O anuncio da programación do festival de cinema de Venecia trouxo unha feliz sorpresa, a
selección da longametraxe documental
Maroun regresa a Beirut da directora libanesa Feyrouz Serhal, moi ligada ao noso país. O filme, que forma parte da sección competitiva Venice Classics, revisa a traxectoria vital, política e artística de
Maroun Bagdadi, na súa altura o cineasta máis importante do Líbano, que faleceu en 1993 aos 43 anos por mor dun fatal accidente.
 |
| Feyrouz Serhal e Fawwaz Traboulsi no filme Maroun regresa a Beirut |
O
Festival Internacional de Cinema de Venecia ten, desde 2012, un contedor específico para mostrar grandes películas de todos os tempos en copias restauradas,
Venice Classics. A intención expresa é a de explorar a diversidade da creación ao longo da historia, e así este ano poderán verse clásicos de autores sobradamente
coñecidos coma Michelangelo Antonioni (
La Notte), Howard Hawks (
His Girl Friday) ou Fritz Lang (
The Big Heat), mais tamén outros nomes menos familiares mesmo para a cinefilia máis atenta, como é o indio Girish Kasaravalli (
Ghatashraddha). Canda esas recuperacións, a sección conta tamén cunha competición de documentais
sobre o cinema ou sobre cineastas onde encontrou o seu sitio o filme de Feyrouz Serhal para abrir unha gratificante conexión galega na selección oficial da mítica Mostra italiana: a directora libanesa traballa habitualmente con
Zeitun Films, compañía da que é máximo responsábel Felipe Lage, que coproduciu a súa curta
Tshweesh, estreada no Festival de Locarno en 2017, e ten agora en desenvolvemento a súa primeira longa de ficción,
I Am Here But You Can’t See Me. Tamén coa Zeitun realizou xa unha curta de produción 100% galega,
Sen Ti, que tivo a súa estrea internacional en festivais en Marrocos e no Líbano. A protagonista é Rosalía de Castro, a escritora e a estrela, que descende unha noite do firmamento até a terra para reunirse co seu amado. Un reencontro que a directora sitúa nun espazo industrial, unha factoría do sector da madeira, porque “a poesía está en todas partes”, explica durante unha longa conversa na Coruña. “Está no fume, no metal. Nos meus filmes, os espazos xogan sempre un rol moi importante. En
Sen Ti a xustaposición da pel de Rosalía e a pel do metal crea
algo, crea poesía; a combinación da fraxilidade do corpo e da respiración humana co ruído industrial danos unha perspectiva das cousas, que pode ser poética”. E recorda que na base da súa curta anterior,
I Come From The Sea, hai tamén un poema, nese caso do escritor Elia Abu Madi.
 |
| Hors la vie |
A proposta de realizar unha película sobre
Maroun Bagdadi foi para Feyrouz unha oportunidade para coñecer moito mellor unha figura indubidabelmente fascinante, de investigar todo o que se escribiu sobre el, de volver
aos seus filmes e comprender o contexto e as intencións con que foron feitos. Bagdadi foi no seu momento o cineasta libanés con maior repercusión internacional, capaz de manter unha carreira
cinematográfica mesmo durante
a guerra civil con fitos como
Les petites guerres / Pequenas guerras (1982), unha obra mestra
estreada na sección Un Certain
Regard do Festival de Cannes.
Brillante e ambicioso, contou
nos seus inicios co apoio dun
autor de referencia no cinema
árabe, o mestre exipcio Youssef
Chahine, e máis adiante traballou
con Francis Ford Coppola. O seu
crecente prestixio facilitoulle
o acceso ao financiamento
estranxeiro e así en 1987 faría,
con produción francesa,
L'homme
voilé, protagonizada por Bernard
Giraudeau e Michel Piccoli e que
competiu polo León de Ouro
na Mostra de Venecia. Fixo
logo varias producións para a
televisión, entre elas a excelente
Lebanon, the Land of Honey and Incense (1988), sobre un médico
francés que acaba secuestrado
no contexto da guerra civil e que
en certo sentido adianta o seu
seguinte proxecto,
Hors la Vie
(1991), inspirado no caso real
do secuestro do fotoxornalista
Roger Auque. O filme, que ten a
Hippolyte Girardot como actor
principal, gañou o premio á
mellor dirección no Festival de
Cannes ex-aequo co Lars von Trier
de
Europa, mais fica a anos luz
da riqueza e complexidade das
súas primeiras e máis interesantes
obras. Feyrouz recoñece que
cando estudaba na universidade
e viu por primeira vez
Hors la
Vie pensou que era “realmente
mala. Por suposto, es nova, es
radical, estás estudando cinema,
queres sabelo todo deses cineastas
xeniais e de súpeto ves unha
película dun cineasta do teu país
coa que non estás de acordo en
absoluto. Cando a volvín a ver
moito tempo despois, a miña
primeira impresión foi a mesma
mais axiña comprendín que había
algo por debaixo desa fachada
que intentaba lanzar mensaxes
máis interesantes. Decateime de
que fora capaz de criticar os seus
compañeiros de loita e sentín que
iso era moi importante”.
Maroun, explica, “quería facer
cinema e iso non era posíbel no
Líbano. Se quería traballar con
produtores estranxeiros, sabía
que tiña que adaptarse e facer
concesións. Quizais iso xogou
na súa contra nalgún momento,
mais se non o facía non podería
desenvolverse como artista. Non
parou de facer cousas, cando
non eran longas de ficción eran
documentais ou producións
para televisión. Estaba sempre
traballando, traballando,
traballando. O Maroun de
esquerdas seguiu sendo de
esquerdas, mais era capaz de facer
autocrítica e cuestionar os seus
camaradas. Tiña a coraxe de dicirlle
a calquera que estaba equivocado”.
Unha independencia incómoda
que lle trouxo non poucos
reproches ao longo da súa vida.
 |
| Soraya Khoury en Pequenas guerras |
Para adentrarse no universo
de Bagdadi, Feyrouz fixo unha
exhaustiva investigación coa
familia e os amigos do director.
Falou con moita xente mais
sempre tivo claro que non quería
que “todos falasen sobre todo”,
senón que cada persoa puxera
o foco nunha faceta clave. Así,
o escritor e xornalista Hassan
Daoud ofrecería unha primeira
impresión do personaxe, da
súa actitude e do seu astuto
encanto, de como se movía pola
cidade, e o historiador Fawwaz
Traboulsi axudaría a entender
o contexto histórico e político.
“Todos foron moi xenerosos
comigo e estaban felices. Lembro
que cada vez que terminaba a
conversa viñan canda min para
abrazarme e darme os parabéns”.
É o resultado dun bo traballo,
de reunirse con eles dúas ou tres
veces, de acadar a súa confianza.
Entre as persoas entrevistadas
non podía faltar Soraya Khoury,
presenza asombrosa en
Pequenas
guerras e muller de Maroun, nai
tamén dos seus fillos, o terceiro
dos cales naceu unha semana
despois da morte do pai nun
tráxico accidente, a caída polo
oco dunhas escaleiras. Soraya
achegaría un relato máis persoal
e íntimo e todas as voces, coas
súas diferentes perspectivas,
comporían en conxunto o retrato
dun home carismático, querido
por moita xente, mais non exento
de contradicións. O retrato dun
ser humano, en suma. Un artista
apaixonado, namorado do cinema
e de Beirut, unha cidade que
percorría nun emblemático coche
vermello que o documental evoca
a xeito de simpático tributo: é un
coche parecido o que emprega a
directora para recoller as persoas
que entrevista e levalas a lugares
significativos para Bagdadi, desde
un café da rúa Hamra a un parque
próximo á casa en que vivía.
 |
| Joana Hadjithomas |
Mais a intención de Feyrouz
nunca foi a de ficar no pasado,
senón tecer unha conexión co
presente. Coma ponte válese dun
encontro coa cineasta Joanna
Hadjithomas, cineasta e artista
que colabora habitualmente con
Khalil Joreige e posúe un poderoso
discurso intelectual sobre a
imaxe e a memoria. O Líbano
de hoxe pasa por unha conversa
con cineastas de diferentes
xeracións mais posteriores á de
Bagdadi, incluída a xente máis
nova, nacida á volta do cambio de
século. “Cando vin as entrevistas
que se conservan de Maroun
comprendín que estaba falando
dalgunha maneira tamén dos
nosos problemas. Algunhas cousas
son distintas, mais no esencial é
o mesmo. E son entrevistas feitas
corenta anos atrás. Eu non quería
falar de min, quería ver as miñas
compañeiras e compañeiros. E
ademais quería acabar nunha
sala de cinema. Pregunteilles que
pensaban e empezaron a falar
entre si. Eu escoitábaos e pensei:
isto é exactamente o que quero.
Non quero meterme na conversa,
vounos deixar falar. Foron dúas
horas e, como é lóxico, iso supuxo
un problema na montaxe. Mais
en realidade debuxouse unha liña
que vai desde 1975 até agora”. Un
período da historia marcado por
episodios traumáticos máis aló
da guerra civil, como a criminal
ocupación israelí, o conflito con
Siria, e, máis recentemente, a
crise económica que derivou nas
protestas de 2019, a chamada
“revolución do 17 de outubro”, ou
a brutal explosión no porto
de Beirut de 2020.
Maroun Bagdadi “estaba
obsesionado coa realidade”.
Algúns dos personaxes reais que
atopaba nos seus documentais
encontrámolos logo nas ficcións,
mesmo que se trate de aparicións
anecdóticas; en Pequenas
guerras, por exemplo, sae un
mozo que perdeu unha perna que
xa filmara con anterioridade e
quixo ter de novo para un plano
concreto. “Escribía os guións
sobre a base do que vía na vida
ou o que investigaba para os
documentais”. Iso, dalgunha
maneira, liga entre si todos os
seus filmes, independentemente
da carga de ficción que posúan.
Contou o seu tempo e a súa
realidade, que penetra en cada
fotograma, mais a partir diso
xorde a poesía e a reflexión.
Algúns dos seus filmes parecen
enganosamente sinxelos mais
responden a ideas labradas
de xeito minucioso. As máis
fermosas de todas as nais (1978)
filma xente que fala sobre un
“mártir” da guerra. Ao principio
poderíamos pensar que se refiren
a unha única persoa, mais a
abundancia e a diversidade das
testemuñas insinúa que non é así:
o “mártir” é un e moitos, unha
pluralidade de corpos entregados
aquí e acolá á voracidade da
maquinaria bélica. Unha longa
serie de fotografías que amosan
os rostros das vítimas acabará
por desvelar as dolorosas
dimensións do sacrificio. En
cada rostro cabe imaxinar os
soños e as esperanzas arrasadas
pola violencia, os proxectos
frustrados, as experiencias e o
amor compartido coas persoas
que, aínda vivas, os lembran con
emoción. Como contrapunto
entrevista tamén camaradas
en activo, xente nova en mans
dunha Historia sobre a que non
teñen control, quizais futuros
mártires. A encomenda patriótica,
o exercicio de propaganda,
Maroun transfórmao nunha
alegación pacifista. Na guerra
non hai espazo para a inocencia,
todas as guerras manchan. Nós
estamos pola patria (1979) foi
tamén un encargo político, mais
o resultado non gustou: era
demasiado “artístico”. Isto é, era
demasiado bo, fóra de calquera
etiqueta utilitaria. Contra o final,
unha impresionante montaxe
opón planos curtos de militares
armados coas facianas de nenos
e nenas que afirman, con orgullo,
“eu son do Sur”. Ese afastado sur
que foi tamén unha revelación
para o cineasta. Para el, o amor
por un país e a súa causa exixe
espírito crítico, exixe reprobar o
sectarismo, condenar a corrupción
e as inxustizas do sistema, clamar
pola igualdade e a liberdade. As
súas imaxes, por iso mesmo, non
queren recrearse na agonía nin
facer espectáculo da dor. O Beirut
destruído non é un decorado,
é unha cidade que resiste.
Mesmo hai certa celebración da
capacidade de atopar espazos
de felicidade e de pracer entre o
ruído das explosións. “Eu propia
vivín a guerra”, di Feyrouz. “Ben,
era unha rapaza nesa altura, mais
crecín coa guerra e podo dicirche
que viviamos coa normalidade
que reflicten os personaxes de
Maroun. Eu ía ao colexio todos os
días e cando estabamos en clase
e empezaban os bombardeos,
marchabamos para a casa. Era
así sempre. Por iso é que cando
agora vemos Pequenas guerras
no Líbano, todo o mundo
adora o filme, porque está cheo
de verdade. Non eran só os
bombardeos; a xente vivía, saía,
tomaba unha copa, bailaba. A vida
é mesmo máis intensa durante
unha guerra e iso foi o que el
quixo retratar”.
 |
| Tshweesh (Feyrouz Serhal, 2016) |
Esa noción de resiliencia é
tamén esencial á curta que deu
a coñecer internacionalmente
a Feyrouz Serhal, a espléndida
Tshweesh, que cobre un arco de
varias décadas no Beirut recente
que se insinúa por referencias
sutís a diversos mundiais de
fútbol e orde con iso unha sorte
de continuo espazo-temporal, un
eterno-retorno de ataques aéreos
após os cales todo volve ao seu
estado ordinario. “Acho que toda
a humanidade, cando se enfronta
a situacións drásticas, tira para
adiante. É a única maneira. E a
xente libanesa e a mediterránea
en xeral ama a vida, é xente
positiva, e si, van bailar, van tocar
música. Cando haxa bombardeos,
agocharanse, mais o resto do
tempo vivirán a vida”.
A vida
continúa
Maroun Bagdadi tiña vinte
e cinco anos cando
presentou a súa primeira
longametraxe,
Beirut Oh Beirut
(1975), un retrato coral dun país
en vésperas de estoupar. Todas
as súas escenas vibran cunha
estraña tensión que parece
anticipar a inminente guerra civil
que desangrou o país até 1990. A
súa segunda ficción,
Les Petites
Guerres (1982), con Ed Lachman
na dirección de fotografía, foi
rodada en pleno conflito, aínda
que se ambientaba anos atrás,
no inicio do mesmo. O relato
estrutúrase arredor do triángulo
que forman un home que marcha
de Beirut para se converter nun
señor da guerra, a súa namorada,
que decide axudalo planificando
o secuestro dun empresario rico
(a actriz Soraya Khoury, esposa de
Maroun) e un cínico fotógrafo de
prensa que sobrevive traficando
con drogas. Paradoxalmente,
é unha obra menos escura e
inquietante, un fascinante paseo
pola normalidade e a resistencia
entre a violencia e o caos.
 |
| Imaxe de Pequenas guerras (Familia de Maroun Bagdadi) |
O encontro
con Rosalía
Feyrouz Serhal ten pendente
de estrea en Galiza as
súas dúas anteriores curtas. I
Come From the Sea, exhibida
en grandes festivais coma
Shanghai ou Oberhausen,
explora a capacidade infantil
para recoñecer a maxia da vida, a
alegría que xorde do inesperado,
de escoller un camiño diferente
do previsto. O resultado dialoga
coa tradición da mellor arte
para as crianzas, dos filmes de
Abbas Kiarostami para a Kanoon
ao equilibrio entre fantasía e
realidade d’O Globo Vermello de
Albert Lamorisse. A fermosa Sen
Ti, produción de Zeitun Films,
inspírase en Rosalía de Castro,
“en como comprendín Galiza a
través desta marabillosa escritora.
Ao principio non foi doado,
estaba lonxe dela, pechada nun
apartamento pequeno durante a
pandemia da Covid-19. Mais ela
levoume a lugares, aos ríos, aos
bosques, á súa fermosa tristeza e
melancolía. Foi como unha viaxe
fermosa con ela e a película é o
resultado dese encontro meu
con Rosalía”.
 |
| Sen Ti (Feyrouz Serhal, 2023) |
Martin Pawley. Artigo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 31 de agosto de 2024. As persoas subscritoras tamén poden ler o artigo nesta ligazón.