Amosando publicacións coa etiqueta Maurice Pialat. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maurice Pialat. Amosar todas as publicacións

martes, 15 de xaneiro de 2013

Amour (Michael Haneke, 2012)

Historia de amor e morte ou relato que establece unha viaxe cara á morte desde o amor a través da vivencia terminal dunha parella de anciáns, dous profesores de música xubilados que sofren a progresiva degradación por enfermidade da muller, o austriaco Michael Haneke ofrece con milimétrica corrección, innegable rigor escénico, excelentes interpretacións e doses de realismo distanciado, a máis directamente emocional das súas películas. En Amor, Haneke procura tenrura e (o seu habitual) despoxamento, acada os maiores recoñecementos da súa traxectoria (Palma de Ouro en Cannes, Globo de Ouro, cinco nominacións aos Oscar) ao tempo que presenta o seu traballo menos contundente e arriscado. Tan medida como previsible e traidora a un estilo, estamos ante o título menos interesante da súa carreira recente, un drama de interiores no que prevalece o luminoso sobre o claustrofóbico ou autenticamente incómodo que palidece, por exemplo, ante o visionado de La gueule ouverte (1974) de Maurice Pialat, escalpelo dunha agonía -este sí, sen concesións- e antítese xenial deste Haneke en aparente retirada cara camiños desprovistos de complexidade. Fóra de poéticas e narracións, o filme reavivará o debate sobre a eutanasia, quizais entendida como forma de piedade. Nota: 5/10.

José Manuel Sande