domingo, 1 de outubro de 2023

Isabel Ruth, lenda do cinema

Unha felicidade inesperada no Curtas Vila do Conde deste ano foi coñecer e entrevistar a Isabel Ruth, unha das mellores actrices da historia. Reparen en que non digo “do cinema portugués”, digo “da historia”, sen máis. É unha lenda viva, como é tamén Luís Miguel Cintra, actor inmenso con quen compartiu pantalla en varias ocasións, por exemplo no testamento fílmico de Paulo Rocha, Se Eu Fosse Ladrão, Roubava (2012), fascinante exercicio de autopoética onde encarnaban, nin máis nin menos, aos avós do director. Gústame insistir en que non hai persoa no mundo que represente tan ben un cinema nacional como Isabel Ruth respecto do cinema portugués (e se houber alguén que se puidera comparar con ela nese rexistro sería, precisamente, Cintra). Ao longo de sesenta anos de carreira e até a actualidade, Isabel traballou coa maioría das figuras que deron fama e honra ao cinema do país diante e detrás das cámaras e fica asociada a unha multitude de filmes esenciais. 

Isabel Ruth en "Mudar de Vida" (Paulo Rocha, 1966)

Nacida en Tomar o 6 de abril de 1940, na conversa non perde ocasión de recordar a súa ascendencia galega: o seu bisavó era de Santiago de Compostela e esa herdanza levouna a poñerlle Tiago ao seu fillo. Atraída pola música e a danza dende nena, formouse como bailarina clásica e nunca pensara en dedicarse a interpretación até que Paulo Rocha viu nela a Ilda ideal d’Os Verdes Anos. Foi unha revelación, unha conxunción milagrosa de talentos que abriu un tempo novo e captou o desencanto e a amargura de quen non se adapta a unha sociedade e unha cidade en transformación, unha Lisboa “sem saídas, onde tudo se frustra e tudo agoniza numa morte branda”, segundo escribiu João Bénard da Costa. Repetiu co director noutra obra mestra, Mudar de Vida, elexía a un modo de vida que se extingue, a pesca tradicional na costa do Furadouro, que ademais expresaba de maneira sutilísima as feridas da guerra nas colonias a través do personaxe principal, en mans do actor brasileiro Geraldo del Rey, antes protagonista de Deus e o Diabo na Terra do Sol. Isabel Ruth tiña menos tempo en pantalla mais cando sae é “uma chama a arder”, escribiu o propio Paulo. A súa Albertina é unha forza da natureza entre forzas da natureza, unha muller coa coraxe precisa para afastarse dunha inercia de tristura e frustración. No medio houbo outra marabilla, Domingo à Tarde de António de Macedo, asombroso drama médico sobre a angustia existencial derivada da imposibilidade de evitar unha morte.

Viñeron logo os anos italianos, dos que saíron algunhas películas e o encontro e a amizade con Ninetto Davoli e Pier Paolo Pasolini. Ao mítico director italiano pediulle un papel no seguinte filme que ía facer e aquel respondeu que xa tiña actriz, Silvana Mangano. “Obviamente que entre a Silvana Mangano e eu, eu tamén escollía a Silvana”, díxome Isabel entre risos, mais aínda así Pasolini encontroulle oco para unha figuración en Edipo Rei, apenas unha aparición cun cordeiriño no colo. Despois desa etapa, unha década de ausencia. Foron anos de viaxes e coñecemento, do mundo e de si mesma. Cando regresou a Portugal non tardaron en chegarlle propostas. Conversa Acabada e Tempos Difíceis con João Botelho, O Bobo de José Álvaro Morais, Leopardo de Ouro en Locarno, a espléndida Agosto de Jorge Silva Melo e o grande reencontro con Rocha n’O Río do Ouro, cuxas paixóns tráxicas con sabor a cantar de cego xuntan as dúas almas do cineasta, a materia rural, popular e comunitaria e o espírito máis requintado, literario e barroco, un equilibrio que acada niveis de posta en escena admirábeis n’A Raíz do Coração, prodixio de sofisticación extrema. E os diversos traballos con Manoel de Oliveira -“eu respectábao moito e el tamén me respectaba a min”- mais tamén coas máis novas seguintes xeracións de cineastas, a Teresa Villaverde d’A Idade Maior e Os Mutantes, o Sérgio Tréfaut de Viagem a Portugal, Treblinka e Raiva ou o Pedro Costa que con Óssos deu por rematada a súa relación cos modos de produción convencionais. Sen esquecer, por suposto, a sensacional Xavier de Manuel Mozos, en moitos sentidos herdeira d’Os Verdes Anos no retrato duns personaxes á busca dun cuarto propio nun tempo cambiante, ou a relectura que do clásico de Rocha fixeron João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata en Onde Fica Esta Rua?, que reconstrúe o orixinal plano a plano na actualidade e lle regala á actriz memorábeis escenas musicais. A ela, que aos seus 83 gloriosos anos está a punto de gravar un disco con cancións da súa autoría. Isabel Ruth, grande entre as grandes. 

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 8 de agosto de 2023, terza feira. Pódese ler nesta ligazón unha entrevista con Isabel Ruth no mesmo xornal. O artigo sobre Isabel Ruth e a entrevista poden lerse ademais en español no sitio web de Roger Koza, Con los ojos abiertos

Ningún comentario:

Publicar un comentario