Amosando publicacións coa etiqueta Maroun Bagdadi. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Maroun Bagdadi. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de setembro de 2024

Maroun regresa a Beirut

Maroun regresa a Beirut (Feyrouz Serhal, 2024)

Ao inicio do magnífico documental que se estrea estes días no Festival de Venecia, Feyrouz Serhal relata unha asombrosa anécdota sobre o cineasta Maroun Bagdadi. Mentres traballaba no guión para unha película que se ía chamar Corners xunto ao seu amigo Hassan Daoud, este reparou en que tiñan decidido como matar a dous dos personaxes mais faltáballes por inventar a causa dunha terceira morte. Cando Hassan lle preguntou como resolver ese oco na narración, Bagdadi respondeu sen dubidar que debía ser unha morte estúpida, que o personaxe, por exemplo, caese polas escaleiras dende o máis alto da casa da súa nai para morrer de xeito inmediato sen que ninguén se decatase. Pouco despois, foi o propio Maroun Bagdadi quen morreu desa maneira, caendo dende o máis alto das escaleiras da casa materna. Esa fatal casualidade encaixa ben coa lenda dun director brillante e un home sedutor, xeneroso e carismático, que asumiu o cinema como unha enfermidade sen cura e non quixo marcar grandes diferenzas entre a súa traxectoria persoal e profesional. No seu mellor filme, Pequenas guerras, representouse a si mesmo morto: a súa fotografía pasa de man en man entre diferentes personaxes que honran o seu recordo. Sendo como foi un home vitalista e enérxico, sempre en acción, é curioso o importante que foi a morte na súa obra. Nun dos textos que recolle Feyrouz, Maroun afirma que os seus filmes "se interesan por unha única verdade, que é a morte. A morte é sempre máxica. A morte, que pode ser descrita como a única certeza, mais non sabemos nada sobre ela".

Son moitas as razóns para o aplauso ante unha lección de cinema como é Maroun regresa a Beirut. É, para empezar, unha perfecta introdución á figura de Maroun Bagdadi, que foi no seu tempo o máis destacado cineasta libanés, seleccionado nos festivais de Venecia e Cannes –e premiado como mellor director no certame francés pola que é quizais a súa ficción máis discutíbel, Hors la Vie– , mais sobre quen caeu o pano do esquecemento co paso dos anos, máis de trinta xa dende o seu falecemento. Tempo abondo para avaliar mellor as súas películas e admirar nelas un inmenso virtuosismo disfrazado a miúdo de simplicidade. Para quen non as coñeza, o documental de Feyrouz presenta unha escolma exemplar de escenas habilmente contextualizadas, mais, sobre todo, achéganos o home detrás da cámara, un ser humano real, nin un santo nin un demo, coas súas virtudes e contradicións e amado, de maneira verdadeira e profunda, por xente que garda e celebra hoxe a súa memoria: o xa citado Hassan Daoud, Fawwaz Traboulsi, Elie Adabachi ou a súa viúva, a actriz Soraya Khoury. As feridas, se as houber, cicatrizaron; o tempo todo o cura e a longo prazo o único que fica é o amor. Esa sensación é moi nidia no filme porque Feyrouz foi capaz de crear a confianza necesaria, falou o tempo preciso para saber que información debía obter de cada persoa e fixo as preguntas axeitadas para compoñer un retrato honesto e elegante de Maroun. É un documental claro e clarificador, moi lonxe desa absurda tendencia de certa non ficción que se empeña en ser enigmática e elíptica para acabar sendo unicamente confusa. Feyrouz faise presente no filme e comparte planos cos homes e mulleres que entrevista; planos, dito sexa ao paso, marabillosamente ben compostos en escenarios marabillosamente ben escollidos. É unha cineasta que estuda outro cineasta, que se recoñece na paixón compartida pola cidade de Beirut, polas rúas e calellas que percorre nun coche vermello descapotábel semellante ao que tiña aquel; que se recoñece, tamén, na paixón pola creación artística. De feito, unha elocuente dedicatoria desvela dende o principio todas as cartas: "A Maroun. A Beirut. Ao cinema".

O diálogo con Joana Hadjithomas e logo, nun apaixonante bloque final, con máis cineastas do Líbano que escoitan declaracións de Bagdadi corenta anos atrás, sinala unha infeliz continuidade: os problemas mudan, mais facer cinema no Líbano segue sendo un desafío. A conflitiva historia recente do país non axuda e, como se di explicitamente nesa secuencia, "cada xeración ten o seu propio 1975", en alusión ao comezo da guerra civil.

"Teño moitas preguntas nos meus filmes, mais moi poucas son as respostas. Teño máis preguntas e asombros ca respostas. Observo, percibo e especulo, mais non dou respostas. Amoso as miñas dúbidas sen chegar a ningunha certeza", lemos noutro texto de Bagdadi. Máis unha mostra da lucidez dun cineasta que redescubrimos agora grazas ao talento de Feyrouz Serhal.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario, 6 de setembro, sexta feira. O Sermos Galiza publicou, ademais, unha reportaxe-entrevista máis ampla coa directora, "Feyrouz Serhal. A poesía está por todas partes"

sábado, 31 de agosto de 2024

Feyrouz Serhal. A poesía está por todas partes.

O anuncio da programación do festival de cinema de Venecia trouxo unha feliz sorpresa, a selección da longametraxe documental Maroun regresa a Beirut da directora libanesa Feyrouz Serhal, moi ligada ao noso país. O filme, que forma parte da sección competitiva Venice Classics, revisa a traxectoria vital, política e artística de Maroun Bagdadi, na súa altura o cineasta máis importante do Líbano, que faleceu en 1993 aos 43 anos por mor dun fatal accidente.
Feyrouz Serhal e Fawwaz Traboulsi no filme Maroun regresa a Beirut

O Festival Internacional de Cinema de Venecia ten, desde 2012, un contedor específico para mostrar grandes películas de todos os tempos en copias restauradas, Venice Classics. A intención expresa é a de explorar a diversidade da creación ao longo da historia, e así este ano poderán verse clásicos de autores sobradamente coñecidos coma Michelangelo Antonioni (La Notte), Howard Hawks (His Girl Friday) ou Fritz Lang (The Big Heat), mais tamén outros nomes menos familiares mesmo para a cinefilia máis atenta, como é o indio Girish Kasaravalli (Ghatashraddha). Canda esas recuperacións, a sección conta tamén cunha competición de documentais sobre o cinema ou sobre cineastas onde encontrou o seu sitio o filme de Feyrouz Serhal para abrir unha gratificante conexión galega na selección oficial da mítica Mostra italiana: a directora libanesa traballa habitualmente con Zeitun Films, compañía da que é máximo responsábel Felipe Lage, que coproduciu a súa curta Tshweesh, estreada no Festival de Locarno en 2017, e ten agora en desenvolvemento a súa primeira longa de ficción, I Am Here But You Can’t See Me. Tamén coa Zeitun realizou xa unha curta de produción 100% galega, Sen Ti, que tivo a súa estrea internacional en festivais en Marrocos e no Líbano. A protagonista é Rosalía de Castro, a escritora e a estrela, que descende unha noite do firmamento até a terra para reunirse co seu amado. Un reencontro que a directora sitúa nun espazo industrial, unha factoría do sector da madeira, porque “a poesía está en todas partes”, explica durante unha longa conversa na Coruña (...)

Martin Pawley. Artigo completo publicado no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 31 de agosto de 2024. As persoas subscritoras poden ler o artigo nesta ligazón.