luns, 7 de agosto de 2023

Entrevista a Isabel Ruth: "Para actuar, a persoa ten que se desdobrar e finxir, e eu nunca gostei moito de finxir"

Lenda viva do cinema, Isabel Ruth (1940) traballou cos principais directores portugueses do pasado e segue a ser unha figura de referencia no presente. Achegouse ao Curtas Vila do Conde para a estrea de Estações da Vida: Vento da Desordem de Tomás Baltazar e iso facilitou esta conversa cunha das mellores actrices do mundo. 

Isabel Ruth no Curtas, xuño de 2023. Imaxe: João Brites/Curtas Vila do Conde

Como foi a súa chegada ao cinema?
Nunca pensei en ser actriz de cinema nin de teatro, porque a miña vocación dende moi pequeniña foi a danza e a música. Eu era bailarina clásica, aparecín na televisión varias veces como bailarina e tamén nalgúns filmes da RTP, o Paulo Rocha viume e convidoume a facer Os Verdes Anos (1963). Viu un rostro que lle gustou, eu era moi moderna na época, tiña unha aparencia moi nouvelle vague. A rodaxe foi fácil, porque practicamente nós eramos amadores, en sentido literal, persoas que aman o que fan. Paulo tiña unha postura sempre moi pacífica e pasou o filme todo a contarme aquelas historias lindísimas do Xapón, que ouvía con moito pracer. Eu non estaba habituada a representar o texto, achaba aquilo todo moi estraño, e había cousas que non quería facer, dicía “eu iso non o digo, iso non o fago”, e el encontrábao gracioso. Fun o máis natural posíbel, naquela idade tiña un rostro bonito e calquera cámara que me filmase eu ficaba ben. Eu aínda prefiro Mudar de Vida (1966), aí xa tiña máis consciencia de representar e estaba máis a gusto. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario