sentido, hai xente que critica a concesión das Letras Galegas para Díaz Castro porque só escribiu Nimbos, e precisamente que sexa autor dunha soa obra para min é unha fortaleza, un síntoma de rigor consigo mesmo que hoxe en día apenas se estila.
-Como recibiches a nova das Letras Galegas?
Pois con ledicia, sobre todo por xente como Alfonso Blanco, que leva tantos anos espallando non só a obra de Díaz Castro senón calquera cousa que arrecenda a cultura na Chaira. Foi el o que me informou vía telefónica da noticia, e emocionado dixo algo moi suxestivo, que sendo a reunión para elixir as Letras Galegas o mesmo día no que se celebraba o solsticio de verán, só llo podían dar ao “poeta da luz”.
-A partir da concesión das Letras Galegas están a xurdir varios proxectos audiovisuais sobre Díaz Castro, como valoras estes traballos?
Sempre hai que valorar o traballo dos demais con respecto, e por suposto calquera iniciativa que apareza en relación con Díaz Castro será benvida. Comentaba o outro día Xulio Xiz, autor de Nimbos de poesía, a única obra audiovisual existente polo momento sobre Díaz Castro, que se o poeta vivise este balbordo, pensaría que lle estaban a gastar unha broma, non crería nada do que está pasando arredor da súa figura.
-Vas participar tamén no Proxecto Nimbos, auspiciado desde este blog? Xa decidiches en que poema te vas inspirar para realizar a túa peza?
Aínda non. Teño algunha idea pero prefiro que madure ao longo destes meses. Supoño que agora que imos acometer a fase final da montaxe d'O instante eterno aclararánseme máis as cousas. Cando rematas un traballo deste tipo sempre quedan historias no tinteiro e seguramente algunha destas sexa polas que me decante.
Xurxo González
Teaser d'O instante eterno
Ningún comentario:
Publicar un comentario