Naceu na Coruña o 1 de xaneiro de 1889, segundo recolle a súa biógrafa Mª Ángeles Cabré no libro, editado por La Vanguardia, María Luz Morales, pionera del periodismo. Formaba parte dunha familia acomodada e tiña un irmán e unha irmá. Contaba arredor de 6 anos cando marchou de Galiza por mor do traballo do seu pai, funcionario de Facenda. A familia viviu primeiro en Andalucía e logo estableceuse en Barcelona.
Estudou Filosofía e Letras e comezou a exercer o xornalismo a finais da década dos 10. E como sabía inglés e francés, ademais de castelán, catalán e galego (e en consecuencia, tamén portugués), puido dedicarse á tradución. En 1921 dirixe a revista El Hogar y la Moda, xerme do que logo sería (e aínda é) a revista Lecturas. Tamén en 1921 comeza a colaborar no xornal La Vanguardia. O seu primeiro artigo, Las hadas vuelven, saíu o martes 5 de xullo dese ano. Intégrase na redacción do xornal en 1923 e é nesa altura cando inicia a escrita de artigos sobre cinema co pseudónimo “Felipe Centeno”, que toma prestado dunha novela de Benito Pérez Galdós. As críticas de teatro, porén, asínaas co seu nome real, o cal dá idea de que ao cinema se lle daba unha importancia cultural moito menor (ela propia apuntou iso, décadas despois, nunha entrevista: “Yo, que tenía muchas pretensiones, no quise poner mi firma al pie de algo tan nimio como la crítica de cine”).
María Luz Morales é unha profesional respectada que dá habitualmente conferencias e é convidada ilustre a diversos actos. Algunhas noticias da prensa deses anos dan idea do seu recoñecemento e tamén do seu compromiso claro coas súas orixes galegas. Así, o 23 de febreiro de 1931 impartiu unha conferencia co título Rosalía de Castro y la lengua materna, que foi transmitida en directo por Unión Radio Barcelona. En xullo de 1932 está presente na visita ao Centro Cultural Gallego de Barcelona dos deputados Otero Pedrayo e Castelao, e en abril de 1934 participa “en nombre de las mujeres gallegas” nun acto en conmemoración do 88º aniversario dos mártires de Carral. A noticia en La Vanguardia (29 de abril) comezaba dicindo “En el Pazo Gallego, de Barcelona, celebraron los galleguistas residentes en nuestra ciudad un solemne acto en memoria de los héroes fusilados hace ochenta y ocho años en el pueblo de Carral, cerca de La Coruña…” (...)
Martin Pawley. Artigo escrito para o sitio web da A. C. Alexandre Bóveda. Pode lerse o texto completo neste enderezo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario