por
Manolo GonzálezSegunda parteNa
anterior entrega sobre as políticas audiovisuais da Xunta de Galicia na década 2000-2010, pegámoslle un repaso ao denominado “modelo gallego” do audiovisual” nos tempos de Manuel Fraga. Agora finalizaremos a nosa accidentada viaxe na era Feijoo. Quero advertir previamente ao lector da imposibilidade de ser obxectivo na análise, por estar implicado institucionalmente no desenvolvemento do sector audiovisual galego nestes anos. Serei polo tanto subxectivo e parcial, mais quizais poida ser interesante o punto de vista de quen viviu en primeira persoa anos tan complicados -tamén apaixonantes-, e non tivera a ocasión de relatalos. Agora que a
Damnatio memoriae está comezando a ser efectiva, quizais sexa o momento de recuperar o devalar do audiovisual galego nos anos inmediatos. Por motivos de espazo e oportunidade, tampouco farei ningunha referencia ao papel da TVG no audiovisual galego neste período, malia o seu papel imprescindíbel no desenvolvemento de calquera política audiovisual.
1.-E viñeron as eleccións autonómicas do 2005...Así pois, chegaron as eleccións do 2005, que afastadas están na memoria colectiva, aínda que aconteceran hai tan só seis anos. Algúns de nós tiñamos fundadas esperanzas nos tempos novos que agromaban. O previsíbel é que os cambios democráticos sirvan para darlle oportunidade e pulo a novas políticas en calquera área de goberno. Coidabamos daquela que sería posíbel reconducir a política audiovisual da era fraguiana cara a novos horizontes, establecendo regras de xogo democráticas, cartografar camiños inexplorados e acadar ao fin un audiovisual propio, arela pola que algúns levamos pulando dende 1984.
Mais, xa no comezo, xurdiu un problema inesperado. Os negociadores do pacto de goberno bipartito adoptaron unha decisión que condicionará negativamente o tempo da lexislatura: a división competencial do audiovisual entre os dous socios de goberno. Unha das acusacións recorrentes á política audiovisual do bipartito será precisamente isa: a “división do audiovisual”.
De primeiras imos sinalar que, paradoxalmente, o principal responsábel da infortunada decisión foi o propio sector. Explícome: dende o mesmo instante no que se confirmou que a área de Cultura dependería do BNG, un fato de produtores -a meirande parte deles beneficiarios do “modelo audiovisual gallego” da era Fraga- comezaron a transmitir insistentemente aos responsábeis do PSOE unha consigna case unitaria: “Non permitades que o audiovisual galego caia nas garras do Bloque”. Sobre das razóns de tal consigna e os terrores infantís dalgúns ao nacionalismo galego poderíase escribir unha tesiña, pero “flotaba” no ambiente “empresarial” o temor de que o BNG modificase demasiado as regras do xogo do que fora, ata o momento, un magnífico e cómodo negocio. Sobre estes contactos e conversas hai, por certo, abondosas testemuñas. O caso foi que, para os negociadores do pacto de goberno, o audiovisual colleu un pulo protagónico non previsto, establecéndose un sorprendente e serio tirapuxa nos dous socios polo seu control. Os negociadores do PSOE xustificábanse “inxenuamente” coa convicción de que estaban a defender os intereses e desexos da propia industria e sentíanse arroupados socialmente, confundindo a parte co todo. Tamén, por suposto, pesaban as posibilidades de propaganda mediática e “glamour” inherentes ao cinema. O BNG pola contra, tan só defendía o que era natural en todos os recunchos do planeta (tamén na tradición e lexislacións española e galega): as políticas audiovisuais foran sempre competencia de Cultura e coido que, daquela, ninguén entendía a teima audiovisual do equipo de Touriño. Lamentabelmente non sabían que “estaban pelexando polos restos dun naufraxio, fume de exequias, unha desagradábel rémora de favoritismo, clientelismo, corrupción, malos hábitos administrativos e irrelevantes éxitos comerciais ou culturais – agás honrosas excepcións-, emigración dos profesionais do pais... todos eles resultados do chamado modelo gallego da era Fraga”.
Para resolver o conflito e non dilatar as negociacións de goberno, os socios optaron pola salomónica solución de repartirse as competencias e orzamentos do audiovisual entre os dous. Coa CRTVG, o reparto competencial terá un carácter transversal, o que permitirá, a pesar de numerosas disfuncións internas, ofrecer unha aparencia pública de política común diante da cidadanía, feito que non aconteceu co sector audiovisual, claramente instalado en dúas áreas diferenciadas de goberno por vez primeira dende a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia.
2.- Pacto de cabaleiros?A fractura beneficiou claramente ao PSOE: quedou coa Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e os dous organismos históricos -
Consorcio e
CGAI- cos seus case 50 funcionarios correspondentes, ademais de 5 millóns de euros dos orzamentos asignados ao audiovisual; en definitiva: equipos de traballo, visibilidade institucional, estrutura administrativa, tradición de xestión, posibilidades de modificación orzamentaria, impacto nos medios... Pola contra, Cultura quedou cos outros cinco millóns de euros -co gasto “condicionado” ás axudas a produción-, sen infraestruturas institucionais, nin funcionarios especializados ou apoio mediático algún -máis ben, acoso permanente á Consellería de Cultura- como todo lector informado xa coñece.
Malia a desigualdade obxectiva do “reparto”, ambos socios chegaron a negociar as políticas a seguir con “aparente” boa vontade. Partindo da análise profesional da cadea de valor na industria audiovisual, identificouse a intervención coordenada de cada socio nas diferentes estruturas do sistema. Cultura reservábase as competencias nos procesos que conducen a obtención da copia standard; e dicir, a idea, escrita de guión, desenvolvemento e produción; mentres a Secretaría Xeral de Comunicación traballaría sobre os procesos de comercialización, difusión e promoción exterior do audiovisual galego. A priori, o acordo era factíbel, realista e profesional –hai ademais referentes noutros territorios. En definitiva, para os que aturaron o marrón de “resolver o desacordo inicial”, o relevante non era tanto o consabido tópico do “organismo único”, senón que as institucións navegaran na mesma dirección. A ventá única só pode favorecer o pensamento único e o absolutismo audiovisual. Pola contra, resulta comprensíbel e lexítima a reivindicación dunha política audiovisual “única” que estableza sinerxías obrigatorias entre todos os organismos da Administración. No pacto establecíase ademais que o CGAI dependera organicamente de Cultura, a fin de dispor dunha ferramenta institucional para vehicular a política audiovisual da Consellería de Cultura. Ambas partes comprometíanse a intercambiar proxectos e propostas de cara ao sector, en definitiva unha política audiovisual consensuada e na que participarían lealmente ambos socios en beneficio do audiovisual galego.
Mais deseguida os antigos promotores do “modelo Audiovisual Gallego” viron o ceo aberto coa nova situación: con habilidade, aproveitándose de contactos e medios de comunicación ou da ignorancia sobre o devalar do audiovisual dalgúns políticos socialistas, conseguiron o que semellaba imposíbel: a súa continuidade -e por ende a do propio “modelo gallego”- nun novo goberno que se definía “de progreso”. O CGAI quedou adscrito á Secretaría Xeral sen mais explicacións. E así foi como a política da dereita fraguiana colouse de rondón entre as filas do PSOE, pois en realidade, todas as iniciativas que xestionaron no tempo do goberno bipartito -agás algunhas accións novidosas da Dirección Xeral de Comunicación- non deixaron de ser unha mera continuidade de programas, estilos de goberno, e actuacións puramente mediáticas, de xesto e cerimonia, exactamente iguais as do anterior goberno conservador, como analizaremos mais adiante. O “modelo gallego” do audiovisual conseguiu sobrevivir baixo o paraugas da Secretaría Xeral de Comunicación e impregnar a súa acción de goberno..
3. Pola banda de Laiño (Cultura)A unidade audiovisual da Consellaría de Cultura e Deporte -composta inicialmente por un simple asesor- comezou a dura travesía do deserto, teimosa por construír un xeito diferente de desenvolver o audiovisual galego como correspondía a un novo goberno lexitimado polas urnas. “É o que hai, e o único que se pode facer nesta situación e tirar para adiante cós vimbios que un ten e intentar darlle unha volta ao audiovisual do país”, dicía a Conselleira de Cultura daquela. A inexistencia de estrutura administrativa algunha, ou algo que se lle parecera, xerou a necesidade de crear un “ente” denominado “Axencia Audiovisual galega”, composta por un par de funcionari@s –magnífic@s por certo- e que terían que aturar dificultades administrativas de toda índole nos seus tres anos de vida.
Dende o comezo da súa andaina, apostouse por construír unha política audiovisual innovadora dende unha perspectiva de esquerda, con dous eixes centrais de acción: democratizar a produción e posteriormente democratizar a difusión do audiovisual galego. Unha análise pormenorizada das accións realizadas durante a lexislatura podería demostrar empiricamente que todas respiran ao abeiro destes cinco principios vertebradores:
1) Principio de igualdade de oportunidades e transparencia na xestión
2) Fortalecemento do tecido profesional e empresarial galego
3) A aposta polo talento e a innovación tecnolóxica.
4) A emerxencia dun audiovisual con identidade e mirada propia
5) Sinerxía co resto de industriais culturais do país..
De primeiras, a Axencia entendeu que viviamos tempos novos, nas portas dunha crise estrutural do audiovisual a nivel planetario que estaba a provocar profundas e inminentes mudanzas tecnolóxicas, modificando as relacións de empresas e cidadáns coas imaxes –na súa produción, distribución e consumo-
Pola contra, o modelo sistémico clásico, ancorado na inercia da súa traxectoria histórica, non estaba a respostar con axilidade aos cambios tecnolóxicos vertixinosos nos sistemas e modelos de produción, distribución ou consumo e moi especialmente na rede. Calquera institución intelixente con responsabilidades de política audiovisual debería adaptarse as mudanzas con antelación e traballar en consecuencia. En definitiva, a Axencia proxectaba anticiparse ás previsíbeis consecuencias da revolución dixital tanto nos modelos de produción como no uso e consumo das novas tecnoloxías de comunicación; mais todo iso supuña traballar a medio e longo prazo, algo ao que non están afeitos os nosos políticos e xestores. Un exemplo: partíase da constatación de que existía un “mundo paralelo” de creadores producindo contidos que non respostaban aos modelos narrativos da industria tradicional, e que tiñan ademais serias dificultades en ser entendidos ou aceptados polos produtores “convencionais”. Sen embargo, dialogaban coas súas pezas en pé de igualdade cos creadores doutras partes do planeta. Un mundo paralelo de creadores aos que se propuxo dar voz e alento con estratexias contundentes de apoio cara unha necesaria renovación xeracional do audiovisual galego.
Así pois, de comezo, a política audiovisual da Consellaría de Cultura intentou reconducir unha situación herdada da era Fraga que se gababa dun desenvolvemento resultadista do sector en base a coproducións con produtoras doutras partes de España e nas que as produtoras galegas tiñan unha porcentaxe minoritaria, agás honrosas excepcións. Remudáronse completamente as regras do xogo da etapa anterior en consenso con TODAS as asociacións do sector -non só as produtoras- para incrementar o tecido empresarial e profesional autóctono nos proxectos subvencionábeis. O principio de igualdade e transparencia aplicouse ás comisións paritarias de valoración, profesionais, renovábeis anualmente e representativas das diferentes áreas funcionais do cinema. Mal que lle pesara a algúns, a Axencia foi aire limpo e transparente no tocante ás subvencións, visíbel a través da súa única ventá de contacto co exterior: a súa premiada e innovadora Web -mais dun millón de visitas dende o seu inicio-, un punto de encontro de enorme prestixio e utilidade profesional, pero tamén social -mesmo tachada de “demasiado transparente”-, porque todas as decisións administrativas, así coma o diario acontecer do audiovisual galego se publicitaban practicamente en tempo real. Ao fin, agromou un discurso plural, aberto, diáfano e democrático sobre o cinema en Galicia.
A Axencia pretendeu ademais acurtar o desfase entre a realidade tecnolóxica vertixinosa e a inercia da industria galega, introducindo aspectos que poden considerarse vangardistas dende o punto de vista da política audiovisual española e que foron “copiados” por outras Administracións. Como actuacións relevantes podemos citar: a homologación europea das axudas á produción pola Dirección Xeral da Competencia no ano 2008; o apoio a óperas primas e a segundas obras de directores galegos, a aposta explícita pola animación e nomeadamente a curtametraxe animada; a diferenciación entre os "documentais de difusión cultural” e os "documentais de creación" que favoreceu a emerxencia dunha magnífica colleita de documentais de autor en Galicia por vez primeira na súa historia; a insólita e criticada inclusión de axudas individuais á realización de "longametraxes dixitais" do que sairán filmes tan salientábeis e diferentes como
18 comidas,
Tralas luces,
Todos vos sodes capitáns ou
Dous fragmentos Eva, entre outros; a constitución da figura dos "creadores individuais" que podían acceder á axudas directas sen necesidade de produtora; o impulso á creación de contidos dixitais e interactivos (mesmo os videoxogos); o novidoso apoio ao desenvolvemento de formatos televisivos; o establecemento de criterios de converxencia co resto de industrias culturais galegas, etc. Unha profunda “re-volta” das políticas audiovisuais precedentes, que ao fin democratizaba a produción e garantía a igualdade de oportunidades.
No tocante á difusión audiovisual, a rede alternativa Cinemas dixitais -en case 200 concellos galegos de todas as ideoloxías- pretendía ser o xermolo dun proxecto cobizoso de futuro: un circuíto autosostíbel en colaboración co ICAA, abrindo a posibilidade de establecer un “mundo paralelo” da distribución-exhibición, “alternativo” á programación comercial; e Flocos TV, que tivo un éxito espectacular converténdose na páxina mais visitada do audiovisual galego cunha especial incidencia nos centros educativos. Ambas iniciativas son, sen dúbida, o meirande esforzo institucional realizado por democratizar a difusión do audiovisual galego dentro do noso territorio.
En definitiva, tratábase de abrir novas fiestras sen fechar as existentes, abertas pola inercia da produción galega ao longo da súa breve historia. Por exemplo, apostouse dende o principio por filmes comerciais producidos “dende Galicia” como
Celda 211,
Crebinsky ou
Pradolongo. Mais a Axencia tamén fixo realidade unha das reivindicacións históricas do sector industrial: as axudas automáticas baseadas en parámetros obxectivos e automáticos para estimular o “cinema industrial”. Os resultados da política de fomento á produción ofrecen equilibrio e variedade, representando todos os modelos de produción posíbeis: dende óperas primas e cinema de autor, ata o cine "comercial"; coproducións con outros territorios ou producións de baixo orzamento, cinema dixital, directores foráneos ou directores galegos. Asemade, identificamos unha total variedade de contidos representativos de todos os xéneros: thriller, comedia, cinema social, drama, road movie, infantil, experimental... Por vez primeira, incorpórase decididamente a muller ao audiovisual e increméntanse os filmes rodados en lingua galega.
Mais, para a Axencia Audiovisual, non houbo ningún proxecto -subvencionado ou non- que non recibira acubillo permanente ao longo do seu proceso de produción mediante a colaboración activa na procura doutras fontes de financiamento como as Sociedades de Garantía recíproca ou en televisións de ámbito estatal, acompañando institucionalmente aos proxectos dende o guión ata a obtención da copia standard.
Resumindo, aquelas “tentacións dogmáticas e un chisco endogámicas” que criticaban algúns, deron como resultado a mais importante colleita de filmes da historia do cinema galego. Porque os números son contundentes: o eido da produción acadou a cota máxima da historia no 2007 con 273 títulos producidos; pero tamén a calidade de filmes e documentais comezou a recoller premios en numerosos festivais estatais e internacionais, nunha onda que perdurará mesmo ata o ano 2011.
Sen embargo, o traballo arreo dos traballadores da Axencia nunca tivo o apoio mediático da prensa galega, mais tampouco dos medios de comunicación “relacionados“ co BNG -quizais por unha certa desconfianza, mais sobre todo por descoñecemento do sector. Como se insistía repetidamente: na Axencia traballábase a medio prazo, obxectivo arredado dos intereses habituais da clase política do país.
Ademais, a precariedade e nula autonomía administrativa, a súa escasa “visibilidade” no organigrama da Consellería de Cultura foron outros handicaps nos seus magros resultados mediáticos, que non reflicten o salientábel traballo realizado. A solución de futuro e o destino da Axencia estaban na Agadic, un instrumento extraordinario; unha grande oportunidade de futuro para o desenvolvemento da industria audiovisual galega elaborada coa lei de Axencias e que deixaría obsoleto e inútil ao Consorcio, clara herdanza do “modelo gallego”. Foi unha magoa que non nacera antes e desenvolvera a súa estrutura orgánica a tempo, para deixar o audiovisual organizado dentro dunha magnífica ferramenta administrativa cuxo case infinito potencial os seus xestores actuais non saben ou non queren optimizar.
4. Pola banda de Lestrove (Secretaría Xeral de Comunicación)Pola contra, no outro “lado” do goberno, o balance da lexislatura será algo mais cativo, porque non deixou de facer seguidismo das iniciativas e programas creados na etapa de Manuel Fraga a través do Consorcio audiovisual de Galicia, agora a maior honra da Secretaría Xeral de Comunicación e do Presidente da Xunta de Galicia.
Os obxectivos eran basicamente “mais do mesmo”: continuar coa construción de Galiwood, un construto teórico que faría de Galicia a “terra de cine” necesaria, o “espello no que mirarse o cinema español”, (e coproducir), “un modelo administrativo orixinal”, en palabras escritas aínda no 2009 por un dos promotores do modelo agora apropiado polo PSOE. Un sistema que utilizaba, sobre todo, a propaganda nos medios e os cocktails para amosar o seu compromiso co sector a través da pompa e circunstancia. No decurso da lexislatura non existiu un documento-programa que describise os principios ou filosofía da acción institucional e argumentase con criterios racionais os obxectivos da política audiovisual desta área do goberno.
Porque os programas específicos do Consorcio Audiovisual viñan ser idénticos aos do “modelo gallego do audiovisual” da etapa anterior; nin sequera foi considerado necesario o seu retoque ou adaptación aos novos tempos polo goberno socialista: as mesmas convocatorias para coproducións minoritarias con Arxentina (e mais Brasil), coma o fiasco de
Raíces, un programa “a maior beneficio” do cinema arxentino, pero de dubidosa repercusión no audiovisual galego. Por certo, produción non era competencia de Cultura?
Continúa incombustíbel o “Plan de Internacionalización”, vixente dende o 2002 e que aínda hoxe ninguén sabe exactamente en qué consiste, agás os custosos saraos de produtores nesta e doutra banda do mar, denominados enfaticamente “misións comerciais”, ou as viaxes de funcionarios para repartir custosos catálogos polos festivais adiante, sen render nunca conta dos resultados das devanditas “accións de internacionalización”.
Tamén terá continuidade o programa Curtas -coa incorporación de Docus-, consistente na selección (?) e posterior envío de DVDs a festivais, de nula repercusión nos autores e no que os creadores individuais non podían participar ao non ser producidos por unha produtora. Asemade, tamén do pasado inmediato procede o programa obsoleto “Audiovisual nas aulas” do que xa falamos no artigo anterior. E o CGAI, en stand by, observará o devalar dos días con languidez institucional –malia súa espléndida e coherente programación para os habitantes de Coruña.
As únicas “novidades” relevantes nestes catro anos foron: a creación de “Sempre Cinema”, unha empresa inversora mixta formada por un 50% de capital público (IGAPE) e outro 50% da -“intocable e intachable” daquela- Caixa Galicia, a súa vez accionista e copropietaria de varias produtoras audiovisuais (?). Unha empresa opaca, xestionada por “executivos” que, por exemplo, non entraron en
Celda 211, porque coidaron que “non tiña ningunha viabilidade comercial” (vaia instinto!). Aínda que si financiaron
Los girasoles ciegos e
Los muertos van deprisa. Por certo, produción non era competencia de Cultura?
A segunda gran iniciativa novidosa dos herdeiros do “modelo gallego” foi a instrumentalización da figura de Chano Piñeiro cos premios do mesmo nome, outorgados a “grandes defensores do cinema galego” como Jaime de Armiñán, José García ou Alejandro Amenabar, cun espírito absolutamente contrario ás arelas e filosofía vital do finado director galego. E ao fin, a
AG, unha revista en custoso papel couché cun obxectivo descarado de “propaganda política” na que ningunha iniciativa da Axencia Audiovisual Galega mereceu figurar, aínda que si foi memorábel o tremendo eco provinciano que se lle deu á visita do importante “promotor do audiovisual galego” e mestre de ética televisiva, Paolo Vasile, mandamais de Telecinco. Tamén se reeditaron dous luxosos libros, practicamente cos mesmos contidos publicados a comezos da década, agás cun novo prólogo, desta volta, do propio Presidente Touriño.
Pola contra, algunhas iniciativas da Dirección Xeral de Comunicación resultaron frescas e diferentes, entre outras, a súa actitude dialogante e áxil interlocución co sector, a magnífica convocatoria de axudas a festivais que, por primeira vez, establecía regras de xogo democrático para todos; ou a aposta polo talento novo e as tecnoloxías de comunicación de
Curtas na Rede, todos eles programas e iniciativas que tamén contaron co apoio explícito da Axencia audiovisual galega.
5.- O balance do BipartitoMalia os claroscuros destes anos, o balance global das política(s) audiovisuais do goberno bipartito é moi positivo. Certo é que corrían tempos de “vacas gordas” e polo tanto foi mais doada a instrumentalización de ferramentas e programas para incentivar o sector. Mais os dous socios mantiveron interlocución permanente con todos os seus axentes sociais. Ao fin, a política audiovisual xa non era entendida como “a que defendía os intereses dos produtores” senón que, por vez primeira, foron consideradas as arelas de guionistas, directores, actores, técnicos e afeccionados. A figura do director e o concepto de “talento” recuperou o seu papel nunha industria que tiña semiesquecida unha compoñente fundamental da súa razón de ser. As axudas ao talento evidenciaron ademais que non son precisos custosos orzamentos ou grandes estruturas para producir audiovisual competitivo e de interés fora e dentro das nosas fronteiras. Agora mesmo, algúns dos autores desa xeración -para algúns “Novo cinema galego”- están a viaxar por relevantes festivais internacionais falando de “tu a tu” con todas as correntes da creación audiovisual contemporánea.
Os proxectos de cinema comercial e telefilmes fixéronse máis “galegos” tanto en temáticas como en participación de actores, técnicos e directores do país. Algunha produción comercial coma
Celda 211 arrasou en premios e público durante 2009 e 2010 cun éxito espectacular no conxunto do estado. Mais tamén medrou o número de produtoras e postos de traballo; creáronse empresas de servizos –algunha delas punteira- e en xeral, existía sensación de futuro para o sector a pesar das dificultades e da división competencial. A mesma competencia entre as dúas áreas do goberno -mamá ou papá- fomentou compromiso institucional con iniciativas da sociedade civil, favorecendo a diversidade, pluralidade e visibilidade do cinema galego en eventos e foros de todo tipo, nuns anos nos que abondou a información sobre o audiovisual nos medios de comunicación. Tamén se multiplicaron os festivais de cinema baixo criterios democráticos de financiamento. O sector desenvolveuse en función do talento e capacidade: os que amaban o cinema como medio de expresión e creación artística; os defensores do cinema comercial, e mesmo os partidarios das coproducións minoritarias tiveron o seu espazo e interlocución institucional. Quizais esa pluralidade de puntos de vista e o debate libre entre diferentes xeitos de achegarse ao audiovisual fose unha das características destes anos: as dialécticas entre industria e creación, os modelos e formatos de produción posíbeis, a incorporación de novas tecnoloxías, o papel das administracións no sector, etc. Houbo liberdade e propósito de abrir novas portas sen pechar ningunha das existentes. Un magma de ideas e liñas de acción que precisaba doutra lexislatura para consolidarse.
Cara ao final da lexislatura, tanto o sector coma os mesmos políticos xa estaban convencidos de que non se repetiría a división competencial, que malia causar friccións e problemas menores, non obstaculizou o devalar do audiovisual galego, por moito que algúns se laiasen do seus propios fracasos. A Administración non produce contidos nin estrea filmes, a súa obriga é asegurar políticas e mecanismos que contribúan a desenvolver o potencial de empresas e creadores baixo o principio de igualdade de oportunidades. Daquela todos estabamos convencidos de que ao cabo existiría unha única política audiovisual que optimizaría as sinerxías institucionais da administración en tempos futuros.
6.- E viñeron as eleccións autonómicas do 2009...E que podemos dicir da política audiovisual do período 2009-2011?. Pois... practicamente nada, o que xa precipita o final desta viaxe. En realidade, nada se pode comentar como xa todo o mundo sabe. Dende que comecei a interesarme polo audiovisual galego alá polo 1983, nunca vira cousa igual. A Xunta de Feijoo -como en case todo o demais-, non goberna, destrúe...
Certo é que a Gran Recesión ten acougados os corazóns da meirande parte da poboación. Mais precisamente nos momentos difíciles é cando a clase política non pode deixar de actuar sobre un sector produtivo que xera emprego e riqueza e que, ademais, transmite a imaxe do país ao resto do mundo. A súa inacción está poñendo en perigo vinte e cinco anos de crecemento ininterrompido e un tecido profesional que custou moito esforzo erguer entre todos. Mais polo de agora, non se coñece un só político do goberno a quen o asunto lle interese “de verdade” -tanto Pérez Varela como Manuel Fraga amosaron interés real polo audiovisual. Se escribimos no Google News as palabras “cine galego”, “audiovisual galego” ou curtametraxe, comprobaremos que hai meses que nin sequera aparecen nos medios de comunicación. Iso si, asistimos a un cínico revival interesado dalgúns dos seus “responsábeis” cando louvan "a fortaleza, calidade e talento do audiovisual galego contemporáneo” -referíndose a producións realizadas ao abeiro do goberno bipartito- mentres que, co pretexto da “Gran recesión”, afogan irremisibelmente o sector cara a súa desaparición, polo menos ata que cheguen instrucións concretas do flamante goberno “amigo” de Madrid. Ou é a outra cara do programa oculto do modelo gallego: que desapareza o tecido empresarial para que só permanezan as grandes produtoras e moi especialmente as dependentes dos medios de comunicación?.
A división funcional – o erro Touriño- segue a manter o mesmo leitmotiv na dicotomía Agadic-Cultura versus Consorcio-Secretaría Xeral, pero agora sen interlocución e compromiso algún co sector, nunha obvia parálise institucional, un desastre sen paliativos, que está rematando coas esperanzas dos empresarios do audiovisual galego, dos amadores do cinema e dos festivais e mostras do país. E por favor, que alguén explique cómo é posíbel que a Filmoteca de Galicia (CGAI) aínda non dependa de Cultura coma en todos os restantes países do planeta...
Por outra banda, a “Damnatio Memoriae” foi devastadora para todas as iniciativas democráticas e innovadoras: fora Flocos TV, Cinemas dixitais, o sitio web da Axencia, a convocatoria pública de festivais, Curtas na rede, a transparencia, a información, as comisións paritarias e renovábeis anualmente. Pola contra, no Consorcio Audiovisual semella que continúan vivos algúns programas das etapas anteriores (imposíbel sabelo porque nin teñen unha web operativa). Pero o máis grave é que, case tres anos despois, non exista información pública algunha da política audiovisual -ou algunha idea ao respecto- da Administración Autónoma, e que o sector se manteña incomprensibelmente enmudecido e resignado. Certo que manteñen xuntanzas, encamiñadas máis ben á enredar nas convocatorias de subvención que a esixir un plan global de actuación no audiovisual, pero a transparencia e a información pública sobre as accións do goberno é un dereito irrenunciábel da cidadanía.
Tampouco a oposición ten amosado demasiado interés pola política audiovisual -agás as permanentes interpelacións no parlamento da deputada do BNG, Ana Pontón-. En fin, pobre audiovisual galego: un sector definido como estratéxico, pero sen ningunha estratexia para o sector. Nin a ten, nin se espera, nin se lle esixe.
Nestes momentos, o audiovisual galego “tradicional” é un barco varado e desnortado, sen capitáns, escaso orzamento e nula estratexia, baixo unha política inexistente, nun tempo que vai camiño de denominarse no futuro “trienio negro”, “lexislatura perdida” ou “tempo da devastación planificada dun sector”. Menos mal que o “mundo paralelo”, onde todos son capitáns e navegan en pequenas dornas, continúa a proporcionarnos ledicia, esperanza e orgullo cos seus pequenos filmes, desprezados pola industria e a crítica oficialista, pero que están a colocar a bandeira do cinema galego en todos os grandes peiraos da creación audiovisual contemporánea.
Artigo escrito para a revista Tempos Novos