![]() |
Sesión fotográfica para o disco, 1985. Fonte: sitio web Proxecto Xorima. |
O grande salto acontece en 1983 coa visita ao mítico Festival Intercéltico de Lorient, unha proposta que xorde a consecuencia da súa actuación nunha cita emblemática máis próxima, a de Pardiñas en Guitiriz. Para alén do artístico, polo feito de convivir por primeira vez en igualdade de condicións con moitas bandas internacionais de alto nivel, ir a Bretaña era para aqueles mozos a primeira grande viaxe, moitos días a durmir lonxe da casa nun xenuíno coming of age que marcaba un antes e un despois. Supuxo, tamén, a descuberta de que Galiza “non era unha illa musicalmente”, que podían tocar unha xiga cuns irlandeses e constatar que aquilo, a fin de contas, “é unha muiñeira”, di Xosé Ramón.
Non tardou en chegar o disco, en singular: non houbo máis. Gravárono en Madrid en 1985 no horario máis barato do estudio, durante a noite e a madrugada. A limitación inherente ao formato LP, 40 minutos de música repartidos polas dúas caras, motivou a escolla das pezas máis alá do que puidera dar de si o repertorio da banda. Fixo fortuna aquí e acolá; pezas como O gaiteiro avergoñado están cosidas ás neuronas de moitísimas persoas, mesmo aquelas que nunca souberon da banda de seu, a causa da súa utilización masiva como banda sonora en infinidade de programas de radio e televisión. É un deses discos que conseguiron ser populares e de culto, que non caducan, que pode escoitarse hoxe para recoñecer nel intacta a enerxía e a solvencia que tiña no seu lanzamento. Puido ser o comezo dun longo camiño, mais coa mesma naturalidade coa que naceu, Xorima, ou polo menos a Xorima orixinal, desapareceu. A banda estirou a súa vida aínda uns anos con cambios na formación, entre eles a incorporación de Xabier Bueno ou Quim Farinha, figuras clave logo de Fía na Roca e Berrogüetto.
Nunha entrevista da curta, Xosé Luis Rivas “Mini” evoca as emocións propias daqueles anos 80 de esperanza após a noite de pedra, a “tremenda ilusión pola música, por todo o que soara a galego, pola reivindicación, por presentar en galego, por cantar en galego, por afirmármonos como habitantes deste país”. O maior valor dun documental coma este é facer o exercicio de transmisión que conecta o noso pasado co noso presente. Non por saudade nin por nostalxia, senón para saber de onde vimos e en que nos convertemos. Nunha era marcada pola fragmentación do coñecemento e polo ritmo acelerado que banaliza todo até facelo irrelevante, é máis importante ca nunca tecermos fíos interxeracionais e aprendermos dos erros e dos acertos que xa cometeron aqueles que nos anteceden. Comprendermos que antes de “hoxe” houbo un “onte”, que non debemos dar nada por suposto, que todo o que cambiou pode mudar outra vez, se quixermos. Que precisamos conxugar os verbos en plural para “sermos” algo.
Martin Pawley. Artigo publicado para o Caderno de Estudos Chairegos 2024 editado polo Instituto de Estudos Chairegos.