Xardín de rosas en memoria de Henry Fonda, no filme Henry Fonda for President. |
En xaneiro de 1976 a comedia televisiva Maude, creada polo guionista e produtor Norman Lear, dedicou un dobre episodio ao empeño da protagonista (Beatrice Arthur) por promover a candidatura de Henry Fonda á presidencia dos Estados Unidos, até o punto de converter a casa nunha oficina de campaña coa colaboración entusiasta de persoas amigas antes mesmo de falar co lendario actor. Cando este aparecía por alí, Maude lanzaba un apaixonado discurso no que lle dicía que el tiña algo que ningún outro candidato posuía, unha "honestidade espiritual" que lle permitiría liderar o país do xeito que "desesperadamente" precisaba, aínda recentes as feridas do Watergate e Vietnam. Con análoga enerxía Fonda non dubidaba en rexeitar a atrevida proposta. Minutos antes, outro personaxe da serie afirmaba que era estúpido pensar nun actor como posíbel presidente, para logo responderlle a Maude que lle gustaría que o fose Ronald Reagan. "Non me mires así", engadía, "Ronald Reagan nunca foi un actor e ti sábelo". Nas eleccións de 1980 Reagan acabou obtendo 440 votos electorais de vantaxe sobre o demócrata Jimmy Carter, un triunfo contundente que abriu unha era de expansión do liberalismo económico, o tecnocapitalismo sen freos e a redución dos estados que puxo o planeta camiño do colapso.
Crítico e programador de prestixio, director primeiro da Viennale e logo do Museo do Cinema de Austria, Alexander Horwath debuta como cineasta cun formidábel ensaio documental, con certeza un dos filmes de 2024, Henry Fonda for President, que leva ao título a idea soñada pola sitcom dos 70 (...)
Martin Pawley. Artigo publicado orixinalmente no Nós Diario o 12 de decembro de 2024, quinta feira. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo nesta ligazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario