Amosando publicacións coa etiqueta Comunidade Saharauí en Galiza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Comunidade Saharauí en Galiza. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de abril de 2026

Manifesto da comunidade saharauí de Galiza: por unha regularización xusta

A Comunidade Saharauí de Galicia expresa a súa profunda preocupación e rexeitamento ante os procesos de regularización extraordinaria que exclúen as persoas saharauís en situación de apatridia. Ao mesmo tempo, queremos manifestar que valoramos positivamente a regularización de moitas persoas migrantes, xa que supón un avance en dereitos, dignidade e xustiza social. Alegrámonos sinceramente por quen ven recoñecida a súa situación administrativa tras anos de incerteza. Porén, non podemos evitar sentir indignación e frustración ao comprobarmos que, unha vez máis, o noso colectivo queda fóra destas medidas.

O pobo saharauí arrastra desde hai décadas unha realidade marcada polo desarraigamento, o exilio e a negación de dereitos fundamentais. A falta de recoñecemento pleno da súa nacionalidade coloca miles de persoas nun limbo xurídico que limita o seu acceso a dereitos básicos, entre eles a regularización administrativa. Esta exclusión non é un feito illado nin técnico: é unha forma de invisibilización institucional que perpetúa a desigualdade. Consideramos inaceptábel que os criterios de regularización non contemplen de maneira específica a situación das persoas apátridas, que maioritariamente son saharauís, cuxa condición responde a causas históricas e políticas amplamente documentadas. Ignorar esta realidade supón reforzar barreiras estruturais que impiden a integración social, laboral e xurídica.

-O recoñecemento explícito das persoas saharauís apátridas dentro dos procesos de regularización.
-A adopción de medidas específicas que atendan a súa situación xurídica excepcional.
-O cumprimento dos compromisos internacionais en materia de dereitos humanos e protección de persoas apátridas.
-A garantía de igualdade de tratamento e acceso a dereitos fundamentais, sen discriminación por orixe ou status xurídico.

Así mesmo, convocamos a cidadanía a unha manifestación o próximo 23 de abril ás 20:00 horas, diante da Subdelegación do Goberno na Coruña, para erguermos a voz contra esta exclusión e exixirmos solucións xustas.

Facemos un chamamento urxente a todas as asociacións, colectivos sociais e entidades solidarias para que se sumen e apoien esta mobilización. A unión é clave para lograrmos cambios reais e para garantirmos que ningunha persoa quede atrás.

Por unha regularización sen exclusións. Por dignidade, xustiza e dereitos.

Comunidade Saharauí en Galiza