xoves, 19 de setembro de 2013

Imperio

Ante o peche da editorial Libros del Silencio, recuperamos esta crítica de José Manuel Sande dun libro do seu catálogo, Dog Soldiers.

Imperio

Que une a Michael Herr, Neal Cassady, Nietzsche, Moby Dick, o B. Traven de El tesoro de Sierra Madre, Hammett, Hemingway, Céline, os Merry Pranksters, El corazón de las tinieblas, os Zap comics e a Credence? Cal foi o destino da contracultura ianqui e dos perdedores da guerra de Vietnam? Que ocorre cando as esperanzas semellan destruídas e o mundo se torna hostil e paranoico? As respostas parecen confluír en Dog Soldiers (1974), a tan complexa como áxil novela firmada polo literato estadounidense Robert Stone (Nova York, 1937).

Acción e pensamento entran en relación dialéctica (e franca colisión) neste texto ate agora inédito entre nós, habilmente prologado por Rodrigo Fresán. Stone, estimable narrador, autor de A Flag for Sunrise (1981) e a memorialística Prime Green: Remembering the Sixties (2007), foi galardoado por esta obra co National Book Award 1975 -en pugna con Nabokov, Joseph Heller, Barthelme, Toni Morrison ou Philip Roth- e canonizado por Harold Bloom.

Un xornalista-escritor inzado de medos e reparos morais, alguén que non sabe o que quere, John Converse, acepta traficar cun cargamento de heroína no Saigón bélico. Encarga a Ray Hicks, “arlequín sinistro que ulía a morte”, un ex marine imbuído de filosofía zen, samurai na procura de perfeccionamento espiritual superado polos tempos, o traslado da mercadoría a California. Hicks entra en contacto coa muller de Converse, Marge, adicta ao dilaudid. Porén, a nova do cargamento esténdese e comeza unha persecución sen fin, un percorrido coral ocupado por formas espectrais –atención ao emprego da emblemática (e variada) figura animal en Vietnam- e espellos sabiamente deformantes.

Alegoría do horror edificada en tres actos –locus: Vietnam, California e o Novo México final no medio dun alucinado, pirotécnico escenario contracultural- con múltiples itinerancias intermedias, a indiferenza cara os fins da acción, a actitude escéptica e desmitificatoria, a absoluta confusión histórica, robustecen o retrato dunha sociedade en descomposición. O ton de thriller metafísico de ritmo neurótico e trepidante que non esquece o drama bélico e o intramundo da droga, enriquecido por diálogos sutís e perspicaces referencias, introduce unha fauna máis veraz que pintoresca e unha metáfora gloriosa, o paquete de tres quilos de heroína que custodian os protagonistas.

A novela posúe versión fílmica, Nieve que quema (Who’ll Stop the Rain, 1978), obra dun pai do Free Cinema británico, Karel Reisz, segunda experiencia no cine norteamericano logo da captación dostoievskiana da magnífica El jugador (1974). A dimensión de corrupción moral deixa paso a unha refundición de enorme eficacia narrativa –Stone colabora no guión- máis centrada na acción e a violencia, sen sacrificar a vertente existencial, onde Hicks –interpretado polo único actor posible, Nick Nolte (de inmediato sen igual Neal Cassady de Heart Beat, 1979), corpo en movemento arrastrando a súa vida rebelde ás costas- devén presenza central. Na súa camiñada final sobre as vías do tren estoupan os trazos de Dog Soldiers, novela ou filme, unha obra sarcástica –nunca fachendosa- e visionaria, unha operación de ciruxán de extrema lucidez que convén descubrir.

José Manuel Sande

Ningún comentario:

Publicar un comentario