
El romance del Aniceto y la Francisca, de como quedó trunco, comenzó la tristeza y unas pocas cosas más (1967) é unha das obras maiores do cinema arxentino. Na relación dos amantes do título, encarnados por Federico Luppi e unha virxinal Elsa Daniel, interponse outra muller, Lucía (María Vaner). Entre a virtude e o desexo o home, que vive do que lle rende o seu galo de pelexa, escollerá a que o conduce a un destino fatal nun relato con aroma de lenda. O director revisou a historia catro décadas despois en Aniceto (2008). A sofisticada planificación visual foi mudando co andar dos anos a austeridade polo barroquismo, mais na altura do Aniceto as imaxes derivan á abstracción pola vía do extremo artificio, sublimado polo uso do ballet coma recurso narrativo. O que permanece, porén, é a sensualidade: o de Leonardo Favio é un cinema voluptuoso, un cinema de carne e de sangue, de corpos que se buscan e corpos que se enfrontan.
Non é tanto así en El dependiente (1969), outro exemplo de laconismo. Máis Peter Lorre ca nunca, Walter Vidarte traballa na tenda de Don Vila -o galego Fernando Iglesias “Tacholas”- e soña con herdala á morte do patrón. A submisión ao xefe ten correspondencia na súa relación coa amada neste pesadelo poboado por seres inquietantes -memorábel Nora Cullen- que se erixe en berro contra a mesquindade. A carnalidade faise máis explícita no paso do branco e negro á cor coas aventuras gauchas de Juan Moreira (1973). A concisión dá paso ao exceso e a rabia, asentada en materiais e formas tomadas da cultura popular. A resposta foi entusiasta. A furia e o amor tráxico de Nazareno Cruz y el lobo (1975) sumou tres millóns e medio de espectadores sen facer concesións de ningún tipo: custa entender as razóns do triunfo masivo dunha película con maldición, lobishome e demo sen trucos nin golpes de efecto. Foi a única que tivo estrea comercial en España, con resultados discretos. Máis estraña -e mellor- é Soñar, soñar (1976), cunha parella imposíbel -o cantante Gian Franco Pagliaro e o boxeador Carlos Monzón- intentando a supervivencia coma artistas ambulantes. O choque entre a roña concreta e a ilusión irreal típica do universo de Favio acada a cota máis alta nun filme que serve de espello da terrorífica etapa que comezaba co golpe de estado de Videla.
Pasou moito tempo até que puido rodar Gatica, el mono (1993), biopic (peronista) do mítico campión de boxeo. Outra obra mestra. O dominio da posta en escena do cineasta é xa insultante, en particular nas apoteóticas escenas no ring. Cielo, unha das curtas institucionais feitas por Pablo Trapero para o BAFICI 2013, recupera un instante desa rodaxe. É realmente emocionante ver a Favio dando ordes co megáfono ao actor Edgardo Nieva: ¡Pa'l otro lado! ¡Que te vea el ojo que sangra! Nesas imaxes poderosas capturadas hai vinte anos por Trapero fica condensada a forza inimitábel dun autor único.
Martin Pawley. Artigo escrito para a folla diaria do (S8) - IV Mostra de Cinema Periférico, sábado 8 de xuño.
Hai uns días pregunteille en twitter a varios críticos e programadores na Arxentina polo seu filme favorito de Leonardo Favio. Isto é o que responderon:
ResponderEliminarQuintín: El romance del Aniceto y la Francisca (y me gustaría volver a ver Soñar, soñar).
Fran Gayo: Gatica el mono.
Marcelo Panozzo: Soñar, soñar.
Diego Lerer: El romance del Aniceto y la Francisca, El dependiente ("soy old school con Favio").
Marcelo Alderete: de las unas, El romance... y El dependiente, de las otras Gatica el mono y Soñar soñar
Roger Koza: Me gustan todas, pero El romance... y El dependiente son mis favoritas. Soñar soñar
Cecilia Barrionuevo: El romance del Aniceto y la Francisca, y luego
El dependiente, y luego Gatica el mono.