Amosando publicacións coa etiqueta Alfaguara. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alfaguara. Amosar todas as publicacións

domingo, 18 de xaneiro de 2015

Días de Nevada

De agosto de 2007 a xuño de 2008 o escritor Bernardo Atxaga viviu coa súa muller e fillas en Reno, atendendo o convite do Centre for Basque Studies da Universidade de Nevada. Da experiencia nace Días de Nevada, que vén sendo coma un blog -sublime- mais en papel, un libro-cóctel que mestura o relato ordenado e cronolóxico dos meses vividos nos Estados Unidos -as viaxes, os episodios cotiás, os primeiros pasos da campaña electoral de Barack Obama e Hillary Clinton, os sucesos tráxicos que trae a prensa- con reflexións, recordos persoais e exploracións narrativas como a que evoca a figura, fascinante e terríbel, do boxeador Paulino Uzcudun. O resultado é plenamente coherente co universo de Atxaga, que se mantén sempre vivo independentemente da carcasa que o envolve, sexa a da novela canónica de aventuras como na excepcional Sete casas en Francia, ou se, como acontece nesta, adopta unha pluralidade de formas que nos inducen a falar de hibridación de xéneros. Asombra, máis unha vez, a eficacia da prosa do guipuscoano, a súa habilidade para emocionar dende a contención, para dicir sen dicir, para crear ecos que van e volven: as mortes na familia, as xuntanzas, os desencontros, a magnificencia dunha natureza que escapa da comprensión humana, os animais (ameazadores, tamén inevitabelmente atraentes), a violencia e o mal (e o medo que provocan). En Días de Nevada fúndense a realidade e os soños, os feitos e as fábulas, o pasado e o presente, igual que na cabeza anciá da nai do escritor non hai outro "hoxe" que a distante adolescencia en Eibar. Non somos máis ca memoria; memoria, amor e compaixón, a mesma que leva a Sara, a filla, a chorar sen consolo polo destino fatal de King Kong: el facíao sen querer, e os outros, querendo, di. Unha frase que, por si soa, desvela a inmensa nobreza do autor.

Martin Pawley