sábado, 7 de febreiro de 2026

Anxos Fazáns, aprender a soltar.

Tres meses despois da súa estrea mundial na competición oficial do certame “Black Nights” de Talín (Estonia), o 20 de febreiro chega ás salas de cinema As liñas descontinuas, a segunda longametraxe de ficción de Anxos Fazáns (Seixo, Marín, 1992). Un filme construído arredor de dúas persoas que se encontran da forma máis inesperada e acaban por transformarse a unha á outra no curso duns poucos días de convivencia e (auto)descubrimento, a aceptación reveladora dos camiños que se abren por diante.

Como nace o proxecto e en que medida o filme estaba moi escrito ou mudou coa elección da actriz e o actor que o protagonizan?
Foi un proceso longo. Comezou cunha idea moi vaga a partir da premisa base dun asalto a unha casa, o ladrón que queda durmido e a persoa dona da casa atópao alí dentro. Nese momento os personaxes non estaban definidos, non sabía nin o xénero nin a idade; todo se baseaba nunha noticia que lin hai moitísimos anos do caso real dun ladrón que fica durmido nunha casa. Cando intentei atopar a noticia orixinal constatei que casos coma ese suceden en diferentes partes do mundo a cada pouco. Esa era a escusa, o punto de partida, mais no fondo a min o que me interesaba deses dous personaxes, que claramente non teñen nada en común e se atopan nunha situación moi violenta na que o habitual sería que xurda o odio, a rabia, o medo e a violencia, era explorar a posibilidade de que iso non aconteza entre eles e pola contra encontren un espazo para se coñeceren. A idea formuleilla a Silvia Fuentes, a miña socia e produtora, mentres viaxabamos ao Festival de Sevilla en 2017 para a estrea da miña primeira película, A estación violenta; iamos no coche e durante a longa viaxe intentei convencela do argumento e ela retrucábame que non podían coñecerse, que o normal sería chamar á policía, que era unha situación imposíbel, e eu entendía que tiña razón, mais debía haber un xeito de escribir esa historia. Empecei a matinar quen tiñan que ser esas persoas para que iso fose posíbel e como debían suceder as cousas para que chegasen a coñecerse. Foi un proceso curioso porque se ben é unha historia de personaxes, ao comezo estes non estaban, estaba só a narración, a trama. A primeira decisión que tomei foi elixir o seu xénero e idade; a idade era bastante evidente porque parecía obvio que a persoa dona dunha casa debía ser maior ca a persoa que entra nela. Porén, ao xénero deille moitas voltas. Eu xusto estaba investigando a cuestión de xénero, sempre me interesou moito traballar sobre o corpo, a sexualidade e as temáticas asociadas. Decidín bastante cedo que a persoa maior fose unha muller de 50 anos, porque están menos representadas no cinema, e axiña veu tamén que a persoa nova fose un rapaz trans, porque era unha realidade que comezaba a coñecer de cerca e tampouco existía unha representación no cinema que a min me parecese realista a respecto da xente que eu coñecía. Existen representacións da cuestión trans, aínda que máis das mulleres trans, mais historicamente tiraban moito dos clixés que todas temos na cabeza. Mais pasei anos escribindo e pensando sen saber quen ían encarnar eses personaxes. Sucede ademais que por esas datas fundamos Sétima, a produtora, e eu empecei a traballar tamén para outras directoras e directores, a traballar para levantar a empresa. Foron seis anos de ir avanzando coas reescrituras, coa obtención do financiamento, co desenvolvemento do proxecto e logo da propia produción (...)

Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 7 de febreiro de 2026. As persoas subscritoras poden lelo completo nesta ligazón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario