Unha vez que o programa Radar permitiu presentar arredor de setenta filmes ao longo do ano, tanto estreas de cinema de autor como retrospectivas dedicadas a cineastas (Ida Lupino, Truffaut ou Robert Siodmak), a semana (realmente, dez días) de festival puido redefinir os seus contidos para asentarse como unha proposta diferente, singular: a aposta de SACO foi poñer o foco nas sinerxías creativas do cinema con outras formas artísticas e o recoñecemento dos oficios do cinema. As sesións con música en vivo pasaron a ser un elemento central, cunha actividade en particular que xa se converteu nun clásico, a proxección dun filme (Vértigo, O mago de Oz ou, en 2023, Cantando baixo a chuvia) coa interpretación en directo da súa banda sonora por parte da orquestra Oviedo Filarmonía. Mais a mestura de música e imaxes pode derivar en máis audaces maridaxes coma o tributo de Lagartija Nick á xeración do 27 o ano pasado ou o moi estimulante acompañamento sonoro que en marzo fixo El Niño de Elche a dous referentes da vangarda surrealista, Un perro andaluz de Luis Buñuel e A cuncha e o reverendo de Germaine Dulac.
Fotografía: Iván Martínez / SACO |
SACO tende pontes, tamén, entre o cinema e as artes plásticas. Unha cita obrigada é a visita ao excelente Museo de Belas Artes de Oviedo conducida por un cineasta, oportunidade que xa viviron Albert Serra, Manuel Martín Cuenca ou Arantxa Aguirre. En 2023 a visita tivo un guía de luxo, o director de fotografía José Luis Alcaine, auténtica lenda cuxa filmografía, que comeza nos anos 60, é case un completo “quen é quen” do cinema español: Francisco Regueiro, Josefina Molina, Narciso Ibáñez Serrador, Juan Antonio Bardem, Cecilia Bartolomé, Vicente Aranda, Manuel Gutiérrez Aragón, Víctor Erice, Montxo Armendáriz, Fernando Fernán Gómez, Carlos Saura, Bigas Luna, Pilar Miró e por suposto Pedro Almodóvar, con quen segue traballando na actualidade. Unha conversa con Alcaine, colaborador tamén de Brian de Palma, equivale a asistir a unha “masterclass”; ten un discurso rigoroso e amósase disposto a dar detalladas explicacións. No seu percorrido polo museo insistiu na enorme importancia que para el ten xustificar en cada plano de onde vén a luz e o seu porqué, para facer burla deses filmes nos que até o agocho dunha bruxa está escandalosamente iluminado por ducias de candeas.
A colaboración do festival co museo produce outro feliz resultado, El sonido del arte, que en edicións anteriores invitou deseñadores de son a crear ambientes para os cadros que elixan do centro. Na quinta edición desta iniciativa a persoa convidada foi El Niño de Elche, que seleccionou media ducia de pinturas arredor da idea da caída, o descendemento e o martirio para poñerlles voz e evocar sentimentos de sufrimento e rebeldía, da desesperación dunha nai ante un fillo morto ao berro da clase obreira ante as violencias que afogan.
SACO cultivou dende o inicio a amizade doutros festivais peninsulares, do FCAT de Tarifa, sobre cinema africano, aos portugueses Curtas de Vila do Conde e Porto/Post/Doc, que protagonizan actividades específicas. Unha oferta atractiva e diversa para todos os públicos, incluído o infantil, que ben podía servir de inspiración para algúns concellos galegos.
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 5 de abril de 2023, cuarta feira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario