venres, 2 de decembro de 2011

Unha década case prodixiosa (1): Sobre modelos galegos do audiovisual (2000-2010)

por Manolo Gonzalez

Primeira parte

Nestes complicados tempos, onde a excusa da crise xustifica e lexitima arrasar con todo canto funciona, asistimos a un revival “interesado” nos medios de comunicación sobre a fortaleza, calidade e “talento” do audiovisual galego contemporáneo: Hai plena unanimidade na cúpula dirixente: dende o ilustre conselleiro diplomático, ao xerente da Agadic, o Secretario Xeral de Medios de Comunicación, o inefable director do Consorcio Audiovisual, e, cómo non, o turiferario e “crítico cinematográfico” por antonomasia dun xornal de gran tirada. Todos eles coinciden no diagnóstico: “Son tempos difíciles, pero o audiovisual galego vive o seu mellor momento”· No xornal citado falase da “mestura brillante de calidade e talento” de moitos filmes que están a ter relativo éxito tanto na casa como fora, ou que participan en pé de igualdade en mostras e festivais de todo o mundo. Mais, en realidade, os proxectos dos se gaban as citadas autoridades do audiovisual teñen un denominador común totalmente alleo a súa vontade e que todos agochan con cinismo hipócrita: no ano 2006 a Axencia Audiovisual Galega da Consellaría de Cultura e Deporte intentou modificar en profundidade a política de axudas ao audiovisual da era fraguiana, tempo onde se acuñara un divertido concepto do que apenas se fala hoxe: o “modelo audiovisual gallego” e que se mantivo en vigor do 2000 ao 2005. A Axencia decidiu empregar ata o 20% do seu orzamento para desenvolver liñas de axuda innovadoras de promoción do talento ou estímulo ao que denominaba “mundo paralelo” e finiquitar o modelo gallego do audiovisual por obsoleto, ineficaz e inxusto. Aínda resoan as críticas destrutivas e airadas de gran parte da denominada industria audiovisual: “Eses proxectos non terán viabilidade”, ”dirixismo cultural”, “Si chegan a producirse non terán estrea”, “Non interesan fora de Galicia” ...etc. Daquela, o perspicaz crítico antes citado cualificaba as axudas da Axencia de “deriva anacrónica, endogámica e oposta a tendencia do audiovisual mais aló do Padornelo e mesmo dos Pirineos”. Sen embargo catro anos despois podemos asegurar que ese 20% investido contra vento e marea na promoción do talento e os novos directores foi a mellor inversión pública da curta historia do audiovisual galego. Ai están Os Crebinsky, Retornos, A noite que deixou de chover, Eloxio da distancia, De profundis, 18 comidas, Tralas luces, Qué culpa ten o tomate, Relatos, O almorzo do poeta, Dous fragmentos Eva, Nacional VI, Todos vós sodes capitáns, Arraianos, Afranio, Manuel y Elisa, Quen son?, Flores Tristes, A Maleta de Sofia, Liste pronunciado Líster, etc, etc... entre outros moitos fitos significativos dos que daremos conta. Convídoos a realizar un exercicio impresionista de “memoria histórica” sobre a última década do audiovisual galego. E como resulta fundamental coñecer “de onde vimos”, nesta entrega faremos un flash-back á primeira metade da década, deixando para unha posterior ocasión a radiografía das políticas audiovisuais do bipartito e do goberno actual, porque comezan a agromar algúns síntomas que auguran o retorno a determinados aspectos do modelo gallego a pesares da parálise institucional e aparente inexistencia de política audiovisual do goberno de Feijoo.

2000-2005: Nove ideas sobre o “modelo gallego” do audiovisual

A comezos do terceiro milenio –reinando en Galicia Manuel Fraga, o gran timonel- participamos atónitos a un bombardeo mediático cun hight concept que debería pasar aos anais dos inventos semánticos da cultura galega: o denominado “modelo galego do audiovisual”. Un modelo que –segundo se insistía machaconamente unha e outra vez na prensa diaria, TV e Internet- ía traspasar as serras de Pedrafita e Padornelo porque encarnaba un exemplo a seguir no resto de España e –isto non se atrevían a dicilo pero o pensaban- no conxunto de Europa. Ao fin, a inventiva galega daba con algo que –en compaña da moda, o viño, a pizarra e o futbolín- poñería a Galicia definitivamente na escena internacional. Había quen dicía –e quedaba tan pampo- que Galicia ía ser a principal provedora de contidos para Iberoamérica no 2010; outros que o “modelo gallego” estaba sendo analizado cientificamente nas Universidades; que as comunidades autónomas o estudiaban para implementalo nos seus territorios; estómagos agradecidos facíanse eco acrítico do “modelo” en revistas de papel couché. En fin, que, grazas ao devandito modelo, Galicia –delirábase na propaganda- era xa a terceira comunidade no asunto audiovisual; de feito Cataluña e Madrid tremían ante o pulo imparable da produción galega. As cifras de emprego, investimento, exportación e as contas de resultados dalgunhas produtoras e da Administración eran impresionantes nun alarde de contabilidade creativa. Todos os “programas” que deseñaban os “creadores” do modelo gallego mediante o imaxinativo sistema de cortar e pegar incluían a palabra “pioneiro” nos seus discursos. “Este programa pioneiro”; “esta iniciativa pioneira”, afirmaban sen rubor algún. Proliferaban os libros brancos e informes sobre “o sector” por doquier, chiringuitos con pomposos nomes enchían o negro sobre branco daquela Galicia audiovisual marabillosa que nos anunciaba un futuro luminoso para a industria audiovisual autóctona. Eramos a re-hostia!

De paso, borrábase materialmente do mapa calquera atisbo de disconformidade ou simplemente de quen se atrevera a apelar á memoria histórica ou defender un modelo alternativo. Anatema!. Condenábaselle ao ostracismo total ou a emigración forzosa. Ninguén ousaba discrepar ante tamaña marabilla, as cousas ían moi razoablemente ben para “todos“; o audiovisual galego estaba “definitivamente encarrilado” por moitos anos e, pouco a pouco, ata segmentos sociais tradicionalmente pouco interesados no audiovisual, xornalistas, políticos e xentes da cultura, foron asimilando que faltaba moi pouco para que Galiwood arrebatara a supremacía da industria do entreteñemento ao imperio americano. A Administración debería “poñer” –iso si- mais pasta a fondo perdido; as produtoras contentas e caladas, e os políticos podían refregar as mans con tranquilidade porque enchían peito grazas aos “resultados espectaculares” e o éxito internacional; de feito pavonábanse ante os medios nunha listaxe inacabábel de foros, comparecencias e actos puramente mediáticos de todo tipo, sempre acompañados por pinchos de deseño e viños de marca. Eran grandiosos os seus discursos nas estreas dos mesmos filmes que, por regra xeral e agás moi honrosas excepcións, espantaban á critica e público. Nunca tal cousa se vira, os políticos presentando os filmes nas estreas... Ou, audiovisual galego! En fin, o globo do “concepto” convertérase pouco a pouco nunha marca ostentosa e recoñecíbel, con capacidade de manobra e penetración mediática. Tanto así foi que co cambio de goberno os dous socios (BNG e PSOE) engarzáronse feramente polo seu control e convertérono nunha peza de discordia e confrontación, ata que, como propuxo Salomón, optaron por seccionalo salvaxemente en dúas metades. Mais a estas alturas algún lector estarase preguntando en qué consistía exactamente o modelo gallego. Imos tratar de esbozar algunhas das súas características mais salientábeis:

1. En primeiro lugar o modelo gallego favorecía descaradamente a subsidiaridade co argumento programático das coproducións. Vexamos: vostede ten un proxecto español, catalán, arxentino, valenciano ou madrileño e fáltalle... poñamos un 20 ou 30% para completar o financiamento do proxecto. Pois non hai problema, Galicia sempre recibe coas mans abertas calquera proxecto de coprodución. En realidade somos a encarnación da coprodución. É a nosa especialidade. Os que mellor a entendemos. Ninguén coma os galegos para axudar a producir telefilmes valencianos, cataláns ou arxentinos. O único que hai que facer e conseguir un testaferro indíxena que se encargue de acadar a subvención da Xunta, do Consorcio e a participación da Televisión de Galicia e a película xa está armada financeiramente. Outro título a engadir á listaxe de grandes filmes galegos, con temas alleos á nosa idiosincrasia e cultura, dirixidos e guionizados por foráneos, con xefes de equipo e profesionais de fóra, pernoctando nun bo hotel nos dous ou tres días de rodaxe en provincias “por la coproducción, claro, pero no importa, el marisco está muy bueno en Galicia y además es tan bonita.. un marco incomparable”. Galicia: “Unha terra de cine”.

Todo iso pagado xenerosamente con diñeiro público, mentres, os pobriños técnicos galegos, moitos deles sobradamente preparados, traballaban de auxiliares, varrendeiros, figurantes sen frase, traidores, ou vixiantes do trafico, e sen dereito ás dietas dos profesionais “madrileños”. Non importa: todo pola coprodución! Galicia non pode vivir sen as coproducións. Son necesarias para “penetrar” na industria española. Estivemos 16 anos facendo coproducións minoritarias e esa, precisamente, é unha das marcas referenciais mais evidentes do modelo gallego. Durante uns días, o gremio da hostalería fai un pico, os políticos locais felicítanse pola relevancia do seu pobo como localización, e os burócratas autonómicos xa dispoñen dun título mais para a listaxe de grandes películas do audiovisual galego que poderase incorporar á última edición do libro “Rodado en Galicia”. Mentres, guionistas, directores, técnicos e actores autóctonos terán que buscar o seu lugar ao sol fora do noroeste atlántico.

Importante: Quede ben entendido que as coproducións son un xeito eficaz e intelixente de afrontar proxectos para facer “películas” que poidan ser negocios ou éxitos comerciais e artísticos. Non como defendía o modelo gallego: para facer negocios coas coproducións.

2. Outro dos piares básicos do modelo gallego eran os chiringuitos. Habíaos de todo tipo. Cada un deles controlado por “xente de confianza” defensora dun modelo que lles interesaba só a uns poucos conectados entre si. Vostede tiña unha idea: alá vai ao chiringuito! Nas mesas redondas eran máis os representantes de chiringuitos que asistentes, mais non importaba, quedaba moi ben nos papeis, e sobre todo, tamaña vitalidade asociativa impresionaba ao turista-visitante... Que enerxía creadora! Qué músculo asociativo! Cando en realidade non era mais que a manifestación do minifundismo telúrico dos galegos, un reflexo jungiano da nosa idiosincrasia colectiva aplicada ao audiovisual, habilmente aproveitada pola “elite do modelo”. Divide e vencerás. E parecía certo! Todos se beneficiaban dun ou doutro xeito da división clientelar, mentres os señores feudais repartían baronías e prevendas, por suposto só “se un dicía o correcto”. Porque no caso contrario, todas as portas do resto de chiringuitos pechábanse ao unísono nun alarde de coordenacion democrática.

3. Un dos leitmotivs rechamantes do modelo gallego era a aposta pola “internacionalización para a promoción no exterior do produto e da industria audiovisual galega”. Consistía basicamente que alguén -a gastos pagos- viaxaba a festivais polo mundo, baixo “un paraugas”(?). Non te preocupes –dicíase- a Administración vai a vender a túa produción e a colocará no mundo. Déixanos a nós que xa sabemos o que hai que facer... Un funcionario alá se ía aos mercados especializados coa misión imposíbel de vender as coproduccións minoritarias galegas no planeta. Tras catro anos de funcionamento do devandito plan, nunca se renderon contas de resultados das “accións de internacionalización”. As veces, agromaban datos que informaban de que “vendemos menos do 1%”. Un éxito alucinante do custoso e inútil plan de internacionalización. Un non podía deixar de preguntarse abraiado pero qué imos a vender, se nin sequera somos donos do negativo. A internacionalización dos proxectos iníciase na fase de desenvolvemento, na xestación do proxecto e non á finalización da produción ou coprodución. Todo un delirio e disparate de gasto público orientado a encher os xornais –algúns deles tamén produtoras ao tempo- con novas que impresionaban a políticos incautos e vender fume –a grande especialidade do modelo gallego- como leña de calidade internacional.

4. O modelo gallego tamén apostaba polos “plans de formación”. Plans de formación elaborados ao xeito soviético, sen contar co tecido docente, nin considerar as necesidades específicas dos centros de formación ou das universidades do país, en precaria situación –o subtexto é que en Galicia non hai bos profesionais e peores docentes- pero calquera que veña de Madrid ou Barcelona... ese si que sabe. Mais non importa! Os grandes pensadores do modelo galego coñecían perfectamente os problemas do sector grazas aos “estudos de necesidades” realizados por expertos profesionais ou empresas que vivían de costas á realidade educativa e moitas veces fora do país. Iso si, se conseguen que un profesional “de recoñecido prestixio” acuda a Galiza mediante o método de “poderoso diñeiro”, o feito aproveitábase mediáticamente para sacar a foto correspondente, refregarnos aos demais o moi importantes que eran e de paso consumir mais pinchos de deseño regados con mais viños de marca. Nas entrevistas utilizábase habilmente a opinión do incauto e agradecido visitante para proclamar aos catro ventos máis eloxios “do modelo gallego, un exemplo para o resto das autonomías”. Outro programa abraiante: pretendíase traballar a prol do audiovisual nas aulas –digna e loábel misión por certo- mais sen contar co profesorado dos centros, a base de esforzados misioneiros ou paladíns que emulando as misións pedagóxicas republicanas ían polo país a espallar “la nueva buena”: a evanxelización do audiovisual. Xusto o contrario do que hai que facer.

5. Outra das singularidades do modelo gallego era o de favorecer a hexemonía dos produtores no discurso audiovisual. Cando se deseñaba calquera reforma ou aparecían situacións de crise, políticos e medios de comunicación preguntábanlle aos produtores, que son -no modelo gallego- os que “saben”. Guionistas, directores, actores, investigadores ou técnicos van detrás ou non aparecen. Cando algunha vez chegaban a publicarse as listas de beneficiados das subvencións, os proxectos adxudicábanse ás produtoras e non aos directores. Dicíase, “Continental sacou 2, Filmanova 3 e Adivina 2”... Verdadeiramente este é un feito singular no mundo, e que o goberno Feijoo recentemente reimplantou. Só hai que consultar as listaxe de beneficiarios das axudas á produción da Agadic no 2011. Xusto ao revés que no resto do planeta, onde o peso e a incidencia mediática do audiovisual recae en mans dos creadores, actores ou directores –as películas son de Almodovar e non de El deseo- e tómanse en consideración as opinións dos expertos e creadores. Desta situación non eran culpábeis os produtores, pero na realidade, si había que viaxar –as denominadas embaixadas comerciais- á Arxentina, Valencia ou Brasil, etc... por suposto que “se convidaba” aos produtores –os de confianza- porque “hai que favorecer os negocios”, é dicir, montar coproducións e, de paso –moi importante- identificar talento foráneo. Non esquezamos nunca o bos que somos os galegos no tocante as coproducións e apostar polo talento alleo, case unha marca de fábrica. Era outra das novas que agromaban nos papeis: o asombro dos produtores abraiados pola descuberta do “talento” dun determinado país... cando chegaban da viaxe oficial a este cativo recuncho no noroeste onde, ao parecer, non había nada que brillase con luz propia. Pola contra, nos anos do modelo gallego había quen prantexaba en serio iniciar un estudio científico sobre a posibilidade de que o material xenético dos galegos fose incompatíbel co talento audiovisual. Ao parecer, agora xa ningúen dubida que tamén temos talento nas terras de Breogán.

6. O modelo galego presumía dunha grande coordinación da Administración galega na política audiovisual. Era, por definición legal, un “sector estratéxico”. Nunca entendín doadamente o alcance de tamaña grandilocuencia. Toda a Administración galega –dicíase- apostaba como un só home para erguer “a industria”, mediante unha “política transversal”, mais o certo é que os fondos do Igape non se gastaban, porque daquela era mais doado acadar financiamento en calquera banco ou caixa de aforros de Vila da Veiga (iso sí con garantías persoais); as axudas á innovación tecnolóxica, non era máis que un plan renove para que os productores pasasen do T4 ao T5 no modelo de edición. En realidade era tan doado como: inventemos un programa de investigación. Efectos da posproducción dixital nas transicións ao corte ou Fragmentación electrónica do decorado mediante subsistemas de realidade virtual. A Consellaría correspondente actuaba como paganini e as cousas funcionaban de xeito razoábel para todos. A Dirección Xeral do Audiovisual xestionaba as axudas e o Consorcio Audiovisual facía “outras” cousas. Cada Consellaría entendía o asunto ese do “sector estratéxico” como podía –era ademais un mandato do Gran Timonel- e non existía unha mínima coordinación efectiva da política audiovisual do goberno.

7. Porque no modelo gallego, o audiovisual era “demasiado importante para deixalo de mans dos políticos”. A boa política audiovisual é aquela que “aparentemente” non existe. Xa se sabe que “o bo gobernante pasa desapercibido polo pobo”. Tratábase, sobre todo, de repartir o pastel por criterios de viabilidade e presunta “rendibilidade” ao servizo duns poucos produtores que curiosamente case sempre eran os mesmos. “Hai que apostar por empresas sólidas, que xeneren emprego e fagan viable a nosa industria e o resto que espabilen ou que se fod...", era outro dos seus paradigmas. As comisións de valoración conformábana sempre os mesmos “comisionados permanentes”, controlados habilmente por representantes da Administración e os resultados favorecían especialmente ás “grandes” e non lle daban apenas oportunidades ás “pequenas”. Para salvar as aparencias, un ou dous membros representaban as asociacións do sector, pero unicamente se interesan polos proxectos dos seus asociados -facendo das subvencións unha vía de financiamento das propias asociacións, ás que os beneficiarios derivaban unha pequena porcentaxe do diñeiro acadado na subvención-. Por outra banda, non existía transparencia algunha no proceso, a avaliación(?) do comité de “expertos”(?) non era vinculante, do que resultaba na práctica, que os proxectos beneficiados e o montante da axuda, era sempre unha decisión discrecional do Conselleiro de turno, case sempre Pérez Varela.

O que importaba, insistíase unha e outra vez, “é o fortalecemento da industria e a industria só progresa cando hai empresas solventes con capital financeiro nos seus consellos de administración”. Practicamente ninguén falaba de historias, temas ou estéticas, lingua de rodaxe, modelos de produción, liñas de incentivos ao longo da cadea que valor ou obxectivos estratéxicos que levaran a algures. Sen embargo, a receita para desenvolver unha industria audiovisual que pretenda eficacia internacional está mais que inventada: apostar pola orixinalidade, a innovación e o talento. Non hai outra.

8. O modelo galego gabábase de ser pioneiro no estado “porque tiña unha flamante Lei audiovisual aprobada por unanimidade”. Unha lei que basicamente dicía: Artigo 1º: O audiovisual é moi bonito e moi importante; Artigo 2º: Bonito e importante o audiovisual galego é; e así seguía no seu articulado unha e outra vez. Unha lei mal formulada, “frouxa lei” como a definiu alguén, que non serviu máis que para crear novos chiringuitos coma o innecesario Consorcio Audiovisual de Galicia, obviar os problemas de futuro, pola cicatería, imprecisión e temperatura morna do seu articulado. Contribuiu a lexitimar as decisións da “consellería competente” – que lamentable redacción!- e asentar definitivamente o feudalismo audiovisual entre nós. Non dispuxo a creación de sinerxias coas industrias culturais e arbitrou unhas regras de xogo ambiguas e xenéricas ao servizo do mantemento dun status quo que impedía a igualdade de oportunidades. Parece mais unha broma que unha Lei, hoxe obsoleta e que sobre todo representa nidiamente o espírito da Administración fraguiana e por suposto o seu resultado mais evidente: o chamado modelo gallego do audiovisual.

9. A Televisión Galega. Ai, a nosa televisión! De todos é sabido que a televisión é o factor clave dun sector audiovisual en calquera territorio do universo. Non é este o lugar para falar da manipulación, dirixismo, clientelismo, listas negras e amiguismo que reinaron na nosa televisión, practicamente dende o seu nacemento alá polo 1985, cun consello de Administración conformado por políticos e ao servizo descarado do partido no poder (isto último pode ser aplicable tamén ao bipartito). Mais, en troques, algunha cousa boa se fixo –aínda de que as beneficiarias foron as catro produtoras de sempre- e foi a política de produción de series de ficción que, por fin, fixo medrar profesional e industrialmente o sector, aportou resultados dignos que conectaron co público galego e apostaron por profesionais e historias do país, contribuíndo a súa formación e a especialización. Por qué será que as ficcións da televisión enganchaban ao público galego e o cinema galego non... será quizais outro dos misterios da coprodución? En troques, no tocante á participación nos proxectos de produción independente (filmes, telefilmes e documentais), a TVG foi unha peza mais do “modelo gallego”. A participación perpetua dun alto cargo da TVG nas comisións de valoración das subvencións ao audiovisual pechaban o circulo de financiamento para os proxectos que “interesaban”. En fin, sobre a TVG nestes cinco anos poderíase escribir unha enciclopedia, pero si alguén consulta a colección de Tempos Novos de seguro que atopará numerosos argumentos, ideas e propostas para facérense unha idea atinada do seu anómalo e partidista funcionamento durante estes anos.

Non sei se ao lector lle quedaría claro en qué consiste o modelo gallego, porque sobre o asunto tamén se podería escribir unha tese doutoral e aínda si custaría entendelo. Mais esa é a herdanza dos primeiros cinco anos da década; herdanza que disputarán os dous socios do novo goberno a mediados do ano 2005. Lamentablemente non sabían daquela que estaban pelexando polos restos dun naufraxio, fume de exequias, unha desagradábel rémora de favoritismo, clientelismo, corrupción, malos hábitos administrativos e irrelevantes éxitos comerciais ou culturais -algunha excepción hai-, emigración dos profesionais do pais... todos eles resultados obvios do chamado modelo gallego. Na vindeira entrega tentaremos facer unha viaxe similar pola etapa do goberno bipartito: sobre cómo xestionar os restos do naufraxio e sobre todo, si sería posible reconducir a política audiovisual cara a novos horizontes.

Artigo escrito para a revista Tempos Novos

1 comentario:

  1. É certo que o labor da Axencia Audiovisual é encomiable, iso non o pode poñer en dúbida ninguén. Tampouco se pode negar que a aparición de talentos novos teñen posto a Galicia no mapa, tanto pola participación de Laxe en Cannes coma pola inestimable axuda de Cahiers España.

    Pero algúns dos proxectos que se citan no artigo non creo que merezan loanzas. Non por unha cuestión de calidade (cada un ten os seus gustos, faltaría máis) se non por aquilo que determina o artigo: a industria en si. Ao marxe de contidos, o mal endémico do cine español (e polo tanto, do galego) eran eses produtos que non tiñan nin acollida de público nin de crítica, que non tiñan despacho ou festivais, que se sustentaban por unha idea de "autores" que pouco ou nada sabían sobre técnica ou análise cinematográfica; xa non falemos de que reflectisen tendencias internacionais.

    Figuras como Laxe son necesarias e agradecidas, pero tamén o son figuras "comerciais" que sustenten a industria economicamente, que atraian público. O que non é necesario é "A noite que deixou de chover", unha película que non viu ninguén (e síntoo polos amigos que traballan nela) ou "O almorzo do poeta".

    Logo sorpréndeme a inclusión de películas cuxos proxectos coñecía pero que non teño visto que se estreasen en ningunha parte, como "Dous fragmentos Eva" (a cal, por certo, me interesa moito; aínda que non todos os curtos de Santos me gustan algúns, como o seu ciclo de "os amores novos" parécenme moi acertados).

    O modelo galego necesita unha profesionalización de contidos, contidos que non rematen como "Pradolongo" sendo un exercicio de autoindulxencia hermético, sen apenas repercusión máis alá das nosas fronteiras. Hai que apostar pola xente que achegue a Europa a Galicia e non Galicia a Europa, parafraseando aqueles sabios do rexurdimento.

    Agora, pasando aos puntos que se analizan:

    - Non vexo mal Galicia como lugar de co-produción, xa que permite manter os nosos técnicos traballando dende casa aínda que sexa en producións alleas, aí aplaudo o labor de Vaca Films, por exemplo. Si entendo que iso pode desfavorecer, en principio, os creadores galegos que queiran levantar, dende aquí, producións (e insisto: producións con vocación internacional, non meramente para vender a TVG ou pasear por pobos de Ourense en verán), pero abonda con equilibrar eses dous tipos de producións. Non vou personificar, pero ás veces o criterio para rexeitar proxectos de xente de aquí é que non eran "demasiado galegos" e esta frase oína demasiadas veces. Tan pitoños estamos para non ver que o cine se globalizou, que xa non ten sentido falar de fronteiras se non de visións dun mesmo mundo? En "Movie mutations" discutían isto mesmo.

    - En canto á internacionalización, é significativo que non existan máis axudas ou organismos que apoien a distribución pero si que apoien o desenvolvemento ou que centren toda a atención na produción. É necesario máis capital privado para financiar a produción e dedicar o diñeiro público a unha presenza maior en salas, festivais e outros países.

    - O da hexemonía dos produtores é totalmente certo. Ao final, unha repartición de subvencións vén a ser ver que produtora das tres ou catro máis grandes saca máis proxectos. Non se priman os proxectos en si ou os autores nin se dá paso a máis xente nova que podería achegarse a outras maneiras de entender o cine. A aposta por Laxe foi eficaz e, aínda así, non se traduciu en nada. Onde están os apoios aos novos creadores?

    - TVG, como dicía antes, non parece apostar por esa internacionalización. TVG nin sequera parece apostar por contidos propios e foi sufrindo unha desmantelamento continuo cando, precisamente, as televisións se encontran nunha etapa de transición onde o contido é máis relevante que nunca.

    Non sei se as miñas ideas son inxenuas, confusas ou correspóndense como resposta axeitada a este post, pero polo menos espero que susciten algo de debate e reflexión.

    ResponderEliminar