por Miguel Castelo
Juan Antonio Bayona é un director de cine especializado en catástrofes. La sociedad de la nieve, a súa última película, conta unha delas. A súa condición de gañadora absoluta nesta última edición dos Premios Goya revela un determinado gusto cinematográfico. Cando menos o dos membros da Academia -a maioría- que a votaron. En segundo lugar, a coñecida traxedia aérea dos Andes leva o público ás salas. Sabido é que as desgrazas teñen o seu aquel de atavismo. Agora os galardóns recibidos incrementan o efecto chamada. Sabemos tamén que o de “baseada en feitos reais”, malia que estes sexan descoñecidos, constitúe un -discutible- mérito engadido. O que o persoal ignora é que neste caso este particular é parcialmente falso. Ou verdadeiro, como cada quen prefira. Certo é que un avión militar uruguaio con mozos xogadores de rugby e acompañantes, sobrevoando os Andes o 13 de outubro de 1972, por un erro de cálculo acabou esnaquizado sobre a neve cun balanzo de 16 falecidos e 29 sobreviventes, dos que, logo de 72 días de penuria, ficaron vivos 16. Falso é que establecesen entre eles un pacto de igualdade e que protexesen aos máis febles de carácter; existen fontes documentais, orais e escritas (1), que revelan que os que colleron o mando negaron durante un tempo comida aos remisos a seccionar cadáveres e aos feridos graves, tamén que reservaban para si as partes menos insulsas dos corpos como as do cerebro e as vísceras. Vista con atención, a película de Bayona suscita algunhas preguntas: como é posible que estes accidentados non fosen quen de facer un lume abondo intenso que puidese chamar a atención? Outra cousa é que logo este obtivese resultado. En que cabeza cabe que non se lles ocorrese facer algunha tentativa de procura de alguén no sentido Leste-Oeste, ao ancho do territorio? Como pode ser que, pertencendo todos a familias burguesas e abastadas, ideoloxicamente conservadoras e de fondas crenzas relixiosas, non se lles ocorrese facer un túmulo funerario en memoria dos mortos e deixaran tirados de calquera maneira os restos óseos? Tanto o que se mostra como o que se oculta, sitúan o relato no territorio da impostura. J.J. Bayona elude a procedencia social dos protagonistas, o contexto que determina personalidades, actitudes e comportamentos, e opta polos elevar á condición de heroes, cando está documentado que a situación vivida derivou da “lei do máis forte”; escolle mostrar “figuras” no canto de construír “personaxes”; inclínase polo espectacular en desprezo do conflito dramático, do transcendente, das preocupacións que atinxen ao ser humano. É unha escolla: a da desactivación do contrato coa audiencia. Daquela que non nos veñan coa cantilena dos “feitos reais”.Certo é que, entre as cinematografías europeas, a española semella ser, segundo a opinión dos propios profesionais, a máis apegada ao “modelo Hollywood”. Certo tamén que hai notorias excepcións. Faltaría máis. Mais non deixa de ser unha miga preocupante que, logo de cento e pico anos do invento, andemos aínda con este complexo ás costas. Conseguiremos algún día ver libres os nosos ombreiros desta caspa?
* * *
Nota (1): ¡Viven! La tragedia de los Andes, Piers Paul Read, Editorial Barreiro y Ramos, 1974 + Las montañas siguen allí, Pedro Algorta, LID Editorial Empresarial, 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario