domingo, 2 de xuño de 2013

Festival

A editorial Trifolium vén de lanzar en galego unha estupenda novela de César Aira, Festival. Na contracapa da edición dise que é “unha obra inédita que ve a luz en galego antes que en calquera outra lingua”, o cal non deixa de ser unha pequena esaxeración promocional. Festival tivo en 2011 dúas edicións en castelán, unha, sen ISBN, preparada polo BAFICI -festival do que Aira fora xurado o ano anterior-, e outra a cargo da editorial Mansalva; e hai uns meses foi comercializada en tradución ao alemán dentro da colección Useful Books da Viennale, cun clarificador prólogo escrito por Quintín, valedor entusiasta do prolífico escritor de Coronel Pringles.

Como o título revela, o escenario do texto é un festival de cinema independente que convida un director belga, Alec Steryx, para que forme parte do seu xurado e protagonizar unha retrospectiva completa que lle rende honores coma cineasta de culto. Steryx fai filmes de ciencia ficción de serie b (minúscula) elevados á condición de obras maiores por parte dos seus entregados admiradores, entre os cales está a directora da Cinemateca e organizadora do certame, Perla Sobietsky, autora tamén dunha monografía sobre o autor. Nas proxeccións de Steryx conflúen mozos e mozas que chegan a el a través dos videoxogos inspirados na súa obra e algúns programadores culturetas que parecen ver no belga unha sorte de Antonioni pulp, ante a completa incomprensión doutros que consideran a súa filmografía pouco menos ca unha tomadura de pelo. Se Steryx é un xenio a reivindicar ou un creador de fantasías cutres a esquecer é unha dúbida que percorre as páxinas do libro, e con ela a oposición entre arte de masas e arte para elites e unha afiada ironía sobre o esnobismo inherente aos axentes culturais na súa desesperada busca de referentes virxes e “orixinalidade”. Mais César Aira parece estar por riba dese debate, por outra parte xa moi sobado. O verdadeiro eixo da novela é a insólita decisión do cineasta de vir acompañado pola súa nonaxenaria nai, unha anciá perrenchuda e indomábel que alterará cos seus ritmos e caprichos o que debería ser unha feliz e relaxada estadía. Con dificultades xigantescas para comunicarse e sobre todo moverse, a nai de Steryx ocupa por completo un festival no que preferiría non estar e do que ela, coa súa exasperante lentitude e o seu absoluto desinterese, representa a antítese mesma. A súa presenza inspira, en consecuencia, unha serie de episodios resolta por César Aira con prosa pulcra e gusto pola digresión. O retrato preciso e moi recoñecíbel da fauna e flora festivaleira fai do libro, ademais, unha cita obrigada para os cinéfilos.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario