![]() |
| Gabriel Azorín. Imaxe: Amador Lorenzo para Filmika Galaika, DVEIN Films e Bando à Parte |
Se houbese que poñerlle unha data inicial ao nacemento do filme, estaría á volta do teu descubrimento das termas de Bande.
En 2017 fun alí cuns amigos e cando se fixo de noite quedei só, tumbado nunha desas bañeiras en forma de sarcófago que son tan importantes logo na película. Como non hai luces artificiais de noite non podes ver nada a non ser que ergas a cabeza e mires o ceo, e eu tiven a sorte de que aquela noite había un ceo estrelado incríbel. Foi un intre de introspección e intimidade e fíxome pensar na cantidade de xente que ao longo da historia faría o mesmo xesto ca min naquel lugar. Volvín a casa con gana de rodar alí, mais era simplemente un desexo e precisaba ter unha idea cinematográfica. Dous anos despois, cando estaba na Elías Querejeta Zine Eskola e o cinema de António Reis e Margarida Cordeiro me tiña moi obsesionado pola súa capacidade de revelar os diferentes tempos que habitan un lugar, pensei de novo nas termas e propúxenlle a María Antón Cabot e Carlos Pardo Ros, colegas do colectivo lacasinegra, que me acompañasen a Bande para constatar se seguía vivo aquel desexo. Desta vez fomos máis precavidos e levamos unha cámara de alta sensibilidade; após bañármonos pola tarde caeu a noite e coa cámara gravamos uns rapaces que andaban alí tamén. Cando de regreso á casa revisamos as imaxes comprendín que non tiñan tempo, que se os rapaces non levasen teléfonos e traxes de baño con piñas sería imposíbel determinar se eran de hoxe, da Idade Media ou de hai dous mil anos, e iso xa era unha idea propiamente cinematográfica. Foi unha sorte de “eureka”.
Así xorde a convicción de facer o filme, mais como desenvolve a obra final?
Foi un camiño de ida e volta. As termas en orixe estaban asociadas ao campamento militar de Aquis Querquennis, do século I da nosa era, así que a presenza de mozos romanos estaba clara dende o principio. A idea de que houbese mozos contemporáneos tamén, mais a primeira intuición apuntaba a engadir máis capas de tempo, talvez a guerra civil, talvez o campesiñado no século XIX… Cando empecei a traballar no guión co amigo Celso Giménez, da compañía teatral La Tristura, acordamos que houbese só dous tempos para facer máis sinxela a película e que esa simplificación nos permitise xogar con elementos que nos interesaban como o paso do tempo, a duración, habitar os lugares… elementos que a miúdo no cinema fican devorados polos temas e as tramas. Tamén limpamos moito os asuntos a tratar e concentrámonos na amizade e nesa sensación tan humana de que nalgún momento da vida nos sentimos sós (...)
Martin Pawley. Entrevista publicada no Nós Diario do 25 de abril de 2026. Podes ler a entrevista completa no sitio web do xornal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario